O pasado mes de maio a Xunta anunciou a adopción dunha serie de medidas para controlar a expansión das casas de apostas en Galicia, limitando o seu número ás "xa existentes ou con solicitude en tramitación", un total de 159. Porén, como dende hai tempo veñen lembrando organizacións como a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJE) ou a Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados), o problema das apostas non se limita ás tendas e salóns especializados, moi presentes xa en todas as cidades e vilas galegas, senón tamén ao xogo online e, así mesmo, ás máquinas de apostas existentes en centos de establecementos de hostalería, practicamente en cada recuncho do país.
En Galicia están en funcionamento 3.695 terminais de apostas e a maior parte (3.194) están instaladas en bares e cafeterías
O director terapéutico de AGAJA, Juan Lamas, respondía nesta entrevista ás medidas anunciadas polo Goberno galego para limitar os efectos do xogo, sobre todo entre os menores de idade: "A Xunta parece que esquece que concedeu 3.600 licenzas para máquinas de apostas en bares e aí non vai haber ningún control de acceso, porque o dono do bar non se vai facer responsable".
En efecto, en Galicia están en funcionamento 3.695 terminais de apostas e a maior parte (3.193) están instaladas en bares e cafeterías e o resto (502) nos salóns e tendas de apostas. Mentres que nos salóns e tendas de apostas si hai un control da idade dos usuarios, isto non sucede nas máquinas instaladas noutros lugares.
Hai máquinas de apostas en 262 concellos. Vigo, A Coruña e Ourense encabezan a lista
As cidades concentran o maior número destes aparellos, encabezando a lista Vigo con 406 terminais de apostas, e A Coruña con 318. Moi preto aparece xa Ourense, con 287, a pesar de contar cunha cifra de poboación moi inferior. Lugo, Pontevedra e Compostela tamén superan o centenar de máquinas.
As máquinas de apostas esténdense por todo o país. De feito, son moi poucos os concellos nos que non está instalada unha delas; en concreto, son 51. Nas 262 localidades restantes está en funcionamento algún destes terminais.
O regulamento de apostas aprobado pola Xunta no ano 2012 fixaba un número máximo de 2000 máquinas de apostas en bares e cafetarías. Porén, no ano 2017 o Goberno galego elevou ese límite ata as 3.600 máquinas.. "Nestas máquinas dos bares increméntase o perigo para as persoas de calquera idade que xa son adictas ao xogo", alertaba Juan Lamas noutra entrevista
Ademais dos terminais individuais, o xogo foméntase en Galicia a través das casas e tendas de apostas. O resultado nos últimos anos foi un incremento continuado dos cartos que os galegos e galegas destinan aos xogos de azar. O gasto da poboación galega nos xogos e apostas medrou un 27% en só tres exercicios e cada vez son máis as persoas que chegan a ter problemas graves de ludopatía ou de débedas, persoas ademais cada vez máis novas. O perfil do ludópata en Galicia é o dun mozo, con estudos, traballo fixo e uns 24.000 euros de débeda. Mesmo así a patronal do xogo nega que exista un "problema real" en Galicia.
En xaneiro de 2019 eran 136 as casas de apostas abertas, sobre todo na Coruña (24) e Vigo (22), e con cifras importantes igualmente en Ourense (10), Compostela (7), Pontevedra (6), Lugo (6) e Ferrol (5), pero tamén se reproducían en vilas de tamaño medio como Vilagarcía (4), Verín (3), Ribeira (3) e noutros centro comarcais. A cifra seguíu en ascenso, ata chegar finalmente ás 159.