En Galicia hai máis de 7.000 bares con máquinas de xogo e máis de mil locais específicos como administracións de lotaría, tendas de apostas, casinos ou bingos. Esta é a xeografía do xogo no país, á que seguirá outra análise sobre canto perde cada galego.
En Galicia hai máis de 7.000 locais de hostalaría con máquinas de xogo, máis de mil locais específicos -como administracións de lotaría, salóns de xogo, tendas de apostas, casinos ou bingos- e máis de 700 vendedores da ONCE recorrendo a diario as rúas. Esta é a xeografía do xogo no país cando vén de aprobarse unha nova lei galega do sector que diferiu meses ou anos a entrada en vigor de varias das súas novas disposicións, non sempre máis restritivas. Un panorama co que se poderá contrastar nun tempo o efecto que terá a nova norma e que en Praza.gal acompañaremos, nunha próxima información semellante, doutra análise sobre canto perde cada ano cada galego ou galega, entre 120 e 250 euros en función do azar.
Nesta radiografía do sector en Galicia hai un tipo de punto de acceso ao xogo imposible de localizar, o xogo en liña, milleiros de móbiles, ordenadores ou tabletas desde os que se pode mercar lotaría ou apostar en calquera lugar do mundo. O que si é localizable nas súas grandes cifras é o xogo presencial, sexa o que tenta cunha recompensa inmediata ou o que a difire ao resultado dun un sorteo ou encontro deportivo.
Por volume e dispersión polo territorio, o xogo nos locais de hostalaría é o máis espallado. Segundo os datos oficiais da Xunta, en toda Galicia hai máis de 7.000 bares e restaurantes con máquinas de xogo efectivamente instaladas (os permisos son máis). A inmensa maioría deles contan con máquinas comecartos e arredor de 3.000 ademais con máquinas de apostas.
Tras anos de escurantismo malia seren datos considerados públicos, e tras algunha sentenza rexeitando a negativa da patronal a facilitar o acceso aos mesmos, a Xunta xa facilita o detalle de cada establecemento de hostalaría con máquinas de xogo instaladas, o que permite debuxar o mapa que acompaña estas liñas. Un mapa de Galicia que, ao cruzar os datos dos locais con máquinas coa poboación de cada concello permite comprobar varios feitos significativos.
Se no global de Galicia hai un bar con máquinas de xogo por cada 370 habitantes, na Gudiña a cifra chega a un local por cada 100 habitantes, rateo á que se achega tamén A Mezquita, o que se podería explicar por seren dúas poboacións de moito tránsito situadas na entrada pola autovía A-52. No resto do país, as cabeceiras comarcais son as que rexistran unha maior rateo de locais con máquinas de xogo en relación coa súa poboación.
Durante o debate da nova lei do xogo o Consello Económico e Social (CES) de Galicia reclamou “a desaparición das máquinas comecartos e de apostas deportivas nos establecementos de hostalaría e restauración". Unha petición da inmensa maioría dos representantes sociais presentes nese órgano consultivo da que só se desmarcou a patronal. Finalmente a Xunta e o PP fixeron caso á patronal e as máquinas seguirán nos bares, con limitacións que quedaron adiadas ao regulamento que desenvolva a nova lei, do que aínda nada se sabe.
Tras os bares con máquinas, hai máis de 900 administracións de lotaría e uns 700 vendedores e vendedoras da ONCE
O seguinte tipo de lugares de xogo polo seu volume son as administracións de Loterías e Apostas do Estado, máis de 900 en Galicia segundo as cifras da sociedade estatal que as xestiona.
Algo menor é a cifra de vendedores e vendedoras de xogos da ONCE, que esa organización cuantificou hai tres anos nuns 700, máis abundantes nas provincias da Coruña e Pontevedra.
A nova lei aposta pola consolidación dos salóns de xogo e tendas de apostas xa existentes, uns 150 locais, mesmo a carón de colexios, e só esixe que se afasten as novas aperturas, limitadas a un par de ducias máis de establecementos
Despois van os salóns de xogo e tendas de apostas, preto de 150 en toda Galicia, establecementos nos que hai outro milleiro máis de máquinas de xogo, como tamén hai máquinas nos casinos e bingos. Son locais nos que a nova lei do xogo aposta pola consolidación dos xa establecidos.
Por unha banda, a nova norma restrinxe as novas aperturas permitidas a un par de ducias de futuros novos establecementos en todo o país, ata un máximo de 175 de todo tipo: 118 salóns de xogo, 41 tendas de apostas, 12 bingos e 4 casinos ou salas adicionais destes -hai casinos na Coruña e A Toxa, cunha sala deste último en Vigo e en tramitación outra do coruñés en Santiago-. Ademais, os novos establecementos de xogo deberán afastarse 300 metros dos centros educativos, pero os xa instalados poderán seguir nos seus emprazamentos aínda que non se respecte esa distancia.
No último momento a lei si vetou, grazas a emendas de BNG e PSdeG e fronte ao que propuña inicialmente o PP, a presenza de máquinas de apostas en recintos deportivos, o que seguiría espallando esta xeografía do xogo.
E similares bandazos vén dando a Xunta e o PP no que respecta ao sector do bingo. Inicialmente a nova lei restrinxía os cartos en xogo e incrementaba o control dos bingos veciñais, de asociacións ou residencias, pero aos 14 días da súa entrada en vigor o Goberno galego impulsou unha reforma para elevar ata 1.300 euros a contía xogable aínda que establecendo que os premios non poden ser en metálico. Unhas restricións no sector dos bingos máis informais que contrasta coas sucesivas rebaixas de impostos ás empresas de bingos co argumento expreso de que están "en franco declive" e "a piques de desaparecer".