A renuncia a parte dos ingresos públicos mediante recortes de impostos vén sendo unha promesa recorrente do PP nos últimos anos tanto en Galicia como no conxunto do Estado. O ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, aínda como titular da Xunta e despois como líder estatal do seu partido, vén facendo bandeira do discurso anti impostos asegurando que o Goberno de España se "forra" co incremento da recadación de tributos coma o IVE por mor da inflación. O partido mesmo deu en afirmar que o propio Pedro Sánchez queda co recadado mediante os impostos que gravan a gasolina.
A evidencia de que as subas de prezos, pero tamén outros factores como o incremento da poboación que traballa, repercuten positivamente nas arcas públicas vén sendo ratificada por múltiples indicadores e así o certifican tamén os datos de execución orzamentaria de 2023, que o Ministerio de Facenda fixo públicos a modo de avance o pasado 1 de abril. Así sucede para o Estado, pero tamén para a Xunta. Non en van, o erario galego disparou o pasado ano ata un 20% a súa recadación vía impostos, segundo estas cifras.
Atendendo a eses datos -debullados nos últimos días tamén por Faro de Vigo e dispoñibles en internet para a súa consulta pública-, os ingresos por impostos directos (coma o IRPF ou Sucesións e Doazóns) aumentaron un 20,3% a respecto de 2022 en Galicia. Os indirectos, que gravan fundamentalmente o consumo con independencia da renda de cada persoa, caso do IVE, avanzaron un 21,5% nun exercicio no que outras vías de ingresos como as taxas ou prezos públicos por servizos prestados á poboación tamén aumentaron, concretamente máis dun 15%.
De 6.000 millóns a case 7.300
Segundo o Ministerio de Facenda, a recadación de impostos da Xunta aumentou nuns 1.255 millóns durante o pasado ano, na liña do estimado polo Goberno galego ao elaborar os seus orzamentos
Traducido a euros, a comparación dos datos de avance da execución orzamentaria galega de 2023 coa mesma información correspondente a 2022 -que consta no Ministerio aínda como provisional- amosa que os impostos permitiron á Xunta ingresar 1.255 millóns de euros máis. O maior incremento chegou pola vía dos impostos indirectos, sobre todo polo IVE, ao pasar de ingresar uns 1.800 millóns a máis de 2.400 (a metade deste imposto recae no Estado e a outra metade, nas arcas galegas.
Tamén aumentaron os ingresos pola vía dos impostos especiais, que atinxen a consumos específicos como hidrocarburos, alcol ou tabaco. Medraron en case 60 millóns: de algo menos de 850 a algo máis de 900. Mentres, o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (o que se paga, por exemplo, na compravenda dunha vivenda usada ou determinadas participacións empresariais) minguou e a Xunta ingresou por esta vía case 4 millóns menos: de 356 a 352.
No ámbito dos impostos directos o avance recadatorio para a Xunta foi en 2023 de case 590 millóns. O principal de estes impostos, o que grava a renda das persoas físicas (IRPF), supuxo 3.111 millóns para as arcas galegas, 484 máis que un ano antes. O de sucesións e doazóns aumentou en 90 millóns, ata case os 250.
Rueda promete novas rebaixas de impostos malia admitir ante Contas que non avalía os efectos de facelo
Este aumento da recadación vía impostos na contorna dos 1.250 millóns de euros cadra notablemente coas previsións trazadas pola Xunta ao elaborar os seus Orzamentos para 2023. Daquela estimara que o total da recadación por impostos aumentaría uns 1.127 millóns, uns 650 deles provenientes dos tributos especificamente sinalados por Feijóo por servir ao Goberno de España para "forrarse", na súa opinión.
O peche do exercicio 2023 foi tamén avaliado a través dun informe no Consello da Xunta deste xoves, onde o Executivo en funcións puxo o foco en que o déficit foi do 0,1%, dúas décimas por baixo do previsto. En 2024 deberá ser do 0%, tras votar o PP no Senado contra o plan estatal que permitía, no caso galego, un desequilibrio duns 75 millóns.
Con este pano de fondo, o actual presidente da Xunta en funcións afronta a nova lexislatura, para a que está a piques de ser reelixido no cargo, prometendo novas rebaixas de impostos. Especialmente, de impostos que atinxen ás rendas máis altas. Alfonso Rueda faino malia admitir ante o Consello de Contas que non avalía os efectos estes recortes, avaliación que o ente fiscalizador lle vén reclamando de maneira reiterada.