Tras semanas de críticas do PP ao Goberno de España por "forrarse" co IVE dos combustibles, a metade do cal vai ás comunidades, agora a Xunta lamenta as medidas estatais contra a crise por reducir eses ingresos e non propón aínda outras alternativas
Tras comezar hai tres semanas os ataques dos Estados Unidos e Israel a Irán e subir o prezo dos carburantes, o PP vén acusando ao Goberno de España e ao propio presidente, Pedro Sánchez, de "forrarse" ou "facer caixa" co aumento de ingresos por IVE ou outros impostos afectados pola inflación. Alberto Núñez Feijóo mesmo chegou a dicir que "é inxusto que as familias perdan coa inflación mentres o Goberno gaña coa recadación". Porén, a metade desa recadación vai parar ás comunidades autónomas.
Este luns, despois de que o venres o Goberno de España decidise rebaixar o IVE dos combustibles e outros impostos, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, queixouse de que con esa medida a Xunta vai perder 120 millóns de euros en tres meses. Nada dixo sobre se ata agora o seu executivo se estaba a forrar, gañando ou facendo caixa co aumento da recadación por eses impostos.
Rueda puxo cifras ao efecto nas contas da Xunta das rebaixas de impostos decidida polo Goberno de España no IVE dos carburantes e nos impostos especiais sobre hidrocarburos e electricidade, a metade dos cales, aproximadamente, van para o Estado e a outra metade para as comunidades autónomas. Segundo o presidente, Galicia vai perder 40,2 millóns ao mes durante os tres meses que en principio está previsto que duren as medidas aprobadas polo Goberno de España xa en vigor pero pendentes de seren ratificadas polo Congreso. Serían 23 millóns ao mes polo IVE, 7,7 millóns polo imposto de hidrocarburos e 9,5 millóns polo imposto especial sobre a electricidade.
"Pedimos ser escoitados respecto das medidas a adoptar", dixo Rueda, que lamentou que o Goberno de Sánchez non o fixese. Pero o presidente galego non dixo este luns que medidas alternativas proporía ao Estado ou cales está disposta a adoptar a Xunta. Segundo dixo, será algo que faga nos próximos días, pero incidiu en "parte" das axudas xa aprobadas polo Estado "xa saen das arcas galegas".
Son "cantidades importantes que, se as asumira o Goberno, a Xunta podería destinalas a outro tipo de axudas", argumentou o presidente galego, para concluír que "os galegos teñen que ser conscientes de onde provén ese esforzo". Porque distanciándose agora da crítica do PP ao Goberno de España de que se "forra" cos impostos, Rueda salienta que a rebaixa de impostos "impacta nas facendas das comunidades autónomas, e a facenda das comunidades é a que sostén os servizos públicos".
Críticas de BNG e PSdeG á Xunta
Desde a oposición este luns reclamáronse actuacións a Rueda logo de que o Goberno de Sánchez aprobase as súas o venres e entrasen en vigor este domingo. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que "as bombas de Trump repercuten no peto das familias e o presidente Rueda está desaparecido". A nacionalista criticou que a Xunta non fixese "nin unha soa proposta, nin unha soa medida" e que o presidente se limite a "facer de comentarista sobre as medidas do Estado".
BNG e PSdeG piden á Xunta medidas específicas para Galicia que complementen as estatais
Ante esta situación, Pontón avanzou que a súa formación levará ao Parlamento galego un paquete de medidas de ámbito galego e traballará para mellorar as formuladas polo Estado.
Similar crítica á Xunta de inacción formulou o PSdeG por boca da súa deputada Elena Espinosa. A socialista considera que as medidas estatais de Sánchez "deben ser complementadas con axudas das comunidades autónomas, neste caso da Xunta de Galicia".