Algunhas firmas foron multadas en varias ocasións na última década por esa infracción moi grave pero o Goberno galego sempre ditou a multa mínima, 18.001 euros, sen aplicar ao importe a agravante de reincidencia
O pasado outubro, no marco da tramitación da nova Lei do Xogo de Galicia, Praza.gal revelou que varias empresas de xogos de azar pediran á Xunta que a norma deixase de multalas a elas se permiten xogar a menores de idade e pasase a multar aos menores. A Xunta rexeitouno -"non se pode nin entrar a considerar"- e a nova lei, aprobada finalmente este xuño, mantén en similares termos a prohibición de xogo a menores.
Agora, tras un longo proceso de solicitudes de transparencia iniciado daquela, a Xunta vén de facilitar a Praza.gal o detalle das empresas sancionadas por esa infracción na última década, uns datos que permiten comprobar que firmas que pediron mudar a lei para non seren multadas por deixar xogar a menores están entre as sancionadas de xeito reiterado por ese feito nos anos anteriores.
Os datos agora obtidos co aval da Valedora do Pobo, responsable de velar pola transparencia en Galicia, permiten tamén comprobar que malia a reiteración dalgunha empresa nas mesmas infraccións a Xunta sempre ditou a multa mínima, 18.001 euros, sen aplicar ao importe a agravante de reincidencia contemplada pola lei.
A anterior lei do xogo de Galicia, de 1985 e aínda vixente á espera de que a nova entre en vigor dentro dun mes, regulaba no seu artigo 28 as infraccións moi graves, entre as que estaba, na letra e), "a autorización ou permiso aos menores de idade da práctica de xogos de sorte, de envite ou de azar". Infraccións que podían ser sancionadas con multas de entre 18.000 e 100.000 euros, pero que a lei contemplaba que puidesen ser elevadas ata 600.000 euros "no caso de reincidencia ou segundo as contías xogadas, beneficios obtidos ou incidencia social".
A propia Xunta consignou no expediente da lei que enviou ao Parlamento os nomes das empresas que lle pediron multar a menores e non a quen os deixe xogar, ás que respondeu que "non se pode nin entrar a considerar"
Como avanzou o pasado outubro este diario, varias empresas pediron á Xunta dun xeito ou doutro durante a longa tramitación da nova lei do xogo non só que desaparecesen os controis de acceso aos locais ou máquinas de xogo senón mesmo que fosen as persoas menores de idade ou que por adición están rexistradas con prohibición de xogar as multadas no caso de que accedesen aos seus xogos.
Así o pediron, cunha ou outra redacción, e así o plasmou a Xunta no expediente remitido ao Parlamento, firmas como Sportium Apuestas Galicia, Luckia, Apuestas de Galicia (do grupo Kirol) ou a Asociación de Empresas Galegas de Xogos de Azar (Asega), impulsada polo Grupo Comar, que ten máquinas de xogo en toda Galicia e, entre outras instalacións, o Casino Atlántico da Coruña, que tamén subscribiu directamente a alegación.
Tras a petición de transparencia deste diario para coñecer o detalle das sancións por infraccións moi graves impostas pola Xunta na última década o Goberno galego facilitou nun primeiro momento un resumo numérico do número de infraccións en cada ano pero sen os nomes dos sancionados argumentando un suposto dereito de protección de datos. Eses datos permitiron saber que facilitar o xogo a menores foi a infracción moi grave máis habitual (48 das 120 infraccións moi graves impostas en dez anos) e que a Xunta a sancionou sempre coa menor multa posible.
A Xunta negouse a facilitar os nomes das empresas multadas para non prexudicar os seus "intereses económicos", pero a Valedora esixiullo salientando que "pode e debe ser obxecto de control" coñecer "como toman as decisións os poderes públicos"
Despois, tras unha primeira intervención da Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, que lle indicou que só as persoas físicas están amparadas por ese dereito no eido da transparencia, a Xunta consultou ás persoas xurídicas sancionadas por outros posibles obstáculos á divulgación dos datos solicitados. E ante o argumento de varias delas de que facer públicas as súas sancións podería prexudicar os seus "intereses económicos", a Xunta decidiu facilitar só os nomes de quen non puxera obstáculos. Isto revelou que as empresas multadas por deixar xogar a menores foran as que máis rexeitaran que se fixesen públicas as súas sancións, fronte a outro tipo de infraccións como carecer de autorización para xogos (art. 28.a), entre as que abundaban asociacións ou bares.
Pero a Valedora do Pobo, nunha última intervención no caso, desbotou o argumento económico esgrimido polas empresas e asumido pola Xunta para manter ocultas as multas. A responsable da transparencia en Galicia concluíu que "facer públicas as sancións ás empresas sancionadas por infraccións en materia de xogo, non cabe dúbida que concorda coa finalidade da normativa [de transparencia], de coñecer como toman as decisións os poderes públicos". E que a facultade sancionadora da Xunta "pode e debe ser obxecto de control por parte da cidadanía a través dos mecanismos que ofrece a normativa de Transparencia".
Os datos finalmente facilitados pola Xunta tras a esixencia final de transparencia que lle fixo a Valedora permiten comprobar que a empresa máis sancionada na última década por permitir xogar a menores foi Codere Apuestas Galicia SLU, con 13 sancións entre 2014 e 2017. Ela non, pero por detrás, varias das seguintes están relacionadas dalgún xeito con firmas que alegaron para mudar a lei e multar aos menores e non ás empresas que os deixan xogar. Sportium Apuestas Galicia SLU foi sancionada tres veces en 2016, Luckia Gaming Group SA dúas veces en 2022 e outra en 2017, Luckia Retail SA dúas veces en 2014, Comar Coruña SL dúas veces en 2021 e unha en 2017 e 2014, Comar Ourense SL unha vez en 2021 e Apuestas de Galicia unha vez en 2015.
Os datos agora coñecidos co aval da Valedora do Pobo constatan que a Xunta nunca aplicou a agravante de reincidencia ao importe das multas malia que algunhas empresas foron sancionadas varias veces nun ano ou en varios anos próximos polas mesmas infraccións
Os datos agora coñecidos permiten tamén comprobar que algunhas empresas foron sancionadas varias veces nun ano ou en varios anos próximos pola mesma infracción, tanto por permitir o xogo de menores como por outros tipos, como carecer de documentación (art. 28.g) ou superar límites de apostas ou premios (art. 28.i). Porén, en todos os casos a multa imposta pola Xunta foi a mínima posible para unha infracción moi grave, 18.001 euros, aínda que nalgúns casos a Xunta consigna 18.000,01. Isto é, a Xunta nunca aplicou ao importe das sancións a agravante de reincidencia que contempla a lei e que permitiría multas de ata 600.000 euros.
En todo caso, a Xunta finalmente rexeitou a petición das empresas e a nova lei segue contemplando como infracción moi grave, agora no artigo 44, permitir "a práctica das actividades de xogo ás persoas menores de idade". As contías das multas e a súa gradación seguen sendo as mesmas.