Galicia perdeu 500 millóns en xogos en 2023, o dobre que o azaroso ano anterior

Unha administración de lotaría en Galicia e perdas no xogo en 2023 CC-BY-SA Praza Pública

As lotarías e apostas do Estado seguen dominando o sector cun progresivo aumento das lotarías instantáneas e xogos activos da ONCE e un lento retroceso das máquinas comecartos, que aínda provocan unha cuarta parte das perdas

En 2022 o premio gordo da lotaría de Nadal caeu en Vilalba. Así foi como o azar fixo que a diferenza ese ano entre o gastado no xogo en Galicia e o gañado en premios ofrecese unhas perdas totais de só 276 millóns de euros. Pero o pasado ano, 2023, non houbo tanta sorte e, a falta de grandes premios, o perdido en xogos de azar no país duplicouse, cun total de 500 millóns de euros, en liña con anos anteriores. 

Así se pode comprobar agora no balance anual feito público pola patronal Cejuego, avanzado hai uns días por Faro de Vigo. Un balance que confirma o dominio das lotarías e apostas do Estado, cun progresivo aumento das lotarías instantáneas e xogos activos da ONCE e un lento retroceso das máquinas comecartos, que aínda provocan unha cuarta parte das perdas. 

En Praza.gal fixemos hai uns meses un balance do sector do xogo no país, no que detallamos onde se xoga en Galicia -cun bar con comecartos por cada 370 persoas, ou máis de 900 administracións de lotaría e 700 vendedores da ONCE- e canto perden galegos e galegas -de 120 a 250 euros de perda por persoa maior de idade segundo ano-. Unhas cifras condicionadas polo propio azar que chegaban ata 2022 e que agora son actualizadas con datos de 2023. 

En 2022 o gordo de Nadal caído en Vilalba reduciu á metade as perdas habituais que veñen rexistrando en Galicia

E o que din estes novos datos é que, sen contar o xogo en liña, cuxa localización xeográfica non se pode precisar, galegos e galegas gastaron en 2023 1.435 millóns de euros, 47 máis que un ano antes, dos que perderon 500 millóns, case o dobre que o ano anterior. Pero se no ano anterior se perderan menos de 10 millóns de euros nas lotarías e apostas do Estado, grazas ao gordo de Nadal, en 2023 as cifras dese tipo de xogos volveron a niveis de anos anteriores, con 235 millóns de euros de diferenza entre o xogado e o gañado, isto é, de perdas.

As cifras de 2023 permiten constatar tamén o lento retroceso do xogo nas máquinas comecartos, onde galegos e galegas seguen deixando máis dunha cuarta parte do gasto total en xogos, preto de 400 millóns de euros, con 118 millóns en perdas.

Aínda que a máis distancia, os novos datos tamén confirman o progresivo avance dos xogos da ONCE. Se en 2018 o cupón tradicional provocaba perdas de 27,5 millóns e as súas lotarías instantáneas e xogos activos de 16,6 millóns, en 2023 o cupón supuxo perdas de 40,2 millóns e os xogos instantáneos de 24 millóns.

Os bingos, aos que a Xunta vén rebaixando impostos co argumento de que tiñan risco de desaparecer, recuperaron niveis previos á pandemia

Canto aos bingos, dos que hai unha ducia en toda Galicia e que nos últimos anos veñen sendo beneficiados de xeito reiterado con rebaixas de impostos polo Goberno galego co argumento do PP de que eran un sector en risco de desaparecer, o pasado ano recuperaron niveis previos á pandemia da COVID-19, con 17,6 millóns de euros en perdas para os seus usuarios. 

Un xogo do bingo © Confederación Española de Empresarios del Juego del Bingo

E un moito mellor resultado que en anos anteriores tiraron os casinos, aínda este sexa un sector do xogo moi minoritario. Foron 6,3 millóns de euros as perdas neles de xogadores e xogadoras en 2023, case o dobre que antes da pandemia.

A estas perdas habería que engadir as do xogo en liña, imposibles de cuantificar por comunidades autónomas pero que a nivel estatal Cejuego cifra en 1.237 millóns de euros en 2023 fronte aos 963 millóns perdidos en 2022. Galicia ten arredor do 6% da poboación do Estado, polo que aplicando unha porcentaxe similar as perdas no xogo en liña poderían superar os 70 millóns de euros, a engadir aos 500 perdidos no xogo presencial. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.