O sistema de financiamento autonómico é a normativa que regula os criterios cos que o Estado asigna a todas as comunidades autónomas agás Euskadi e Navarra -con sistemas forais de seu- os fondos para financiaren as súas competencias. Está regulado por unha lei segundo a cal estas normas deben ser revisadas cada cinco anos, pero a última vez que se fixo foi en 2009 e a seguinte revisión, que correspondería impulsar ao Goberno do PP de Mariano Rajoy en 2014, nunca se fixo.
Segundo unha das primeiras análises sobre o plan do Ministerio de Facenda para revisar o modelo de financiamento autonómico, caducado dende 2014, Galicia pasaría de estar uns 7 puntos por riba da media en necesidade de recursos a quedar en arredor de 4
A principios deste mes, como anunciara, o actual Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos presentou o seu proxecto para reformular o financiamento autonómico, un plan de 200 páxinas elaborado polo Ministerio de Facenda que, entre outros aspectos, propón primar aínda máis os custos de sanidade e educación. Entre os compromisos políticos do proxecto, que todas as partes acolleron como un primeiro paso para a negociación, está compensar as carencias do que se deu en chamar España baleira, os territorios do Estado que sofren os efectos do despoboamento.
Os gobernos de boa parte destes territorios, precisamente, participaron o pasado novembro do cumio impulsado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para teceren unha caste de lobby cara á reforma do financiamento. Daquel encontro saíra un documento que, entre outros aspectos, reclama atender a "emerxencia demográfica" no novo financiamento. Segundo unha das primeiras análises da proposta do Ministerio, a gran maioría das autonomías que secundaron aquela cimeira sairían beneficiadas. Concretamente, todas agás Galicia.
Esa análise é un informe asinado por Ángel de la Fuente, director da Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), que ten no seu padroado a varios grandes bancos, compañías enerxéticas, financeiras ou de telecomunicacións. Nel compara as variacións que o actual sistema de financiamento autonómico (o asinado en 2009) sufriría se fosen aplicadas as recomendacións elaboradas por en 2017 por un comité de expertos a petición do gabinete de Rajoy (coñecido como CERFA) e o resultado de poñer en marcha o plan agora formulado polo Ministerio de Facenda para emprender o adiado debate.
O documento de Fedea conclúe que as dúas autonomías que máis posicións relativas perderían co modelo proposto serían Canarias e Galicia
Para realizar a comparación, o autor do traballo identifica co "100" o promedio das "necesidades relativas de gasto total por habitante", isto é, o que o Goberno central ten que destinar en cada territorio para procurar que os servizos públicos das comunidades autónomas teñan o mesmo nivel en todo o Estado. No actual sistema, Galicia está por riba da media (7,12 puntos) e seguiríao estando tanto co plan do comité de expertos como co do actual Ministerio. Pero mentres que a posición do Goberno galego apenas variaría segundo a proposta do CERFA, co novo modelo no que pesan máis as reivindicacións da España baleira, Galicia pasaría a estar uns 4,45 puntos por riba da media fronte aos máis de 7 actuais.
Sinala o documento que, comparada coa da comisión de expertos de 2017, "a do Ministerio mellora moi significativamente a Aragón, Extremadura e Baleares e empeora a Galicia, Canarias e Madrid". A respecto do sistema actual, "Aragón e Extremadura aumentarían as súas necesidades de gasto en máis de7 puntos, grazas fundamentalmente ás correccións ad hoc por custos fixos por segmentos e despoboación". Tamén gañarían "en torno a cinco puntos" as comunidades de Cantabria e La Rioja, mentres que "Canarias e Galicia perderían case tres puntos por unha combinación de factores" do novo sistema.
Como amosa o mapa sobre estas liñas, todas as comunidades autónomas que acompañaron a Feijóo na súa cimeira do financiamento autonómico (Asturias, Cantabria, La Rioja, Aragón, Castilla-La Mancha, Extremadura e Castilla y León) sairían, en maior ou menor medida, beneficiadas co novo modelo proposto polo Ministerio. Mentres, a anfitrioa dese encontro, Galicia, sairía prexudicada.
Aínda que o propio documento evidencia que ese eventual prexuízo para os intereses galegos non estaría só relacionado con que o despoboamento teña máis peso no novo modelo (influiría xunto a outros factores, resalta), tamén resalta que "o novo indicador ad hoc de despoboamento que propuxo o Ministerio" non sería un negocio especialmente rendible para Galicia. Está construído, explica, "como a poboación necesaria para elevar a todas as provincias de cada comunidade á densidade media" de poboación do Estado, "excluíndo os habitantes de municipios de máis de 75.000 persoas".
No novo indicador de financiamento despoboación, Aragón, Extremadura e as dúas Castelas estarían uns catro puntos por riba da media e Galicia ficaría por baixo dese promedio, segundo o informe
Este sistema, de chegar a aplicarse, "tende a concentrar moito máis os recursos nas rexións de menor densidade". Así, Aragón, Extremadura, Castilla y León e Castilla-La Mancha estarían máis de catro puntos por riba da media á hora de repartir os recursos económicos que fosen asignados a partir dese criterio de despoboamento, mentres que Galicia quedaría por baixo da media. Deste xeito, cabería deducir que apuntarse ao club da España baleira, cando menos a partir destes criterios, tería un resultado desfavorable para os orzamentos galegos nos vindeiros anos. No entanto, o modelo proposto polo Ministerio si favorece a Galicia levemente ao calcular os custos dos servizos sanitarios.
O pasado venres, tras a reunión do Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo foi cuestionado a respecto deste informe e do propio proxecto de financiamento autonómico que impulsa o Goberno de España. Alén de evidenciar que polo momento "non se concreta" cantos fondos "adicionais" haberá sobre a mesa, o presidente da Xunta considera "positivo" que a poboación se divida en máis grupos de idade a efectos de financiamento, pero critica o que, ao seu xuízo, é que "hai traxes a medida por risco de despoboación, traxes a medida por custos fixos" e "ningún deles lle serve a Galicia".