O novo texto impulsado pola Xunta tamén derroga os xogos de boletos, cuxa anterior regulación supuxo a condena por prevaricación do ex-vicepresidente Barreiro Rivas
A Xunta vén de remitir ao Parlamento a nova lei do xogo que prevé que estea en vigor o próximo ano malia prometela xa para 2018. O propio Goberno galego xa avanzara o pasado 29 de setembro algunhas das novidades da norma, como que se manterán as máquinas de apostas nos bares como lle pediu a patronal malia rexeitalas o resto de representantes sociais.
Agora, ao desvelarse o texto, coñécense máis detalles. Entre eles, que a Xunta renuncia a que poida haber lotarías ou xogos de boletos de ámbito galego, ou que a nova norma permitirá que as salas adicionais dos casinos, como a que hai en Vigo pertencente ao casino da Toxa, poidan ser de maior tamaño, mesmo máis que as súas matrices.
Tanto a lei galega do xogo actualmente vixente de 1985 reformada varias veces nestes anos como o borrador desta nova norma exposto ao público polo Goberno galego en 2019 contemplaban entre o catálogo de xogos posibles (xogos de casino, bingo, apostas ou máquinas comecartos, entre outros) o xogo de lotarías e boletos. As primeiras implican un sorteo para elixir o billete ou comprobante numerado que ten dereito a premio, mentres que no segundo caso o propio boleto que merca o participante ten fixado de xeito oculto se conta con premio ou non, e é quen o compra quen debe descubrilo tras manipulalo.
Nunca chegou a haber unha lotaría galega como si hai en Catalunya e o primeiro xogo de boletos autorizado rematou coa condena de Barreiro Rivas polo Tribunal Supremo
En Galicia nunca chegou a desenvolverse unha lotaría de rango autonómico, como si hai en Catalunya. E a posibilidade de que se crease un xogo de boletos contemplada na lei de 1985 acabou derivando na condena por prevaricación do daquela vicepresidente da Xunta, José Luis Barreiro Rivas, que autorizara ese tipo de xogo a un empresario que formulara a súa petición antes de que a norma entrase en vigor e tras avanzarllo no seu despacho, como sentenciou o Tribunal Supremo.
Aínda que a nova lei si permite as rifas, nas que os premios non poden ser cartos senón bens ou servizos, xa non será posible nin unha lotaría nin un xogo de boletos galegos. As disposicións que a Xunta prevía no seu borrador de hai tres anos desapareceron do proxecto de lei definitivo enviado ao Parlamento.
Ata agora as salas adicionais dos casinos, como a que o da Toxa ten en Vigo, tiñan a superficie limitada ao 80% da do casino matriz, pero agora non haberá límite de tamaño senón de mesas de xogo
As lotarías e boletos xa non aparecen nin no listado de xogos permitidos nin no articulado que desenvolve o funcionamento de cada tipo de xogo. E mesmo se dispón expresamente a derrogación do decreto de 1986 que regulou o xogo de boletos. Si se mantén, sen valor xurídico, unha referencia na exposición de motivos da lei que evidencia que o Goberno galego decidiu expresamente eliminar eses tipos de xogos do articulado a respecto do borrador de 2019 pero esqueceu borrar a referencia aos mesmos na introdución.
Por outra banda, a nova lei tamén introduce mudanzas nas características dos casinos. Seguen estando limitados a dous en todo o país, os que na práctica xa existen na Coruña e a illa da Toxa, no Grove. Pero en 2015 o Goberno de Feijóo introduciu unha mudanza legal para permitir que os casinos xa existentes poidan abrir unha denominada “sala adicional” noutro emprazamento dentro da mesma provincia, o que permitiu ao da Toxa instalarse tamén en Vigo e ter acceso así a maior poboación potencial. Agora a nova lei consolida ese modelo que na práctica permite ata catro casinos en Galicia, e fai aínda máis flexibles as condicións sobre os seus tamaños.
Ata agora a normativa establecía que “as zonas destinadas a mesas de xogo das salas adicionais non poderán ter, en ningún caso, unha superficie superior ao 80 % da superficie da zona destinada a mesas de xogos do casino matriz”. Pero o novo texto que vén de entrar no Parlamento muda o criterio e sinala que será o número de mesas de xogo en funcionamento da sala adicional o que non pode superar o 80% do número de mesas en funcionamento no casino matriz. O que na práctica permite que as supostamente salas adicionais, como a de Vigo ou a que poida abrir o casino da Coruña, poidan ser máis grandes que os casinos matrices.