Ao que solicitaron todas as comunidades presididas polo PSOE desde hai meses, uníronse tamén este martes as do PP. Todas elas reclamaban ao Executivo central que se relaxase o cumprimento do déficit, ao igual que Bruxelas deu marxe ao Goberno central. Así, Rajoy atendeu ás peticións e aceptou revisar o reparto do obxectivo de déficit no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira. Pero esa revisión non será para este ano, senón o ano que vén e de cara a 2014.
Anunciouno o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que cre que España "deu unha boa mensaxe" e que está en contraposición do boicot que as autonomías presididas polo PP adoitaban facer cando gobernaba Zapatero. A xuntanza rematou, ademais, co compromiso de todas e cada unha das autonomías no compromiso de déficit, así como na promesa de analizar, nos prazos que fixa a lei, o sistema de financiaciamento autonómica. O xefe do Executivo amosouse satisfeito e aproveitou para negar rotundamente que o Estado fose pedir de forma inmediata un segundo rescate, tal e como aseguraron a Reuters varias fontes europeas. O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destacou a unidade autonómica "nun compromiso común que é España".
Malia que se agardaba unha postura común da maioría dos presidentes autonómicos contra o catalán Artur Mas, nin tan sequera iso se produciu. O president da Generalitat abandonou a reunión sen facer declaracións e apraza a súa valoración para este mércores en Barcelona.
Non o fixo así Núñez Feijóo, presidente da Xunta, que considera que o resultado da Conferencia demostra que as autonomías comportáronse "como un só home" detrás de Mariano Rajoy, malia que recoñeceu diversos "matices e perpectivas". O xefe do Executivo galego cre que se vén de enviar "unha mensaxe moi clara de compromiso" respecto do déficit. "Todas as comunidades comprometímonos co cumprimento do deber e da responsabilidade", dixo, tras advertir de que o Estado das autonomías "debe ser útil para saír da crise".
"Traballamos nun compromiso común co que é común, España, e as obrigas comúns, os cidadáns", dixo Feijóo, que instou a "corrixir os erros de descontrol e descoordinación que tivemos no pasado". Ademais, explicou que a Conferencia comprometeuse a "reducir duplicidades, levar a cabo políticas de crecemento e creación de emprego", así como unha "reflexión sosegada sobre un novo sistema de financiamento autonómico".
Ademais, Feijóo asegurou que non ía subir impostos, algo que lle permitía a súa loita contra o déficit, e que o seu obxectivo agora é loitar contra a fraude fiscal.