O Ministerio de Consumo revela datos que Xunta e sector evitan divulgar, como que o Goberno galego vén poñendo as menores multas posibles para cada tipo de incumprimento
A Xunta impuxo o pasado ano un total de 76 sancións por xogos de azar en Galicia, das que 63 foron leves, 5 graves e 8 moi graves. Os datos veñen de ser revelados polo Ministerio de Consumo, facendo así públicas unhas cifras que Goberno galego e sector evitan divulgar e que permiten constatar que a Xunta vén poñendo as menores multas posibles para cada tipo de incumprimento.
Hai anos que Cejuego, patronal do sector, vén facendo públicas algunhas das cifras do xogo en todo o Estado, mesmo desagregadas por comunidades autónomas, coa excepción do xogo en liña que non se pode localizar. Con eses informes vén sendo posible coñecer que cada ano a cidadanía galega perde entre 300 e 500 millóns de euros (entre 120 e 250 euros por persoa maior de idade), cifras que oscilan polo azar, como que algún ano caia aquí algún premio gordo da lotaría de Nadal. Con eses informes Praza.gal elaborou hai uns meses dúas amplas e detalladas informacións sobre canto e onde se xoga en Galicia.
As cifras deses informes da patronal son similares ás que agora inclúe o informe anual sobre o sector do Ministerio de Consumo, que por primeira vez desagrega os datos por comunidades autónomas, como xa facía Cejuego. Pero o informe do ministerio inclúe tamén cifras de sancións, información que Xunta e empresas evitan divulgar. Os informes anuais de Cejuego non inclúen eses datos, e para obtelos da Xunta hai un par de anos Praza.gal tivo que realizar unha longa investigación ao amparo da Lei de Transparencia que diversas empresas tentaron obstaculizar.
Unha investigación de Praza.gal revelou hai dous anos que a infracción moi grave máis habitual é permitir xogar a menores, e que empresas que o fixeron pediron mudar a lei para que os multados fosen os xogadores
Segundo o informe agora divulgado polo ministerio, en 2024 a Xunta impuxo en Galicia 8 sancións moi graves que sumaron uns 130.000 euros, 5 graves por 15.000 euros e 63 leves por 6.000 euros. Tendo en conta que as sancións moi graves poden recibir multa de 18.000 a 100.000 euros, que as graves van de 3.000 a 18.000 euros e que as leves son de 100 a 3.000 euros, a Xunta impuxo as multas máis baixas posibles dentro de cada rango. Segundo as cifras agora divulgadas, mesmo algunha sanción moi grave non chegou ao importe mínimo establecido.
Ese xeito de sancionar xa puido ser comprobado por Praza.gal na investigación realizada hai un par de anos por este diario que permitiu revelar que a infracción moi grave máis habitual vén sendo permitir xogar a menores de idade, tamén multada coas contías máis baixas posibles e sen aplicar para elevar os importes criterios contemplados na lei como a reincidencia.
Aquela investigación iniciouna Praza.gal tras coñecer, no marco da nova Lei do Xogo de Galicia, que empresas de xogos de azar pediran á Xunta que a norma deixase de multalas a elas se permiten xogar a menores de idade e pasase a multar aos menores. A Xunta rexeitouno -"non se pode nin entrar a considerar"- e a nova lei, aprobada finalmente en 2023, mantén en similares termos a prohibición de xogo a menores. Ante esa petición das empresas, este diario, tras un longo proceso de solicitudes de transparencia ao que se opuxeron tanto a Xunta como varias firmas, logrou publicar o detalle das empresas sancionadas desde 2014 por deixar xogar a menores. Algunhas delas foron multadas en varias ocasións na última década polo mesmo motivo, pero o Goberno galego sempre ditou a multa mínima, 18.001 euros, sen aplicar ao importe a agravante de reincidencia.
Agora, os novos datos divulgados polo ministerio permiten comprobar que 2024 rexistrou unha cifra especialmente baixa de todo tipo de infraccións moi graves, 8, en comparación cos anteriores anos dispoñibles grazas á investigación deste diario, ata 2022.