Mozo, con estudos, traballo fixo e 24.000 euros de débeda: así é o perfil da ludomanía en Galicia

Exterior dun local de apostas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública

Desde o ano 2015, Agalure (Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados) rexistra todos os casos que chegaron á súa sede na procura de solución a un problema cada vez máis grave na sociedade. O gasto da poboación galega nos xogos e apostas medrou un 27% nos últimos tres anos e a expansión destes negocios obrigou a Xunta a poñer couto á apertura de máis establecementos logo de que, como denuncian diversas entidades, concedese 3.600 máquinas para apostar nos bares. Será cunha nova lei do xogo que substituirá a regulamentación que rexe este sector dende 1985 e que vetará a publicidade en todos os medios agás nos xornais impresos.

A situación non muda polo momento e a entidade, tras a análise de todas as casuísticas tratadas, advirte dun “aumento moi significativo de xogadores moi novos que teñen problemas co xogo” e fai un retrato robot do ludómano en Galicia: mozo, con estudos e traballo fixo e que se inicia nas máquinas comecartos, aínda que as apostas deportivas online son xa a maior ameaza. 

Agalure fai un retrato robot da ludomanía en Galicia a partir da análise dos casos tratados nos últimos cinco anos: "É un problema social de vixente actualidade"

A partir da análise dos datos recollidos no programa de rehabilitación Podo, pero só non podo, en colaboración coa Deputación da Coruña, Agalure traza o perfil do ludómano e dun problema “que lonxe de ter desaparecido, segue a ser un problema social de vixente actualidade”. Así, o ludómano galego é un home de 36 anos, con estudos, maioritariamente cun emprego fixo e coas máquinas comecartos como causante inicial da súa entrada no xogo, antes dos 19 anos. A súa débeda media, tendo en conta a área da Coruña, onde máis actúa a entidade, é de máis de 24.000 euros

Mapa cos puntos de aposta da empresa Codere en España © Codere

Aínda que a maioría das persoas que acoden a rehabilitarse inícianse nas máquinas comecartos e, en menor medida, na ruleta electrónica, a importancia das apostas “aumenta con rapidez e importancia”. Tan só unha ollada a moitos barrios das cidades galegas dá conta da expansión destas casas de apostas deportivas. Desde 2017, advirte Agalure, o cambio é “moi significativo” e o xogo online de apostas deportivas xa son “o principal atractivo dos ludómanos, seguíndolle moi de preto o póker”

En Galicia hai 160 salóns de apostas en funcionamento ou en trámite e case 4.000 terminais: "As apostas 'online' son o principal atractivo dos ludómanos"

Hai 160 salóns de apostas en funcionamento ou en trámite en Galicia e case 4.000 terminais, entre as destes espazos e as dos bares. Con todo, o problema é común e global no Estado, por moito que a difusión masiva en redes sociais dun mapa de España sobre a presenza destes locais fixese crer que a súa expansión era moito maior en territorio galego. Non é así. O plano amosa só os establecementos da marca Codere que, ao aliarse hai anos coa empresa galega Comar, tiña unha lóxica maior implantación. 

Agalure lémbralles ás administracións públicas que "de forma habitual e constante" incúmprense normas por parte dos negocios, como non identificar as persoas que solicitan autoprohibición nas casas de xogo ou máquinas recreativas, ou non facelo tampouco con "menores de idade que entran nos establecementos ou locais de hotelería". Así, solicita "medidas de control de accesos, sinxelas de poñer en marca e pouco custosas".  

A estes "incumprimentos", a entidade engade "a propaganda abusiva en medios de comunicación, malia que é un feito que o xogo é unha actividade que xera graves problemas na sociedade, igual que o alcohol e o tabaco, publicidade agora moito máis regualda logo de anos de constantes denuncias". 

Esta expansión de locais de apostas supón un problema engadido a unha situación que vai máis aló. A persoa máis nova atendida por Agalure tiña 11 anos e unha débeda de case 2.000 euros tras “engancharse compulsivamente aos videoxogos” e realizar a través deles numerosas compras. Desde o ano 2016, a débeda total acumulada dos xogadores diagnosticados por Agalure achégase aos dez millóns de euros e os problemas son con entidades de préstamos rápidos, pero tamén coas empresas onde traballan ou coa súa propia familia, na que “se producen apropiacións de cartos”, o que provoca tamén denuncias e problemas de tipo legal. No último lustro, o maior débido dun afectado alcanzou o medio millón de euros; a segunda maior, 250.000. 

Agalure atendeu un rapaz de 11 anos con 2.000 euros de débeda e outra persoa chegou a deber medio millón de euros

O problema, ademais, é maioritariamente masculino. O 89% dos casos rexistrados en Agalure – un total de 434 pediron diagnóstico e foron recoñecidas con algún grao de ludomanía en cinco anos – foron de homes. “A cifra non pode facernos concluír que as mulleres non teñen problemas co xogo xa que, por vergonza, acoden menos cós homes a solicitar diagnóstico e solicitar un tratamento”, explica a entidade. 

Por outra banda, a maioría das persoas atendidas por problemas co xogo teñen emprego fixo, o 29%, sendo eventuais o 24%; parados, o 21% e mesmo pensionistas e xubilados, que alcanza o 9% dos afectados. Tampouco o nivel de estudos fai diferenzas: un de cada catro rematou, como mínimo, a ESO e o 19% son universitarios. Tan só o 17% teñen estudos primarios; o 17%, formación en Bacharelato; o 14%, FP, o 13%; e o 11%, estudos medios. 

Protesta veciñal contra a apertura dun local de apostas no barrio vigués de Navia CC-BY-NC-SA PCG

Agalure lembra, tamén, que o 85% dos casos tratados logran saír da ludomanía e ter unha vida “sen que o xogo volva interferir no seu desenvolvemento persoal”. Con todo, advirte de que unha persoa ludómana convive co problema “toda a vida”, polo que “unha vez rehabilitada ten que seguir unhas pautas de comportamento para evitar as recaídas” e precisa da colaboración da súa contorna. No plan individualizado que traza a entidade traballa un equipo multidisciplinar composto por un psicólogo clínico, educadores sociais, equipo xurídico e grupo de apoio terapéutico. 

"A adicción ao xogo é un problema de primeiro nivel social e en fase crecente debido ás agresivas estratexias comerciais e publicitarias"

É unha cobertura asistencial que “actualmente a sanidade pública non pode ofrecer coas mesmas garantías”, advirte Agalure, que cualifica a situación como “un problema de primeiro nivel social e en fase crecente debido ás agresivas estratexias comerciais e publicitarias dedicadas ao negocio do xogo”. 

A Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados (Fejar), onde se inclúe Agalure, advirte tamén ás administracións públicas, ás que pide que cuantifiquen "o custo socieconómico dun ludómano" e que debería ter en conta o que supón o absentismo laboral, as baixas por enfermidade, os despedimentos ou os gastos na sanidade pública das doenzas derivadas deste problema. 

Do mesmo xeito, critica a "falta de sensibilidade" por parte das administracións autonómicas de todo o Estado, "que son as que teñen competencias específicas en materia de saúde". 

Precisamente, este e outros temas serán tratados na vindeira fin de semana (do 27 ao 29 de setembro), A Coruña acolle o XX Congreso Nacional de Ludopatía, onde Agalure é anfitrión ao celebrar o seu 25º aniversario. Será na Fundación Barrié e está prevista a asistencia de máis de 300 persoas vinculadas a diferents asociacións para a rehabilitación de ludómanos en todo o Estado. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.