O órgano colexiado para "estudo e avaliación das políticas de xogo" debía estar creado en abril de 2024, segundo estableceu a lei prometida por Feijóo en 2018, mentres a Xunta segue ocultando datos negativos para o sector
En 2018 Alberto Núñez Feijóo prometeu que aquel mesmo ano enviaría ao Parlamento unha nova Lei do Xogo de Galicia que actualizase a anterior e obsoleta norma de 1985. A nova lei non foi aprobada ata cinco anos máis tarde, en xuño de 2023, e entrou en vigor o 6 de outubro dese ano. Dous anos despois, con ano e medio de atraso a respecto da previsión legal, este luns o Consello da Xunta aprobou o Observatorio Galego do Xogo, órgano que debe avaliar as políticas do Goberno galego sobre un sector que cada ano fai perder á cidadanía 500 millóns de euros.
A Lei do Xogo aprobada hai dous anos estableceu que o Observatorio do Xogo sería o "órgano colexiado encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo responsable e seguro". "Deberá estar aprobado no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei", dicía a norma, o que fixaba como data límite o 6 de abril do pasado ano. Porén, foi este luns cando o Goberno galego anunciou a aprobación do decreto que regula ese observatorio, un órgano no que participarán varias consellerías ademais das tres universidades, asociacións de adictos e representantes do sector e de asociacións de nais e pais (ANPAs).
A lenta creación do Observatorio do Xogo, que aínda terá que ser constituído coas persoas representantes de cada colectivo, súmase á lenta tramitación da nova lei, que facilitou que a comezos deste ano abrise en Santiago un novo casino, o cuarto de Galicia, a un cento de metros de varios centros educativos.
A Xunta vén ocultando as sancións ao sector, 76 o pasado ano, 8 delas moi graves
O Observatorio está chamado a ser o órgano de "estudo" do sector, ofrecendo "datos obxectivos e contrastables", pero de momento a Xunta segue a ocultar datos negativos relevantes do mesmo, como as sancións que impón ás empresas por incumprimentos. Hai dous anos parte desas sancións puideron ser reveladas por Praza.gal logo dun longo proceso ao amparo da Lei de Transparencia, revelando que a infracción moi grave máis habitual era permitir xogar a menores de idade.
Hai unhas semanas foi o Ministerio de Consumo quen fixo públicas as sancións do ano pasado en Galicia -un total de 76, 8 delas moi graves- con datos da Xunta pero que ela mesma segue sen divulgar directamente.
A cidadanía galega perde cada ano uns 500 millóns de euros en xogos de azar
O Goberno galego non quere identificar as empresas que incumpren a lei para non prexudicar os seus "intereses económicos". Uns intereses que veñen facendo que cada galego ou galega maior de idade perda no xogo entre 120 e 250 euros ao ano, en función do azar.