O segundo premio reparte 2,5 millóns en Vigo e Barbadás e o terceiro máis de 3 millóns en nove concellos
O popular sorteo da Lotaría do Nadal deixou este domingo décimos agraciados por toda Galicia con algúns dos principais premios que se repartían. O primeiro premio do sorteo do Nadal, o Gordo, con 400.000 euros ao décimo, foi para o 72.480, vendido integramente en Logroño. Pero en Galicia houbo máis sorte cos seguintes premios.
40.014: Segundo premio con 2,5 millóns en Barbadás e Vigo
O segundo premio do sorteo deste domingo, dotado con 125.000 euros ao décimo, foi para o 40.014, do que se venderon dúas series en administracións de lotaría de Barbadás e Vigo. En total, supoñen 2,5 millóns de euros repartidos en ambas localidades.
11.840: Terceiro premio e máis de 3 millóns en nove concellos
O terceiro premio do sorteo deste domingo, dotado con 50.000 euros ao décimo, foi vendido en administracións de lotaría de todo o Estado, entre elas en nove concellos galegos, nos que se repartiron máis de tres millóns de euros: principalmente en Lugo pero tamén en Ferrol, Noia, Meira, Viveiro, Cortegada, Vigo, O Porriño e O Grove.
Ademais destes tres premios principais, décimos dos cuartos e quintos premios, con 20.000 e 6.000 euros ao décimo, foron tamén vendidos en diversos concellos por toda Galicia como Vigo, O Grove, Culleredo ou Nigrán.
Os números premiados poden consultarse na web oficial de Loterías y Apuestas del Estado.