Feijóo anunciou a nova norma en 2018, pero non entrou en vigor ata o pasado 6 de outubro, e dous días antes o Casino da Coruña solicitou unha segunda sede en Compostela ao amparo da norma anterior, máis laxa
En 2018 Feijóo anunciou que ese mesmo ano remitiría ao Parlamento para a súa aprobación unha nova Lei do Xogo de Galicia que actualizase a obsoleta lei anterior, de 1985. Desde o comezo da súa tramitación o PP divulgou que a nova normativa endurecería os requisitos para abrir novas instalacións de xogo, con máis distancia mínima de separación dos centros educativos. Pero a lei non foi aprobada ata cinco anos máis tarde, en xuño do ano pasado, e cun prazo de tres meses para a súa entrada en vigor, que se produciu o 6 de outubro. Só dous días antes, o 4 de outubro, Casino del Atlántico SA, empresa propietaria do Casino da Coruña, solicitaba permiso para abrir unha segunda sede en Santiago, que a Xunta autorizaba un mes máis tarde.
Grazas a eses dous días de antelación a respecto da entrada en vigor da nova lei que a Xunta e o PP tardaron máis de cinco anos en tramitar o local poderá situarse a apenas un cento de metros de varios centros educativos. Se a lei entrase en vigor antes ou a petición da empresa se realizase despois, a distancia mínima sería de 300 metros.
Segundo a nova lei do xogo, os novos recintos de xogo que se abran en Galicia non poden situarse "a unha distancia inferior a 300 metros dos centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade", distancia que debe medirse en liña recta, trazando unha circunferencia de 300 metros de radio cuxo centro sexa o local de xogo.
Con estes requisitos, nese perímetro do novo casino están cando menos o IES Eduardo Pondal e a academia de idiomas da Alianza Francesa. A segunda non sería un centro de ensino regrado, polo que quedaría fóra da aplicación da norma. E o primeiro si impediría a apertura do Casino, xa que o seu recinto está a uns 120 metros en liña recta do local de xogo. Pero a nova norma non lle é de aplicación xa que o permiso de apertura foi solicitado só dous días antes da súa entrada en vigor e polo tanto debe rexerse pola lei anterior.
A nova normativa fixa unha distancia mínima de 300 metros en liña recta, pero a anterior, ao amparo da que se tramita o novo casino, era de 150 metros "dos accesos normais de entrada ou saída" dos centros educativos
O que di a normativa de xogo anterior ao amparo da que se solicita o novo local é que "en ningún caso se autorizará a instalación do casino a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade". E o acceso do IES Eduardo Pondal está na parte do recinto educativo máis afastada do novo casino, cumprindo sobradamente a distancia. Tamén están a máis de 150 metros, pero menos de 300, varias facultades do Campus Sur de Santiago, nas que en primeiro curso pode haber aínda menores de idade.

Esa normativa anterior foi ademais mudada en 2016 para facilitar que os dous únicos casinos que permitía a lei en Galicia, o da Coruña e o da Toxa, puidesen abrir unha segunda sede en cadansúa provincia. O da Toxa fíxoo en Vigo e o da Coruña leva anos querendo facelo en Santiago. Primeiro intentouno nos baixos do Hotel Araguaney, tamén no ensanche compostelán, pero a normativa urbanística de Santiago non permitía alí ese tipo de usos.
Tras ser aprobada, nova a lei tardou nove días en ser publicada no DOG, e contemplaba 3 meses para a entrada en vigor, pero só dous días antes a empresa formulou a súa petición ao amparo da lei anterior
Os obstáculos a esa primeira instalación podían facer que á empresa xa non lle dese tempo a tramitar a solicitude para un segundo emprazamento ao amparo da máis laxa normativa anterior antes de que entrase en vigor a nova lei. Pero a lentitude na tramitación da nova norma acabou facilitando ese tempo. Malia que a norma foi anunciada por Feijóo en 2018, e os seus sucesivos borradores coñecidos polo sector xa avanzaban as finalmente aprobadas restricións nas distancias mínimas a centros educativos, o texto non entrou no Parlamento para a súa tramitación ata cinco anos despois, en setembro de 2022.
A nova lei acabou sendo aprobada polo Pleno da Cámara o 27 de xuño de 2023, pero non se publicou no Diario Oficial de Galicia ata nove días máis tarde, o 6 de xullo, e cun prazo de entrada en vigor de tres meses. Isto é, entrou en vigor o 6 de outubro, pero foi dous días antes cando o Casino da Coruña pediu o seu permiso ao amparo aínda da normativa anterior.
O novo casino enfróntase agora a oposición veciñal, ao igual que outro tipo de locais de xogos e apostas, con preocupación polo seu impacto sobre as persoas máis novas. Na tramitación da nova lei empresas de xogo, entre elas Casino del Atlántico, chegaron a pedir, sen éxito, non seren elas as multadas en caso de deixar xogar a un menor de idade senón que se sancionase aos propios menores.
As contías xogadas e perdidas nos casinos galegos oscilan entre 3 e 4 millóns ao ano, unha moi pequena parte dos entre 300 e 500 millóns que se perden no global de xogos
Porén, os casinos, polas súas propias características, presentan a priori unha maior dificultade para que poidan acceder a eles menores de idade. Ademais, as contías xogadas pola poboación en xeral nos casinos son unha moi pequena parte do que perde a poboación galega en xogos de azar, entre 3 e 4 millóns de euros ao ano sobre un total de entre 300 e 500 millóns de perdas globais, coas lotarías e as máquinas dos bares á cabeza.