Xunto cos Orzamentos Xerais para o pasado 2021, a Xunta impulsou a súa xa habitual lei de acompañamento, coa que modificou unha trintena de normas previas dun golpe. Algunhas delas, como adoito, non estaban directamente relacionadas coa xestión orzamentaria pero outras, si. Entre elas, unha rebaixa de impostos ao sector do xogo de azar para "paliar os efectos" da crise do coronavirus. Datos oficiais do propio Goberno galego acreditan agora que as arcas públicas deixaron de ingresar case 4 millóns de euros por esa decisión.
O Goberno galego presentara a rebaixa ao sector do xogo como vía para paliar as restricións ao seu funcionamento pola COVID, máis flexibles que noutros sectores coma o hostaleiro
As "bonificacións" que a Xunta presentara como "un beneficio fiscal que coadxuve á situación provocada neste sector pola pandemia" durante o ano previo, o 2020, consistiron nun recorte dos tributos aos que están suxeitos os "xogos de sorte, envite ou azar" nas súas modalidades de "casinos, máquinas ou aparellos automáticos e bingo". Concretamente, a rebaixa implicaba perdoar un 20% do pago por casinos e bingos en 2020 e a un 30% sobre o importe que era preciso abonar por máquinas de xogo e azar no segundo semestre daquel primeiro ano da pandemia.
A finais do pasado xaneiro, no marco da comisión que estudou as alternativas para a reforma do financiamento autonómico -promovida polo BNG e aprobada por unanimidade-, a Xunta entregou ao Parlamento un informe sobre os efectos das súas rebaixas de impostos en diversos eidos. O documento inclúe cifras sobre o impacto destes "beneficios fiscais" e, no caso do sector do xogo, a Consellería de Facenda estima que tiveron un "impacto recadatorio" de 3,67 millóns de euros.
O mesmo informe de Facenda recolle que unha anterior rebaixa tributaria ao xogo de azar, en 2012, tivera un impacto nas arcas públicas de 3,86 millóns
O mesmo informe sinala que estas "bonificacións fiscais" estiveron "motivadas pola situación provocada pola pandemia do SARS-CoV-2, que tivo como consecuencia o peche dos locais durante o 2020 onde se desenvolve a actividade do xogo gravado por esta taxa" e "o establecemento dunha serie de restricións cando se abriron" que "incidiron negativamente na actividade". O tratamento deste sector durante a pandemia fora obxecto de controversia por recibir, durante varios períodos, un tratamento máis flexible ca outros sectores como o da hostalería por parte da Xunta. Por exemplo, no marco de paquete de restricións no outono de 2020, o Goberno galego permitíralles pechar máis tarde que aos bares co argumento de que nos bingos ou locais de apostas a clientela non "interactúa".
O mesmo informe detalla que o sector do xogo de azar xa se beneficiara doutra rebaixa de impostos da Xunta hai unha década. Foi no 2012 cando, "só para ese exercicio", foran aprobados "tipos bonificados no imposto sobre o bingo e na taxa que grava os xogos de sorte, envite ou azar" para as salas de bingo "que non reducisen o cadro de persoal medio" durante o ano e tamén para "a modalidade de bingo electrónico". O impacto económico no erario fora de 3,86 millóns de euros, segundo o mesmo informe oficial de Facenda, rexistrado no Parlamento o pasado 24 de xaneiro.
No caso das rebaixas impositivas pola pandemia, foran aprobadas mentres o Goberno galego eloxiara o sector do xogo de azar por ser "responsable" ante o coronavirus e xerar "riqueza" no marco da pandemia. Tamén mentres segue pendente a aprobación definitiva da nova lei do xogo, lanzada como anteproxecto hai xa máis de dous anos co obxectivo de substituír a impulsada en 1985 polo Executivo de Gerardo Fernández Albor (AP) na etapa que concluiría coa axitada moción de censura de 1987 e a condena xudicial de quen fora vicepresidente. Paralelamente, o sector continúa reforzándose no país con movementos como a constitución dunha nova patronal.