O Goberno galego “pecha o mercado” das apostas para evitar que se especule con novas instalacións despois de que o Tribunal Supremo inhabilitase por prevaricación hai tres décadas a Barreiro Rivas por unha concesión de xogo feita “antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo” e a “unha sociedade aínda inexistente”
Este mércores o vicepresidente da Xunta e conselleiro con competencias en materia de xogo, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego vai “pechar o mercado” dos salóns de xogo e tendas de apostas aos 118 e 41 que xa existen ou están en tramitación en Galicia. Faino, di, “ante a próxima publicación da nova lei galega na materia e evitar así que se poida aproveitar o período previo á súa entrada en vigor para especular e poñer en marcha novas instalacións”. A precaución adóptase despois de que a lei do xogo galega actualmente en vigor e que agora vai ser renovada, aprobada en 1985, acabase supoñendo hai tres décadas a condena do daquela vicepresidente popular da Xunta, José Luis Barreiro Rivas, por prevaricar na concesión dunha autorización de xogo “antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo” e a “unha sociedade aínda inexistente”.
Os feitos polos que foi condenado Barreiro Rivas, número 2 da Xunta que presidía o popular Gerardo Fernández Albor, ocorreron a finais de 1985 e comezos de 1986, pero non comezaron a ser investigados pola xustiza ata que un ano máis tarde foron denunciados polos propios populares. Fixérono pouco antes de que Barreiro Rivas apoiase unha moción de censura que acabaría quitando a presidencia da Xunta a Albor e dándolla ao socialista Fernando González Laxe, que gobernaría cun tripartito no que Barreiro seguiría a ocupar a vicepresidencia. Unha censura en cuxo debate o goberno de Albor foi defendido polo seu novo vicepresidente en substitución de Barreiro, Mariano Rajoy, quen no seu discurso de despedida deixou unha frase para a historia: “Ao señor Albor e a quen estivemos con el durante estes duros dez meses co veleno dentro -en referencia ao grupo do tránsfuga Barreiro Rivas- xulgaranos a historia, non nos xulgarán vostedes”.
Quen xulgou a Barreiro Rivas uns anos despois foi a Xustiza. Tras a denuncia dos feitos por parte da propia Xunta de Albor, en 1989 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) absolveu a Barreiro Rivas, pero a Fiscalía recorreu e un ano máis tarde o Supremo condenábao. O propio alto tribunal sinalou as implicacións políticas daquel caso, ao indicar na súa sentenza que “despois dunha deliberación de altos cargos da Xunta”, “é a Xunta quen denuncia os feitos presuntamente delitivos, producíndose ao seguinte día a correspondente moción de censura co efecto de cambio de Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia” e a chegada á presidencia de Laxe co apoio de Barreiro.
Feitos probados
O Supremo acabou condenando en 1990 a Barreiro Rivas por autorizar un xogo de boletos a un empresario que formulara a súa petición antes de que a lei entrase en vigor e tras avanzarllo en persoa no seu despacho
Pero máis alá das interpretacións políticas, os feitos que a xustiza deu por probados son os que relata esa sentenza que o Supremo emitiu cinco anos máis tarde, o 17 de setembro de 1990, cando Manuel Fraga xa mandaba en San Caetano, condenando a Barreiro Rivas a seis anos e un día de inhabilitación “como autor criminalmente responsable dun delito de prevaricación”. Nela cóntase como, tras transferir o Goberno central a Galicia as competencias en materia de xogo en marzo de 1985, o 24 de setembro dese mesmo ano o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 14/1985 reguladora dos Xogos e Apostas en Galicia.
A lei publicaríase no Diario Oficial de Galicia o 20 de novembro, pero “a finais do mes de setembro, en día non exactamente precisado, pero comprendido entre o día de aprobación do texto definitivo da lei e o da súa publicación, o procesado don José Luis Barreiro Rivas, que desempeñaba os cargos de Vicepresidente e Conselleiro da Presidencia [competente en materia de xogo] recibe no seu despacho oficial a Juan Carlos Olano”, representante da denominada Sociedad General de Juegos de Galicia, nunha “entrevista concertada días antes, por mediación de don Javier Rosón, irmán de quen daquela era Presidente do Parlamento Galego”, Antonio Rosón, e que compartía despacho profesional con Olano.
Nesa reunión de finais de setembro de 1985 o empresario expúxolle a Barreiro “o seu desexo de solicitar a autorización para a posta en práctica do xogo de boletos”, como así fixo “o 28 de outubro” pero “con data 9 do mesmo mes”, antes de que a lei que regulaba ese xogo se publicase no DOG un mes máis tarde, o 20 de novembro. A Xunta outorgou a súa autorización a Sociedad General de Juegos de Galicia o 18 de marzo de 1986.
O tribunal reprocha a Barreiro que “a concesión faise, ás costas de calquera publicidade, antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo, a quen previamente o visitara para interesarse por ela e en representación dunha sociedade non nacida”.
A sentenza do Supremo salienta que a autorización “concedeuse sen ningún tipo de publicidade, requisito indispensable neste tipo de actos administrativos, a quen presentara unha solicitude o 28 de outubro de 1985, inexplicablemente antes da promulgación e entrada en vigor da Lei que ía regular dito xogo en Galicia e en representación dunha sociedade aínda inexistente [...] datos estes (carencia de soporte legal e inexistencia de sociedade) que eran coñecidos perfectamente por quen desempeñaba, como o procesado, un cargo tan relevante”.
Pero a cousa non quedou aí, porque ante as dúbidas da legalidade desa primeira autorización, e tras aprobar en xuño de 1986 un regulamento que desenvolveu a lei do xogo, a Xunta outorgou o 28 de agosto dese ano á mesma empresa unha segunda autorización, en resposta á mesma solicitude inicial que presentara antes mesmo de aprobarse a lei. Nese segundo proceso o tribunal ve unha opacidade similar xa que “os documentos que conducen á nova decisión nin sequera se rexistran”.
“Vistas as moi graves irregularidades nas que o procesado incorrera ao ditar a resolución á que acaba de facerse referencia, procedeuse, despois [...] a deixar sen efecto a concesión, pero non para rectificar e desfacer o camiño andado, senón como un simple expediente, como se comproba polos acontecementos posteriores, para volver á mesma solución, cunha apariencia de maior corrección formal que tampouco se conseguiu, pero co mesmo contido substancialmente inxusto”, di o tribunal.
Segundo o Supremo, todo ese proceso realizouse sen “ningunha garantía para os cidadáns, en xeral, que non tiveron oportunidade de acceder a unha convocatoria para participar no que debeu ser un concurso selectivo de solicitudes”. O tribunal reprocha a Barreiro que “a concesión faise, ás costas de calquera publicidade, antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo, a quen previamente o visitara para interesarse por ela e en representación dunha sociedade non nacida”.
O Supremo expresa o seu "convencemento da malicia do procesado ao ditar as respectivas resolucións"
A sentenza do Supremo salienta que “todo canto queda posto de relevo non se recolle para destacar determinadas irregularidades administrativas, sen dúbida graves, que poderían ter o seu correctivo na vía correspondente, senón para sinalar as circunstancias concorrentes que por un proceso de inferencias, dentro da lóxica e das regras de experiencia, conducen ao convencemento da malicia do procesado ao ditar as respectivas resolucións”.
A sentenza remata cunha reflexión do tribunal sobre todo o proceso na que di que “non cabe dúbida de que todo se move nun contexto de situacións de tensión, de natureza política, como se acredita polo cambio de posicións de determinadas institucións respecto á adxudicación/concesión ou autorización á que vén facéndose referencia. Por iso o verdadeiramente importante é illar na medida do posible, que o é, estes coñecementos do feito mesmo que aquí se enxuíza desde a exclusiva vertente xurídico-penal, única que corresponde examinar a esta sala”.
O resultado final, ademais da condena e inhabilitación de Barreiro Rivas, que 27 anos despois acabaría recibindo eloxios de Rajoy e Feijóo, foi que nunca se puxo en funcionamento un xogo de boletos en Galicia, malia que a lei do xogo de 1985, modificada nove veces desde aquela, segue contemplando esa posibilidade a través dunha autorización emitida pola Xunta. Agora, esa lei quedará superada pola nova que impulsa a Xunta, antes de cuxa aprobación intentará que non se produzan movementos especulativos no sector.