O Goberno galego envía ao Parlamento con catro anos de demora unha nova lei do xogo que permite que as casas de apostas sigan preto dos centros educativos e só as poucas novas que se autoricen deberán manter unha distancia mínima de 300 metros
O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de lei da nova lei do xogo de Galicia, que agora remitirá ao Parlamento para o seu debate, votación e aprobación definitiva. A norma, que busca regular novas formas de xogo non existentes na lei anterior, de 1985, foi prometida por Feijóo para 2018, pero foi demorada sucesivamente e durante a pandemia a Xunta mesmo privilexiou o sector por riba doutras actividades con rebaixas de impostos e horarios máis flexibles.
Superada a situación excepcional, a lei que agora se aproba con catro anos de demora desoe algunhas das principais recomendacións que lle formulou ao Goberno galego o seu principal órgano de consulta, o Consello Económico e Social (CES), que reclamou “a desaparición das máquinas comecartos e de apostas deportivas nos establecementos de hostalaría e restauración”. Desa petición só se distanciou a patronal, que defendeu a súa continuidade. E é á patronal a quen agora fai caso a Xunta cunha nova norma que permitirá seguir abrindo novas instalacións de xogo de diverso tipo.
No seu ditame sobre o borrador de lei do xogo que a Xunta lle consultou, o CES, no que están presentes universidades, sindicatos ou consumidores, entre outras organizacións sociais, criticou que “resulta difícil entender o sentido de disposicións tendentes a limitar o acceso a establecementos específicos de xogo cando o acceso con controis máis laxos pode facerse en centos de locais abertos ao público en Galicia”, en referencia á hostalaría. Pero os representantes da patronal, os únicos que se distanciaron dese ditame, argumentaron que hai máis de 7.000 locais de hostalería con máquinas comecartos , que son “unha parte máis do establecemento”, e que a súa supresión podería afectar aos seus postos de traballo.
A falta de coñecer o detalle do texto da nova lei cando entre no Parlamento, o propio Goberno galego informou este xoves de que na hostalería seguirá permitindo ata 12.000 autorizacións para máquinas de tipo B ou comecartos e outras 3.600 máquinas de apostas (hai tres anos xa funcionaban 3.200), con ata dúas máquinas dun ou doutro tipo por local. Este xoves a Xunta limitouse a indicar a respecto das máquinas comecartos que "prevese a súa retirada de xeito progresivo segundo vaian pasando a baixa definitiva".
Ao que obrigará a Xunta é a que os locais de hostalería teñan un dispositivo que evite apostas por parte de menores de idade, cuxo funcionamento non se concretou pero que podería ser similar ao que dificulta que tamén poidan mercar tabaco requirindo dunha activación específica por parte do persoal do local.
A nova lei dá marxe para abrir 4 novos salóns de xogo engadidos aos 114 que xa hai e 8 novas tendas de apostas a sumar ás 38 existentes
Por outra banda, cando a Xunta comezou a tramitar esta lei, e ante o medo declarado a que o sector puidese especular con novas aperturas e licenzas mentres non entrase en vigor, aprobou en 2019 unha moratoria que limitou a 118 salóns de xogo ou 41 tendas de apostas as licenzas máximas permitidas en Galicia co argumento de que eran que xa estaban en funcionamento ou tramitación.
Agora, segundo o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, na súa intervención este xoves tras o Consello da Xunta, manterase na lei aquel tope. En toda Galicia poderá haber 2 casinos, 2 salas adicionais ou extensións deses casinos, 12 bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas. Porén, segundo el mesmo dixo, na actualidade aínda hai marxe para chegar a eses límites e “poderían abrirse unha sala adicional, dous bingos, catro salóns de xogo e oito tendas de apostas, esa é a dispoñibilidade a día de hoxe”.
Outra das novidades da lei é que os establecementos de xogo, non os bares con comecartos, deberán estar a unha distancia mínima de 300 metros radiais dos centros de ensino ou lugares de atención a persoas con adicións ao xogo. Porén, esa distancia non afectará aos locais xa existentes senón só aos que obteñan novas licenzas, que terán unha duración de 15 anos fronte á indefinida que había ata agora. Os establecementos que xa teñen licenza manterana igualmente por 15 anos e só terán que respectar a distancia se deciden mudar o seu emprazamento, algo que tamén foi criticado polo CES.
Finalmente a Xunta só prohibirá a publicidade do xogo nos medios públicos galegos, a CRTVG, tras unha anterior proposta de prohibila en todos agás os xornais impresos
Canto á publicidade do xogo, a lei finalmente só a prohibirá na CRTVG, despois de que un anterior borrador do texto propuxese estender a prohibición a todos os medios de comunicación agás os xornais impresos. Pola contra, segundo matizou este xoves a Xunta, esa avanzada prohibición da publicidade en todos os medios agás na “prensa escrita” só durará ata a aprobación do regulamento que desenvolva esta lei. Durante ese tempo os xornais só poderán publicitar “aspectos básicos do xogo sen ningún outro mensaxe que poida incitar ao xogo”. Por outra banda, a Xunta tamén matiza que ela só pode “regular o xogo presencial, xa que o xogo online é de competencia estatal”, e polo tanto tampouco pode prohibir a súa publicidade.
A nova norma tamén contempla a “prohibición de conceder préstamos e calquera outra modalidade de crédito, bonificacións, partidas gratuítas ou elementos que poidan cambiar por diñeiro ás persoas usuarias dos xogos”. Tamén se crea un Observatorio Galego de Xogo como "órgano colexiado encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo".
Rueda di que a norma “busca garantir unha práctica responsable do xogo e coidar ás persoas máis vulnerables nun sector regulado”
Canto ás sancións da nova lei, a Xunta informou de que oscilarán “entre 100 e 100.000 euros segundo se trate de casos moi graves, graves ou leves e chegando a 600.000 euros nalgúns casos”, nos que mesmo se podería decidir a suspensión da autorización, o peche do establecemento ou a incautación de máquinas.
Segundo valorou o propio presidente, Alfonso Rueda, a nova norma “busca garantir unha práctica responsable do xogo e coidar ás persoas máis vulnerables nun sector regulado”. Será cun texto do que dixo que é froito dun “proceso longo e falado con todos os sectores interesados, tanto empresarios como asociacións ou expertos”. Porén, nada dixo o presidente de que o texto vaia incumprir o ditame aprobado polo Consello Económico e Social para atender só á petición da patronal.