Apenas vinte e catro horas despois de evitar aclaralo a preguntas da prensa tras o Consello da Xunta e apenas catro días antes de protagonizar no Parlamento unha comparecencia -sobre o papel- en clave económica, o presidente Alfonso Rueda aproveitou a súa intervención nun foro privado, organizado por La Voz de Galicia e Abanca, para anunciar a súa intención de duplicar a bonificación do imposto de patrimonio aprobada por Feijóo: do 25% que rexe en 2022 ao 50% en 2023. No último ano con datos dispoñibles, os beneficiarios da medida incrementaran ata un 55% o seu investimento en coches, peles ou xoias.
O anuncio dun novo desconto neste tributo, que atinxe só ás rendas máis altas (unhas 8.000 persoas) foi recibido dende a actual oposición parlamentaria, BNG e PSdeG como unha mostra de que o sucesor de Alberto Núñez Feijóo goberna "para a minoría máis rica". Rueda, pola súa banda, aproveitou o domingo un acto de partido para defender a medida: "Imos seguir baixando impostos, que é o que quere a xente. É o que serve para darlle cartos ás empresas, ás familias, a todo o mundo", afirmou.
Pero, alén das declaracións, que é exactamente o "patrimonio" que grava este imposto? Cómpre ter en conta, de entrada, que o tributo non afecta a quen teña un patrimonio inferior a 1 millón de euros (o mínimo exento son 700.000 euros, excluída a vivenda habitual ata 300.000 euros) ou, en calquera caso, a quen dispoña dun patrimonio superior aos 2 millóns.
A partida máis cuantiosa no patrimonio das arredor de 8.000 persoas ás que atinxe este imposto en Galicia son capitais mobiliarios como participacións en empresas, por algo máis e 43.000 millóns, pero a que máis aumentou en 2020 foi a de "bens suntuarios"
A radiografía máis recente destes bens data de 2020 e publicouna a Axencia Tributaria neste mes de setembro. Naquel ano, o imposto de patrimonio tiña en Galicia 8.242 declarantes cun patrimonio total de 49.463 millóns e un patrimonio medio de 6 millóns. Deles, tiveron que pagar 7.646 cunha achega total de 66,6 millóns de euros. Tributaron, de media, ao 0,64%.
Naquel ano, a partida máis significativa do total do patrimonio destas persoas estaba composta polos denominados "capitais mobiliarios", que ascendían a algo máis de 43.300 millóns de euros. Neste epígrafe inclúense, por exemplo, as accións en empresas ou os investimentos en débeda pública. No que foi o primeiro exercicio afectado pola pandemia da COVID, ese patrimonio en capitais mobiliarios aumentou un 3% entre os ricos galegos, especialmente polo incremento das achegas a accións de "institucións de investimento colectivo" como fondos de investimento (+5,68%) e do importe en "obrigas, bonos, certificados de depósito, pagarés e demais valores equivalentes" (+33,41%).
Pero os incrementos máis significativos estiveron, con total claridade, no apartado de "bens suntuarios". Segundo a lei que regula o imposto, entran neste concepto as "xoias, peles de carácter suntuario, automóbiles, vehículos de dúas ou tres rodas cuxa cilindrada sexa igual ou superior a 125 centímetros cúbicos, embarcacións de recreo ou de deportes náuticos, avións, avionetas, veleiros e demais aeronaves". Tamén os obxectos de arte e antigüidades, alén dos exentos.
Por tras dos bens suntuarios, no último ano con datos dispoñibles destaca o incremento do patrimonio en bens inmobles
No ano 2020, os declarantes do imposto de patrimonio tiñan en Galicia bens suntuarios por importe de 204,44 millóns de euros, o 60% (123,24 millóns) en xoias, peles, vehículos, embarcacións e aeronaves. Era un 55,83% máis que en 2019, cando o patrimonio por este tipo de bens declarado en Galicia roldaba os 80 millóns de euros.
Como amosa a táboa que acompaña esta información, por tras do incremento do investimento en bens suntuarios tamén destaca o avance no referido a bens inmobles, que no seu conxunto supoñen un patrimonio superior aos 4.000 millóns de euros entre os declarantes deste imposto. Nos bens inmobles urbanos e non exentos (isto é, á marxe da vivenda habitual), o investimento aumentou nese ano un 6,1% e en bens rústicos, un 5,3%.