A agonía de Rajoy fíxose interminable froito da debilidade da democracia española, a súa lendaria resistencia herdada de Albor e os erros encadeados dos rivais
Nos últimos tempos do fraguismo un Rajoy xa instalado no despacho principal da madrileña rúa Génova, e blindado por tanto ante o que consideraría un descenso á política “rexional”, lembraba que a comezos da década dos 90 se falaba del como posible substituto do león de Vilalba. Pasaran unha ducia de anos e o patrón da dereita seguía en activo. “Y lo que le queda”, concluía con graza Mariano, mentres movía a man indicando graficamente o paso do tempo. Se agora quixese usar a mesma fórmula retranqueira respecto á súa propia situación, podería empezar explicando que leva 1.492 días de prórroga na Moncloa. Son os que pasaron desde o 31 de xaneiro de 2013, a xornada na que se España fose esa democracia modélica que vendía a xeración da transición, Rajoy tería dimitido de inmediato tras a publicación por El País da súa portada tinxida co amarelo dos papeis de Bárcenas. O interesante sería ver con que énfase engadiría agora iso de “y lo que me queda” e con canta enerxía movería a man, pois aí estaría o retrato das forzas coas que se ve para continuar aparafusado á cadeira, como lle aprendeu Albor.
O devalo de Rajoy acelerouno a sentenza que confirma a veracidade dos papeis de Bárcenas e que pon en perigo a súa continuidade na Moncloa
Coa detención do ex ministro Eduardo Zaplana como aperitivo, a interminable agonía marianista acelerouse o xoves froito, sobre todo, da folla 1.078 das 1.687 páxinas da sentenza dos primeiros tempos da rede Gürtel. Alí está o recoñecemento por parte da Audiencia Nacional da veracidade dos papeis de Bárcenas, a contabilidade secreta e ilegal do Partido Popular, e a proclamación de que carece de credibilidade a declaración do presidente do Goberno en sede xudicial dicindo que os documentos son apócrifos. Resulta moi interesante o razoamento do fiscal que fan seu os maxistrados para explicar os motivos polos que Rajoy, ao igual que Javier Arenas, Francisco Álvarez Cascos e Pío García Escudero, tiña que dicir que as táboas de gastos e ingresos elaboradas polo ex-tesoureiro son falsas, pois o contrario suporía recoñecer que recibiu máis de 300.000 euros en negro entre 1997 e 2010 procedentes de comisións ilegais. O fiscal sostén que eses cobros non serían ilegais, pero si serían obxecto dun “reproche social”.
"No hice nada distinto de lo que hacía Aznar", díxolles Rajoy aos seus no verán de 2013, tras coñecerse os papeis de Bárcenas
Aínda que o fallo non sexa firme, á espera dos recursos ante o Supremo, nesa folla 1.078 a Audiencia Nacional sentenza que Rajoy non dixo a verdade na súa comparecencia como testemuña en xullo de 2017, que cobrou durante anos un sobresoldo e que leva máis dun lustro agochando a existencia da caixa B do partido. A porta pechada e dun xeito críptico, ao seu puro estilo, Mariano xa o recoñeceu dalgunha maneira no verán de 2013 nunha xuntanza con alcaldes e cargos do partido da provincia de Pontevedra, o seu querido territorio natural. Nesas primeiras vacacións galegas cos papeis amarelos de Bárcenas a disposición do público, díxolles aos seus compañeiros que cando chegou á presidencia do partido “no hice nada distinto de lo que hacía Aznar”. Se cadra é verdade, mais a el pillárono. Sóubose, ademais, xusto cando estaba metendo a man nos petos dos españois, aplicando ás ordes da troika uns brutais axustes.
A resistencia de Rajoy destes 1.942 días deixou espidas as deficiencias da democracia española, pois, ao igual que sucedeu con outros escándalos de corrupción simultáneos, amosou a ineficacia dos controis institucionais e xornalísticos e revelou a podremia interna da súa principal organización política, o PP, mentres o outro gran partido, o PSOE, segue doente, ao tempo que puxo en evidencia o febles que son os seus opoñentes. Nunha cadea incrible de erros, estes non foron quen de, polo menos, impoñer o cambio de candidato a uns populares en clara minoría parlamentaria desde decembro de 2015.
Rajoy intervén en 1987 no Parlamento de Galicia como vicepresidente da Xunta fronte á moción de censura contra Albor [Parlamento de Galicia]
“Al señor Albor y a los que hemos estado con él durante estos duros diez meses con el veneno dentro, nos juzgará la Historia”, dixo Rajoy durante a moción de censura de 1987
Mariano aproveitou as oportunidades que tiña para aguantar porque a súa grande especialidade é resistir custe o que custar, como aprendeu do seu gran mestre nesa arte, Xerardo Fernández Albor. Con 31 anos Rajoy chegou ao pazo de Raxoi, falando en castelán, para facerse cargo dunha Xunta da que non quedaba máis que o seu presidente, Albor, ao que non tombara a renuncia do seu goberno en pleno, co vicepresidente Barreiro Rivas á cabeza. Era novembro de 1986. Comezaba un calvario que acabaría en setembro de 1987 coa aprobación da moción de censura do socialista González Laxe, apoiada por Coalición Galega, o Partido Nacionalista Galego e os tránsfugas populares comandados por Barreiro. “Al señor Albor y a los que hemos estado con él durante estos duros diez meses con el veneno dentro, nos juzgará la Historia”, proclamou, con rechamantes ecos castristas, Rajoy no peche da súa intervención inicial no debate da moción de censura. Nesa sesión celebrada no pazo de Fonseca Mariano defendeu a Xunta, mentres o presidente se mantiña en silencio ata case o final.
A moción de censura é o método máis seguro pero máis difícil para sacar da Moncloa a Rajoy
A Albor só o derrubou a moción de censura, porque ante ela non se podía resistir, aínda que ficase na residencia oficial de Roxos un tempo cando xa non era presidente. O da censura é o método máis seguro para sacar da Moncloa o aplicado discípulo do primeiro presidente da Xunta e poñer fin a estes novos 64 meses seus no poder co veleno dentro, que esta vez non procede da traizón dun chaqueteiro como Barreiro, senón dos papeis amarelos de Bárcenas. Pero para que unha moción de censura se aprobe ten que sumar a maioría absoluta que de momento Sánchez non acadou. Conta cos 84 votos do PSOE, os 71 de Podemos e as confluencias e suponse que os 17 dos indepes, o que, xunto co deputado de Nueva Canarias (NC), electo nas listas do PSOE, dá 173. Cos dous de Bildu estaría en 175 e faltaríalle un, que tería que ser o de Coalición Canaria ou os 5 do PNV, forzas que xunto con NC acaban de pactar o orzamento do Estado co PP. É moi difícil, sen ser imposible. A outra vía é a de que PSOE, Podemos e Ciudadanos se poñan de acordo para forzar eleccións, intentando convencer a Rajoy ou a través dunha moción de censura da que saia un goberno creado só para chamar ás urnas, nas que o PP seica podería comparecer xa con Feijóo de candidato.
Se Mariano aguanta tamén desta vez haberá que concluír definitivamente que non é el quen resiste na Moncloa, senón que hai outros que o manteñen alí.
Feijóo xa non reivindica a "prosperidade" do Goberno de Aznar
A denominación do goberno de Aznar como o da “prosperidade” volveu aparecer esta semana no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia. Mais esta vez non foi Feijóo quen lle deu ese nome a un executivo do que formou parte como alto cargo, á fronte do Insalud e de Correos. Foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, quen usou esa etiqueta para, ao fío da detención de Zaplana, engadir que “xa sabemos a prosperidade de quen”. Mais o interesante non foi ese ataque, senón que na quenda de réplica Feijóo optou polo silencio e por non dicir aquilo de que “Aznar fue un buen presidente, el de la prosperidad y el progreso” ou o de que o seu mandato supuxo “oito anos de prosperidade”. |