A reforma do sistema de financiamento autonómico, isto é, das normas que rexen a distribución de fondos do Estado para que as comunidades autónomas de réxime común -todas agás Euskadi e Navarra, con cadanseus sistemas forais- sufraguen cadansúas competencias, é unha das grandes materias pendentes dende que caducou o anterior, en 2014. O actual Goberno de España (PSOE-UP) reactivou o proceso que o gabinete do PP de Mariano Rajoy optara por conxelar e con el, un debate no que a Xunta di calcular que, co modelo vixente, "Galicia recibe 800 millóns anuais menos do que lle custa á Xunta financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais".
Cara á reforma do financiamento autonómico, a Xunta di calcular que co actual sistema recibe "800 millóns anuais menos do que lle custa financiar a sanidade, a educación e as políticas sociais"
Ese cálculo foi divulgado pola Consellería de Facenda pouco despois de que, no Parlamento, concluíse a comisión sobre o financiamento autonómico que, promovida polo BNG e aprobada por unanimidade, abordou diferentes propostas ao respecto e tamén achegas de varias fontes, dende persoas expertas na materia ata o propio Goberno galego, que achegou diversos documentos. Un deles, elaborado por Facenda, é o Informe de impactos e beneficios fiscais vixentes no ámbito galego dende o ano 2009. Dese documento é posible tirar que as arcas públicas galegas deixan de ingresar cando menos uns 500 millóns de euros anuais por recortes de impostos.
Ao analizar o período dende 2009, a análise do informe esténdese dos derradeiros orzamentos elaborados polo Goberno de coalición PSdeG-BNG ata o último exercicio completo, o 2021. O balance especifica que non conta todas as rebaixas de impostos, senón as que atinxen a "tributos cedidos ao 100% nos que a xestión corresponde á comunidade autónoma", isto é: imposto de sucesións e doazóns, imposto de transmisións patrimoniais, imposto de patrimonio e imposto sobre o xogo. Tamén as referidas a tributos cedidos e "non xestionados" pola Xunta, pero "nos que se exerceron competencias por parte de Galicia", isto é, o imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) e o imposto sobre hidrocarburos.
No derradeiro orzamento do Goberno de coalición PSdeG-BNG, o impacto dos "beneficios fiscais" roldaba os 84 millóns, segundo o informe da Consellería de Facenda
Sempre segundo as cifras ofrecidas pola Consellería de Facenda, nas derradeiras contas públicas do Goberno de coalición, estes "beneficios fiscais" supuñan que o erario galego deixase de ingresar uns 84 millóns de euros, co continxente máis relevante ligado ao imposto de sucesións e doazóns (64,4 millóns). Nos dous primeiros anos tras o retorno do PP á Xunta (2010 e 2011), o impacto dos recortes de impostos xa superou os 100 millóns de euros e en 2012 traspasou por primeira vez o limiar dos 200.
Foi naquel 2012 cando entraron en vigor novas bonificacións ao imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (dunha mingua de ingresos de 14 millóns en 2011, a 114 en 2012) e cando, ademais, o Goberno galego aplicou unha rebaixa dun só ano ao sector do xogo de azar, concretamente aos bingos, que implicou deixar de percibir algo máis de 3 millóns.
Como amosa o gráfico que acompaña esta información, tras o primeiro acelerón de 2012 pola entrada das novas bonificacións ao imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na cesta dos descontos, o segundo chegou pola vía do imposto sobre o patrimonio. Este tributo, como sintetiza o Ministerio de Facenda, foi suprimido en 2008 polo Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero e reintroducido polo do PP de Rajoy nunha medida presentada como provisional para 2011 e 2012 -para procurar incrementar ingresos durante a crise-, pero sucesivamente prorrogada ata a actualidade.
O imposto de patrimonio atinxe fundamentalmente ás rendas altas. Concretamente, a patrimonios superiores a 700.000 euros, descontada a vivenda habitual ata 300.000 euros, ou a patrimonios totais superiores aos 2 millóns-. Os datos dispoñibles máis recentes, correspondentes a 2019, indican que en Galicia afecta a unhas 8.000 persoas cun patrimonio de case 50.000 millóns de euros.
En 2021, os beneficios fiscais sobre o imposto de patrimonio, que atinxe ás rendas altas, convertéronse nos máis cuantiosos entre os analizados por Facenda para informar ao Parlamento
No primeiro ano en que a Consellería de Facenda o contabiliza entre os beneficios fiscais que atinxen ás contas galegas, supuñan 94,2 millóns de euros. No que ata agora foi o último (que non o derradeiro), o 2021, a propia Xunta estima un impacto de 183,09 millóns de euros, a maior parte polos "valores exentos representativos da participación nos fondos propios de entidades xurídicas non negociadas". O groso das fortunas galegas suxeitas a este imposto procede xustamente desa vía, accións en empresas que non cotizan en mercados de valores que en 2019 supuñan uns 32.000 millóns de euros.
Foi así como, no ano 2021, os beneficios fiscais sobre o imposto de patrimonio foron os máis cuantiosos entre os recollidos pola Xunta no seu informe, que suman 551 millóns de euros. Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2022 estiman que o impacto dos beneficios fiscais ligados ao imposto de patrimonio ascenderán a uns 136,9 millóns e que os ingresos por este tributo suporán 70,3 millóns.
O balance chega despois de que o Goberno galego se negase a explicar ao Consello de Contas os efectos das súas rebaixas de impostos. O ente fiscalizador pediu ao Executivo que fixe "obxectivos e indicadores de cumprimento" para os incentivos fiscais, pero a Xunta rexeitouno expresamente.