O Ministerio de Facenda remite ás comunidades unha proposta de actualización do actual sistema, caducado desde 2014, que apenas aumenta o peso da dispersión como variable correctiva
O Ministerio de Facenda remitiu este venres ás comunidades autónomas a súa proposta de novo sistema de financiamento autonómico co que pretende actualizar o anterior, aprobado en 2009 con Zapatero como presidente do Goberno de España e caducado desde 2014, cando Rajoy obviou os prazos fixados por lei para a súa renovación. A proposta á que as comunidades poderán realizar achegas ata finais de xaneiro prima aínda máis a sanidade e a educación como criterios fundamentais para establecer os cartos que o Estado transfire ás autonomías, reduce o peso que número total de habitantes ten no sistema e apenas aumenta a influencia que poden ter variables correctivas como a dispersión ou o despoboamento.
- Aquí podes consultar o documento íntegro do ministerio [PDF de 240 páxinas]
- Aquí podes consultar o resumo elaborado polo propio ministerio
Tras recibir a proposta do ministerio, a Xunta, que vén de participar nun encontro con outros sete gobernos autonómicos no que se reclamaba ao Goberno central “acertar na definición dos custos reais” dos servizos públicos e a “incidencia significativa que a demografía ten neles, limitouse a dicir que “Galicia estudará e analizará a proposta de poboación axustada” e reclamar máis encontros de debate.
A proposta agora formulada polo ministerio faría que o custo da sanidade pase de supoñer un 38% no sistema actual a entre o 40% e o 45% no novo sistema, pero aumentando os grupos de idade a ter en conta de 7 a 20. Isto é, o novo sistema tería en conta cantas persoas hai en cada comunidade en cada grupo de idade de cinco en cinco anos, o que inflúe á hora de prever os coidados que requiren.
No novo sistema a educación pasaría de pesar un 20,5% en función do número de persoas menores de 16 anos de cada comunidade a entre o 25% e o 30% engadindo tamén a formación profesional e a educación superior con diversos factores de corrección.
Fronte a eses aumentos significativos do peso da sanidade e a educación no global do sistema, a proposta do ministerio baixaría o peso da poboación total segundo o padrón de habitantes de cada comunidade do 30% a entre 18% e o 22%. Pola súa banda, o peso do 8,5% destinado aos servizos sociais en función da poboación maior de 65 anos de cada comunidade pasaría a oscilar entre o 6% e o 10% pero engadindo tamén para calcular o custo dos servizos sociais a poboación de menos de 65 anos sen prestacións por desemprego.
Para valorar a dispersión, o ministerio di que o sistema podería ter en conta dúas posibilidades, os núcleos de poboación habitados ou as entidades singulares de poboación, que en Galicia poderían ser os lugares dentro de cada parroquia
Estas catro grandes variables poboacionais serían corrixidas con outros factores con menor peso porcentual no sistema e que apenas evolucionan do 3% do actual a entre o 3% e o 4% do novo, aínda que si varían as súas formulacións. Eses factores de corrección son a superficie de cada comunidade, a insularidade de Canarias e Baleares, os custos fixos, a despoboación ou a dispersión. No caso desta última variable, a que máis podería beneficiar a Galicia, o ministerio sinala que o sistema podería ter en conta dúas posibilidades: as entidades singulares de poboación habitadas ou os núcleos de poboación habitados.
O primeiro caso, o das entidades singulares de poboación, sería “calquera área habitable do termo municipal” considerada como “vivendas habitadas ou en condicións de selo”. “Un área considérase claramente diferenciada cando as edificacións e vivendas pertencentes á mesma poden ser perfectamente identificadas sobre o terreo e o conxunto das mesmas é coñecido por unha denominación”.
O segundo caso, o dos núcleos de poboación, tería en conta “un conxunto de polo menos dez edificacións que están formando rúas, prazas ou outras vías urbanas” e incluíndo neles “aquelas edificacións que, estando illadas, distan menos de 200 metros dos límites exteriores do citado conxunto”.
No caso das entidades singulares de poboación, das 59.000 en que se cifra o total estatal, 30.000 están en Galicia e 7.000 en Asturias.
Á espera de máis concrecións e negociacións coas comunidades, a segunda figura podería aplicarse no caso galego aos núcleos centrais de cada parroquia e a segunda aos lugares dentro de cada parroquia, vivendas ou grupos de vivendas que en Galicia adoitan ter toponimia propia diferenciada. O documento do ministerio reflicte que, no caso das entidades singulares, das 59.000 en que se cifra o total estatal, 30.000 están en Galicia e 7.000 en Asturias.