Rueda promete seguir ampliando as bonificacións fiscais coas que o Goberno galego vén beneficiando a ingresos ou patrimonios cada vez máis altos sen avaliar os efectos malia peticións reiteradas do ente fiscalizador
Non é habitual que nos debates electorais a cuestión dos impostos adoite ocupar tanto tempo e atención nas intervencións dos candidatos como sucedeu no celebrado este luns na CRTVG. Foi o propio Rueda o que se adentrou na cuestión lanzando promesas de novas rebaixas de impostos, o que foi aproveitado polo resto contrincantes para afearlle que as súas bonificacións veñen beneficiando a ingresos ou patrimonios cada vez máis altos fronte ás propostas dos partidos de esquerda de "que pague máis quen máis ten". O que non se sabe é para que serviron esas reducións de impostos, máis alá de que para eses ingresos e patrimonios altos deixen de sufragar os servizos públicos. Porque o Consello de Contas vén reclamando desde hai anos á Xunta que avalíe "os efectos dos beneficios fiscais nas políticas económicas e sociais ás que van destinados”, pero o Goberno galego négase.
Desde que en 2009 Feijóo chegou á presidencia da Xunta os seus gobernos veñen aplicando sucesivas rebaixas en impostos como o treito autonómico do IRPF, o de herdanzas, o do patrimonio ou o de compra de vivendas que veñen beneficiando progesivamente a rendas cada vez máis altas. Hai un ano Praza.gal, co asesoramento de expertos en réxime fiscal da Universidade de Vigo, trazou o perfil de contribuínte máis beneficiado por esas bonificacións, que podería ser o dun herdeiro dun millón de euros que cobre 60.000 euros ao ano e merque un chalé no Grove ou Baiona, vilas de segundas residencias con parroquias que a Xunta privilexia ao consideralas rurais.
O imposto do patrimonio só o pagan 8.000 persoas en Galicia e a Xunta quería perdoarlles este ano 34,1 millóns, máis que as bonificacións do IRPF que paga a maioría da cidadanía
E desde aquela as rebaixas seguiron, porque despois Rueda ampliou ao 50% a bonificación do imposto do patrimonio, o que pagan só as 8.000 persoas máis ricas de Galicia, con máis de dous millóns de euros. Nos orzamentos para este ano a Xunta chegou a cuantificar en 34,1 millóns de euros o que deixaría de ingresar por esa rebaixa para uns poucos contribuíntes, máis que os 33,9 millóns de bonificacións no IRPF que paga a gran maioría da cidadanía. O Goberno galego só rectificou a última hora e mantivo de xeito "temporal" a totalidade do imposto do patrimonio cando o Tribunal Constitucional avalou o imposto estatal co que o Goberno de España pretendía pasar a cobrar el o que as comunidades perdoasen dese tributo.
Este luns Rueda, no debate, prometeu que a seguinte rebaixa que ten en mente é a do imposto de sucesións ou herdanzas para familiares cada vez máis afastados, "colaterais", un compromiso que non aparece no programa electoral do partido, que se limita a "consolidar" na nova lexislatura as rebaixas xa implantadas. Ata 2020 ese imposto gravaba as herdanzas que superaban os 400.000 euros, descontada a vivenda habitual. Pero desde ese ano o límite libre de impostos para as herdanzas de familiares directos foi ascendido a un millón de euros.
En 2020 Feijóo elevou de 400.000 a un millón o límite exento de tributar das herdanzas, co que beneficiou ao 1% máis rico da poboación
Se co anterior límite de 400.000 euros a Xunta aseguraba que xa só pagaría o imposto de sucesións o 1% da poboación, ao aumentalo en 2020 a un millón o Goberno galego cifrou en apenas o 0,06% a cidadanía que aínda quedaría afectada polo tributo. Isto é, a propia Xunta admitiu que con esa nova rebaixa do imposto estaba a beneficiarse exclusivamente á maior parte do 1% máis rico da poboación.
Os gobernos de Feijóo e Rueda veñen defendendo que estas rebaixas de impostos axudan á impulsar a economía. Porén, os beneficiarios de rebaixas como a do imposto do patrimonio veñen aumentando máis os seus gastos en bens de luxo que os seus investimentos na economía produtiva. E a propia Xunta admite que non avalía os efectos das súas bonificacións fiscais. "Evidentemente é un eido no que temos que mellorar", dicía o pasado outubro o conselleiro de Economía, Miguel Corgos.
Pero non é que avaliar as rebaixas de impostos sexa difícil, senón que a propia Xunta rexeita facelo. Ata 2017 o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das finanzas públicas, deixaba constancia nos seus informes anuais que a Xunta non estaba a avaliar os efectos das súas bonificacións fiscais. Pero no informe de 2018 Contas deu un paso máis e engadiu unha recomendación expresa para que a Xunta procedese a “o establecemento de obxectivos e indicadores de cumprimento cando se proceda á creación de novos incentivos fiscais, e a elaboración sistemática de estudos sobre os efectos dos beneficios fiscais nas políticas económicas e sociais ás que van destinados”.
Un ano máis tarde, ao comprobar no informe de 2019 que recomendacións previas cumprira a Xunta, Contas indicou por erro nunha primeira versión da súa auditoría que o Goberno galego aceptara a súa petición de avaliar os efectos das rebaixas de impostos. Pero non fora así e a propia Xunta, a través da Axencia Tributaria de Galicia, así llo fixo ver ao ente fiscalizador, deixando constancia por escrito de que "esta axencia non aceptou a devandita recomendación". Recomendación que segue a ser plasmada en cada informe anual de Contas desde aquela pero aínda sen éxito, como admite o propio conselleiro de Facenda: "Estamos a traballar neste tipo de avaliacións".