0 Gardados para despois

Os 1.942 días de Mariano co “veleno dentro”

Anxo LugildeAnxo Lugilde | @anxoluxilde


A agonía de Rajoy fíxose interminable froito da debilidade da democracia española, a súa lendaria resistencia herdada de Albor e os erros encadeados dos rivais

Nos últimos tempos do fraguismo un Rajoy xa instalado no despacho principal da madrileña rúa Génova, e blindado por tanto ante o que consideraría un descenso á política “rexional”, lembraba que a comezos da década dos 90 se falaba del como posible substituto do león de Vilalba. Pasaran unha ducia de anos e o patrón da dereita seguía en activo. “Y lo que le queda”, concluía con graza Mariano, mentres movía a man indicando graficamente o paso do tempo. Se agora quixese usar a mesma fórmula retranqueira respecto á súa propia situación, podería empezar explicando que leva 1.492 días de prórroga na Moncloa. Son os que pasaron desde o 31 de xaneiro de 2013, a xornada na que se España fose esa democracia modélica que vendía a xeración da transición, Rajoy tería dimitido de inmediato tras a publicación por El País da súa portada tinxida co amarelo dos papeis de Bárcenas. O interesante sería ver con que énfase engadiría agora iso de “y lo que me queda” e con canta enerxía movería a man, pois aí estaría o retrato das forzas coas que se ve para continuar aparafusado á cadeira, como lle aprendeu Albor.

O devalo de Rajoy acelerouno a sentenza que confirma a veracidade dos papeis de Bárcenas e que pon en perigo a súa continuidade na Moncloa

Coa detención do ex ministro Eduardo Zaplana como aperitivo, a interminable agonía marianista acelerouse o xoves froito, sobre todo, da folla 1.078 das 1.687 páxinas da sentenza dos primeiros tempos da rede Gürtel. Alí está o recoñecemento por parte da Audiencia Nacional da veracidade dos papeis de Bárcenas, a contabilidade secreta e ilegal do Partido Popular, e a proclamación de que carece de credibilidade a declaración do presidente do Goberno en sede xudicial dicindo que os documentos son apócrifos. Resulta moi interesante o razoamento do fiscal que fan seu os maxistrados para explicar os motivos polos que Rajoy, ao igual que Javier Arenas, Francisco Álvarez Cascos e Pío García Escudero, tiña que dicir que as táboas de gastos e ingresos elaboradas polo ex-tesoureiro son falsas, pois o contrario suporía recoñecer que recibiu máis de 300.000 euros en negro entre 1997 e 2010 procedentes de comisións ilegais. O fiscal sostén que eses cobros non serían ilegais, pero si serían obxecto dun “reproche social”.

"No hice nada distinto de lo que hacía Aznar", díxolles Rajoy aos seus no verán de 2013, tras coñecerse os papeis de Bárcenas

Aínda que o fallo non sexa firme, á espera dos recursos ante o Supremo, nesa folla 1.078 a Audiencia Nacional sentenza que Rajoy non dixo a verdade na súa comparecencia como testemuña en xullo de 2017, que cobrou durante anos un sobresoldo e que leva máis dun lustro agochando a existencia da caixa B do partido. A porta pechada e dun xeito críptico, ao seu puro estilo, Mariano xa o recoñeceu dalgunha maneira no verán de 2013 nunha xuntanza con alcaldes e cargos do partido da provincia de Pontevedra, o seu querido territorio natural. Nesas primeiras vacacións galegas cos papeis amarelos de Bárcenas a disposición do público, díxolles aos seus compañeiros que cando chegou á presidencia do partido “no hice nada distinto de lo que hacía Aznar”. Se cadra é verdade, mais a el pillárono. Sóubose, ademais,  xusto cando estaba metendo a man nos petos dos españois, aplicando ás ordes da troika uns brutais axustes.

A resistencia de Rajoy destes 1.942 días deixou espidas as deficiencias da democracia española, pois, ao igual que sucedeu con outros escándalos de corrupción simultáneos, amosou a ineficacia dos controis institucionais e xornalísticos e revelou a podremia interna da súa principal organización política, o PP, mentres o outro gran partido, o PSOE, segue doente, ao tempo que puxo en evidencia o febles que son os seus opoñentes. Nunha cadea incrible de erros, estes non foron quen de, polo menos, impoñer o cambio de candidato a uns populares en clara minoría parlamentaria desde decembro de 2015.

Rajoy intervén en 1987 no Parlamento de Galicia como vicepresidente da Xunta fronte á moción de censura contra Albor [Parlamento de Galicia]

“Al señor Albor y a los que hemos estado con él durante estos duros diez meses con el veneno dentro, nos juzgará la Historia”, dixo Rajoy durante a moción de censura de 1987

Mariano aproveitou as oportunidades que tiña para aguantar porque a súa grande especialidade é resistir custe o que custar, como aprendeu do seu gran mestre nesa arte, Xerardo Fernández Albor. Con 31 anos Rajoy chegou ao pazo de Raxoi, falando en castelán, para facerse cargo dunha Xunta da que non quedaba máis que o seu presidente, Albor, ao que non tombara a renuncia do seu goberno en pleno, co vicepresidente Barreiro Rivas á cabeza. Era novembro de 1986. Comezaba un calvario que acabaría en setembro de 1987 coa aprobación da moción de censura do socialista González Laxe, apoiada por Coalición Galega, o Partido Nacionalista Galego e os tránsfugas populares comandados por Barreiro. “Al señor Albor y a los que hemos estado con él durante estos duros diez meses con el veneno dentro, nos juzgará la Historia”, proclamou, con rechamantes ecos castristas, Rajoy no peche da súa intervención inicial no debate da moción de censura. Nesa sesión celebrada no pazo de Fonseca Mariano defendeu a Xunta, mentres o presidente se mantiña en silencio ata case o final.

A moción de censura é o método máis seguro pero máis difícil para sacar da Moncloa a Rajoy

A Albor só o derrubou a moción de censura, porque ante ela non se podía resistir, aínda que ficase na residencia oficial de Roxos un tempo cando xa non era presidente. O da censura é o método máis seguro para sacar da Moncloa o aplicado discípulo do primeiro presidente da Xunta e poñer fin a estes novos 64 meses seus no poder co veleno dentro, que esta vez non procede da traizón dun chaqueteiro como Barreiro, senón dos papeis amarelos de Bárcenas. Pero para que unha moción de censura se aprobe ten que sumar a maioría absoluta que de momento Sánchez non acadou. Conta cos 84 votos do PSOE, os 71 de Podemos e as confluencias e suponse que os 17 dos indepes, o que, xunto co deputado de Nueva Canarias (NC), electo nas listas do PSOE, dá 173. Cos dous de Bildu estaría en 175 e faltaríalle un, que tería que ser o de Coalición Canaria ou os 5 do PNV, forzas que xunto con NC acaban de pactar o orzamento do Estado co PP. É moi difícil, sen ser imposible. A outra vía é a de que PSOE, Podemos e Ciudadanos se poñan de acordo para forzar eleccións, intentando convencer a Rajoy ou a través dunha moción de censura da que saia un goberno creado só para chamar ás urnas, nas que o PP seica podería comparecer xa con Feijóo de candidato.

Se Mariano aguanta tamén desta vez haberá que concluír definitivamente que non é el quen resiste na Moncloa, senón que hai outros que o manteñen alí.

Feijóo xa non reivindica a "prosperidade" do Goberno de Aznar

A denominación do goberno de Aznar como o da “prosperidade” volveu aparecer esta semana no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia. Mais esta vez non foi Feijóo quen lle deu ese nome a un executivo do que formou parte como alto cargo, á fronte do Insalud e de Correos. Foi a portavoz do BNG, Ana Pontón, quen usou esa etiqueta para, ao fío da detención de Zaplana, engadir que “xa sabemos a prosperidade de quen”. Mais o interesante non foi ese ataque, senón que na quenda de réplica Feijóo optou polo silencio e por non dicir aquilo de que “Aznar fue un buen presidente, el de la prosperidad y el progreso” ou o de que o seu mandato supuxo “oito anos de prosperidade”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A consulta de Quinteiro tivo o peor resultado posible para a estabilidade de En Marea

Para que a consulta sobre a dimisión da deputada Paula Quinteiro puidese ser efectiva a dirección de En Marea necesitaba que se superase o 50% de participación e que a maioría dos 2.400 inscritos se pronunciase en prol da renuncia desta parlamentaria autonómica pertencente a Podemos e a Anticapitalistas. No outro extremo, se os que votaban non chegaban sequera ao 25% Quinteiro lograría que o intento de botala do seu escano acabase nun fracaso evidente. Entre estes dous escenarios extremos, que suporían a resolución do conflito dun xeito ou outro, estaba o intermedio, no que non houbese un veredicto definitivo mentres continúa o folletín. E iso foi o que ocorreu, ao participar o 39% dos censados, entre os que, como era de esperar ante a non comparecencia dos defensores de Quinteiro, unha esmagadora maioría do 85% pediu a dimisión.

A dirección de En Marea ensínalle á deputada a porta de saída, mentres o grupo parlamentario di por esmagadora maioría que non ten motivos para marchar

En termos do boxeo poderíase interpretar que a dirección de En Marea, é dicir Mario López Rico e Luís Villares, logrou unha vitoria aos puntos, pois, aínda que fose cun censo recortado e tras un intenso bombardeo mediático, a participación achegouse máis a ese limiar do 50% que necesitaba superar ca ao 25% que era a fronteira para Quinteiro. Pero é unha diferenza de matiz, xa que na práctica segue a existir un equilibrio entre os dous polos. A dirección de En Marea ensínalle á deputada a porta de saída, mentres o grupo parlamentario di por esmagadora maioría que non ten motivos para marchar. O partido sostén que hai un ditame das bases, mentres o grupo argumenta que nos estatutos de En Marea existe un mecanismo para botar un cargo público, o da revogación, que Villares e os seus non quixeron activar, seica porque vían moi difícil cumprir os seus esixentes requisitos.

Tras máis de dous meses de guerra aberta co caso Quinteiro para resolver politicamente o litixio facía falla un vitoria por K.O. A sensación de esgotamento nun combate estéril reforzouse coas mensaxes de que todo está xa resolto que deron por unha parte a dirección, baixo a tese de que a deputada debe marchar, e a propia interesada, coa interpretación de que segue sen ter motivos para renunciar.

Non parece doado que López Rico, o antigo afinador do piano electoral de Beiras e home moi ben conectado co caciquismo informativo, vaia enterrar a súa machada de guerra

Segundo fontes do grupo parlamentario, Villares transmitiu a mensaxe de que dá a cuestión por pechada. Porén, no caso de que ese sexa o seu desexo dificilmente o vai conseguir, non só porque o PP insistirá. Non parece doado que López Rico, o antigo afinador do piano electoral de Beiras e home moi ben conectado co caciquismo informativo, vaia enterrar a súa machada de guerra, a que ergueu inmediatamente despois de que se soubese que na noite do 17 de marzo a Policía Local de Santiago identificou a Quinteiro nun control feito tras o aviso de que se estaban a romper retrovisores na rúa. Trátase dun incidente sobre o que o presidente do Goberno chegou a afirmar no Congreso que a deputada se dedica a estragar retrovisores no seu tempo libre, malia non haber dato ningún que indique que tivo tal comportamento, pois a discusión céntrase en se fixo un uso indebido da súa condición de parlamentaria ante os axentes.

A insólita consulta de En Marea amosou o achicada que está a base social da que foi nas autonómicas a segunda forza en número de votos

A insólita consulta de En Marea amosou o achicada que está a base social da que foi nas autonómicas a segunda forza en número de votos. Nunha cuestión na que a súa organización centrou as súas principais enerxías durante os dous últimos meses só logrou mobilizar menos dun milleiro de persoas, nun proceso no que era moi doado participar. Hai máis elementos que provocan perplexidade como o de escoitar a un cargo público de Podemos, do sector Anticapitalista, como é Paula Quinteiro, afastándose da teoría de que o pobo, é dicir as bases de En Marea, é quen máis ordena, mentres computaba toda a abstención como votos favorables ás súas teses. Renxeu tamén a nova apelación á ética por parte da xerarquía do partido, da que forma parte a deputada tránsfuga da pasada lexislatura Chelo Martínez, dirixente de Cerna, o partido de López Rico.

O resultado do referendo sobre a casa de Pablo Iglesias e Irene Montero pode reactivar a polémica do caso Quinteiro, xa que é previsible que se poñan en relación os datos de ambos os procesos para chegar á conclusión de que nun se aplica o veredicto das bases e noutro, non. Porén o relevante é que En Marea esmorece como ese proxecto político que hai só tres anos xeraba riadas de ilusión. Confirmouno a saída da organización do alcalde de Teo, Rafael Sisto, o dirixente que acaba de demostrar a súa valía ao conseguir que o comité científico do Ministerio de Agricultura declarase o eucalipto especie invasora.