O financiamento autonómico, isto é, as regras coas que o Estado asigna fondos ás comunidades autónomas de réxime xeral -todas agás Euskadi e Navarra- para sufragaren as políticas que son da súa competencia está regulado por unha unha lei coñecia como LOFCA, a Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas. Esa norma establece que cada cinco anos cómpre revisar e fixar por lei cada cinco anos "a ponderación dos criterios" e dos "índices de distribución" de cartos entre os territorios.
A última revisión do financiamento autonómico data do ano 2009, aínda con Zapatero. O modelo asinado daquela está caducado dende 2014, cando o gabinete de Rajoy optou por obviar os prazos marcados na lei
A última vez que isto sucedeu, tanto Galicia coma o conxunto do Estado estaban, politicamente falando, noutro mundo. Foi a finais de decembro de 2009 cando a Xunta, que presidía Alberto Núñez Feijóo dende había escasos meses, asinou o modelo de financiamento autonómico que aprobara o Goberno de España de José Luis Rodríguez Zapatero. Feijóo mantiña naqueles meses que o novo financiamento estaba inzado de privilexios para Catalunya, aínda que o PP se abstivera durante a súa tramitación no Congreso. Galicia, agregaba, saía perdendo co modelo, pero asinárao porque se non o facía, perdía fondos adicionais.
Apenas dous anos despois, o PP de Mariano Rajoy gañou as eleccións xerais por maioría absoluta. Era ao seu gabinete ao que lle correspondía aprobar un novo financiamento autonómico para que entrase en vigor en 2014, cando caducaría o anterior. Pero, en plena vaga de recortes, os de Rajoy evitaron facelo e non emprenderon ata 2017 uns traballos que cristalizaron nun informe elaborado por unha comisión de expertos, pero que non chegaron a concluír.
Este é o pano de fondo co que este 23 de novembro o presidente da Xunta exerceu de anfitrión doutros sete presidentes e presidenta (Asturias, Cantabria, La Rioja, Aragón, Castilla-La Mancha, Extremadura e Castilla y León), todos do PSOE agás o cántabro Miguel Ángel Revilla (PRC) e o castelán-leonés Alfonso Fernández Mañueco (PP) para acordaren criterios comúns ante a reforma pendente. En vésperas de que o Ministerio de Facenda expoña o seu plan para substituír o modelo caducado dende 2014, as oito autonomías rubricaron a denominada Declaración de Santiago, con algo máis dunha trintena de reclamacións.
"Adhesión incondicional á unidade da nación española"
Na liña xa iniciada nos últimos anos, deixando á marxe tanto a posibilidade de negociacións bilaterais co Estado como as ligazóns co resto de nacionalidades históricas, Feijóo asina que Galicia "comparte intereses" con estas autonomías cara ao debate do financiamento. Faino nun documento que, alén de expresar principios políticos como a "adhesión incondicional" á "unidade da nación española" que o encabeza ou á "igualdade de todos os españois", reclama que o novo modelo teña en conta a "emerxencia demográfica" para procurar paliala.
Feijóo afonda na liña de deixar á marxe as ligazóns co resto de nacionalidades históricas nun documento que pide "acertar na definición dos custos reais" dos servizos públicos e a "incidencia significativa" que a demografía ten neles
A cuestión demográfica impregna boa parte das peticións pactadas, non todas elas estritamente ligadas ao financiamento autonómico, tales como o acceso a servizos básicos nas contornas rurais, entre eles a banda larga "no 100% da poboación". As que si o abordan, indican aspectos como que o novo modelo "teña en conta en maior medida criterios demográficos para responder con eficacia ás necesidades" da cidadanía, "viva onde viva". Na liña do xa expresado nos últimos anos, sinalan que o "obxectivo que debe unirnos" é "acertar na definición dos custos reais dos servizos" públicos e a "incidencia significativa" que teñen neles os "factores demográficos".
"Defendemos -di o documento pactado- a creación dun catálogo de servizos cuxo financiamento estea asegurado a través dos recursos que o sistema atribúe ás comunidades autónomas". Os custos, agrega, deben fixarse atendendo a criterios como "custos fixos, superficie, dispersión, baixa densidade, orografía, baixa natalidade ou envellecemento". Neste sentido, coidan que "a sanidade pública e a súa dinámica de crecemento de gasto" debe "ser obxecto dunha análise especial na próxima negociación", con maior ponderación para o peso da poboación de máis idade.
O documento inclúe un anexo para rexeitar as medidas de protección do lobo acordadas polo Goberno de España, do que se desmarcaron La Rioja e Extremadura
A reclamación dun reparto "equitativo" dos fondos europeos nun contexto no que non faltaron as mencións implícitas a Euskadi e Catalunya -sen aludilas explicitamente- e cun só mandatario -o cántabro Revilla- mencionando abertamente á Comunidad de Madrid, destaca tamén nun documento que, segundo Feijóo, en certo xeito "homenaxea" o fenómeno xacobeo porque "relativiza as ideoloxías". Esta, mantén o presidente da Xunta, non é "unha fronte contra ninguén", senón "algo bo para o conxunto de España" e "útil ás nosas comunidades autónomas e a España", proclamou.
O documento inclúe ademais un anexo no que seis dos presidentes reunidos en Santiago se opoñen ás medidas de protección do lobo, que inclúen o veto á súa caza agás excepcións, aprobadas recentemente polo Goberno de España. Desa 'addenda' desmarcáronse La Rioja e Extremadura.