Luz verde da Xunta á apertura dun casino en Vigo que legalmente estará na Toxa

Rueda e López-Chaves, participando nunha presentación do Casino na sede da Xunta en Vigo o pasado 12 de xuño © Xunta

A vindeira primavera o grupo Luckia e Cirsa abrirán un casino en Vigo. Estará instalado no centro comercial A Laxe, nun local duns 2.500 cadrados con espazos de xogo de azar e área hostaleira, así como cun departamento dedicado ás apostas, segundo avanzaron os seus promotores. Aínda que o negocio é presentado co nome de Casino de Vigo e se ubicará no devandito centro comercial vigués, legalmente a súa sede estará na Toxa. Non en van, formalmente o que a Vicepresidencia da Xunta vén de autorizar é unha "sala" adicional do casino da illa grovense aínda que ambas instalacións vaian estar separadas por uns 30 quilómetros en liña recta, uns 70 en viaxe por estrada.

O soporte legal para este 'dous por un' na apertura de casinos en Galicia cómpre buscala nunha mudanza que o Goberno galego introduciu na lei de acompañamento dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2015. A Xunta empregara ese controvertido procedemento para tombar os límites á apertura de casinos estipulados na lei de xogos e apostas do ano 1985, aprobada en tempos de Albor. Esa norma só permitía a instalación dun casino por provincia e, ademais, a súa apertura só sería autorizada se contaba "nun radio de 25 quilómetros cun asentamento de poboación superior aos 300.000 habitantes". Na práctica, daquela só era posible abrir un destes negocios preto da Coruña e outro, nas proximidades de Vigo.

O Goberno galego introduciu na lei de acompañamento dos Orzamentos de 2015 unha reforma que eliminou os límites para a instalación de casinos instaurados en tempos de Albor

A mudanza de 2015, que o PP apoiou en solitario, reformou esa limitación pero non por completo. Así, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo agregou dous puntos á lei de 1985 para indicar que "poderá autorizarse a cada un dos casinos de xogo" -aos dous que xa existen, o da Toxa e o Atlántico da Coruña- a "instalación e funcionamento dunha sala adicional". Pero esa sala non ten por que estar no mesmo emprazamento que o casino mesmo, senón que cabe abrilo "fóra do recinto ou complexo onde estea situado" sempre que sexa "dentro da mesma provincia". "Dita sala -abonda a nova redacción da lei- funcionará como apéndice do casino do que forme parte" e nela "poderán practicarse todos os xogos autorizados para casino".

Formalmente, o novo casino de Vigo será unha "sala adicional" do da Toxa

Un regulamento ditado en 2016 completou a reforma. A única limitación desas novas "salas" é que non poden ser máis grandes que o casino "matriz" -como máximo, o local pode ocupar o equivalente a un 80% da súa superficie- e, como outras actividades de xogos de azar, non poden desenvolverse a menos de 150 metros de colexios e institutos. Desaparecía así o atranco legal que, como constatou o Tribunal Supremo no ano 2012, impedía aos propietarios do casino da Toxa expandirse a Vigo sen antes pechar o seu negocio da illa.

Presentación na sede viguesa da Xunta antes da autorización

O vicepresidente Rueda gabou o pasado xuño a capacidade de "xerar actividade económica" que tería o casino agora autorizado

O propio Goberno galego confirmou esta semana a autorización do novo casino e evidenciaba o seu encaixe na reforma de 2015, aprobada tras "consultar co sector e analizar a cuestión xuridicamente, dada a súa relevancia económica". Así, segundo o departamento que dirixe Alfonso Rueda, esta "sala adicional" vai "potenciar e xerar actividade económica" en Vigo, "así como a conseguinte xeración de emprego". Antes da propia autorización, o pasado xuño, Rueda e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, recibiron os promotores do Casino na sede viguesa do Goberno galego para asistiren a unha "presentación" do proxecto e eloxiaron a súa capacidade de "xerar actividade económica".

O propio Rueda afirmaba xa no ano 2011, antes de que os tribunais impedisen ao casino da Toxa expandirse a Vigo, que un casino na cidade sería "un atractivo para a xente de fóra", un "proxecto moi vantaxoso" que "podería funcionar" entre público como "os cruceiristas". Neste sentido, a exposición de motivos da reforma legal que permite agora abrir un novo casino argumenta que un casino novo -unha "sala"- terá "impacto directo tanto no sector do xogo como noutros relacionados, sinaladamente no do turismo, coa ampliación da oferta de ocio".

Torneo de póker no casino da Toxa © Casino La Toja

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.