Condenado a tres anos e medio o vendedor de lotaría da Coruña que quedou cun boleto de 4,7 millóns

Unha administración de lotarías nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia da Coruña considérao autor dun delito de estafa e absolve o seu irmán, e condiciona a entrega do premio ao que diga o testamento do home que o gañara realmente, que xa morreu

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condena a tres anos e medio de cárcere ao dono dunha administración de lotaría por quedar cun boleto da Primitiva premiado con 4.722.337,75 euros. O tribunal considérao autor dun delito de estafa agravada, coa concorrencia da atenuante de dilacións indebidas, e inhabilítao para o exercicio de calquera profesión relacionada coa actividade durante o tempo da condena. A sala absolve o delegado provincial de lotarías e irmán do acusado do delito de encubrimento e branqueo de capitais do que viña sendo acusado. 

En concepto de responsabilidade civil, o condenado deberá abonar, conxunta e solidariamente coa Sociedad Estatal Loterías y Apuestas del Estado (Selae) a suma de 4.722.337,75 euros, sen xuros, ao consignarse a contía indemnizadora do premio. A Audiencia especifica que, outorgada a titularidade do boleto, non pode entregarllo para a súa cobranza á viúva e filla do dono, pois debe ir á masa hereditaria do seu propietario, polo que se procederá "en virtude das súas disposicións testamentarias". 

Sede da Audiencia da Coruña, na antiga fábrica de tabacos CC-BY-SA Praza Pública

O tribunal salienta na sentenza que o vendedor de lotaría "actuou con ánimo de lucro, creando unha falsa certeza na vítima sobre a inexistencia do premio, o que lle permitiu quedarse co boleto e o seu correspondente premio". Así, destaca que a proba practicada "establece a existencia dese engano inicial ou posterior, que é requisito para a existencia do delito de estafa". 

Os maxistrados entenden acreditado que, ao recibir o boleto, o acusado díxolle ao cliente que non estaba premiado, "producindo unha falsa certeza no mesmo, e baixo a confianza dun traballador de lotarías que llo indica tras comprobación na maquina". 

A sentenza considera que o condenado "actuou con ánimo de lucro, creando unha falsa certeza na vítima sobre a inexistencia do premio", polo que ve estafa e non só apropiación indebida

Na resolución, afirman que o dono da administración, tras a comprobación de varios boletos, "decatouse da existencia de premios e dun, en concreto, de elevada contía, procedendo á operativa de non indicarlle ao xogador que tiñan premio". Desta forma, relatan que "se fixo cos boletos deste participante, pero, á vista da contía do mesmo e do seu estado de nerviosismo, non foi capaz de separar os premiados dos non premiados, de aí a súa posterior comprobación, e unha a maiores para confirmar o premio".

A Sala explica que o condena por un delito de estafa, en lugar de polo de apropiación indebida, porque "contempla de modo máis adecuado a conduta que se examina, pois inclúe o engano". No fallo, especifica que "na estafa o dolo consiste no emprego de maquinacións insidiosas para sorprender a boa fe e a credulidade do suxeito pasivo, mentres que na apropiación indebida non é o engano, senón o abuso de confianza que aquel depositou no autor do delito". 

Na sentenza, os xuíces recalcan que o condenado "urdiu unha estratexia de engano, creando artificiosamente o argumento segundo o cal o boleto non estaba premiado, levando a través do devandito engano, con evidente ánimo de lucro, á crenza de que non existía premio, ocasionando con iso un prexuízo económico para a vítima, quen debeu ser premiada cos 4. 722. 337,75 euros". 

Canto ao outro acusado, delegado provincial de lotarías e irmán do condenado, a sala determina que non existe proba suficiente para condenalo por encubrimento ou branqueo de capitais, polo que o absolve. "A argumentación ideada polas acusacións baséase nunha ideación de maquinación entre os dous irmáns para cobrar o boleto partindo da hipótese de que existía unha confabulación previa entre ambos, hipótese que esta sala non comparte", subliña a Audiencia no fallo, no que engade que as probas indiciarias "se sustentan documentalmente en que desde o primeiro momento, esa mesma noite, pon en coñecemento de terceiros, compañeiros delegados, a existencia da problemática e, ao día seguinte, comunícao á Selae e, á semana seguinte, entrega o boleto na Selae, co cal perde todo control sobre o mesmo". 

Os maxistrados inciden en que "non se acredita a existencia dun coñecemento do feito ilícito do seu irmán", así como en que "non existen actuacións tendentes a dificultar a trazabilidade dos cartos ou a ocultación dos mesmos". Tamén destacan que "se deu publicidade, dentro do que se podía para salvagardar unha futura reclamación, á existencia do boleto". 

A sentenza non é firme, pois é susceptible de ser recorrida ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.