Nos últimos anos disparouse o número de salóns de apostas abertos en Galicia, especialmente nas cidades. En xaneiro de 2019 eran 136 as casas de apostas abertas, sobre todo na Coruña (24) e Vigo (22), e con cifras importantes igualmente en Ourense (10), Compostela (7), Pontevedra (6), Lugo (6) e Ferrol (5). A alarma social xerada por estes establecementos, sobre todo pola capacidade de adicción ás xeracións máis novas, provocou protestas de formación políticas e tamén veciñais, como a que nas últimas semanas sostiveron os habitantes do barrio vigués de Navia.
O número de salóns de xogo e tendas de apostas quedará limitado "aos xa existentes ou con solicitude en tramitación", un total de 159
O Goberno central e a Xunta de Galicia xa anunciaran algunhas medidas para limitar os perigos das casas de xogos e das apostas en liña, pero agora o Goberno galego vén de anunciar unha acción decidida para poñer couto á expansión destes salóns nos barrios das cidades e vilas do país. Este mércores, trala xuntanza do Comisión do Xogo de Galicia, o vicepresidente Alfonso Rueda anunciou que o Consello da Xunta aprobará este xoves a limitación do número de salóns de xogo e tendas de apostas "aos xa existentes ou con solicitude en tramitación". Así, quedarían como máximo 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas, un total de 159. É dicir, nos cinco primeiros meses do ano o seu número xa pasara de 136 a 159.
Nos vindeiros meses Galicia contará cunha nova Lei do Xogo, no que se manterá esta limitación. O obxectivo da medida que se aprobará este xoves, sinalou Rueda, é "evitar que se poida aproveitar o período previo á súa entrada en vigor para especular e poñer en marcha novas instalacións". A nova norma actualizará a actual lexislación galega na materia, que data do ano 1985.
A Xunta busca evitar que se aproveite o período previo á entrada en vigor da nova Lei do Xogo "para especular e poñer en marcha novas instalacións"
O texto coñecerase nas vindeiras semanas e o Goberno galego vén anunciando dende comezos de ano que a norma recollerá algunhas das demandas dos colectivos veciñais e das asociacións de afectados polo xogo. Por exemplo, a lei podería prohibirlle ás casas de apostas que ofrezan bonos de benvida para captar clientes.
E, de igual xeito, podería establecer limitacións nos terminais de apostas instalados nos bares e nos que o control do acceso de menores de idade é mínimo na actualidade. Implantarase un sistema semellante ao que existe para as máquinas de tabaco: o propietario ou propietaria do bar deberá activar a máquina cada vez que alguén queira xogar, polo que será responsabilidade súa comprobar a maioría de idade dos xogadores.
Aos case 150 salóns de xogo en funcionamento ou en trámite en Galicia hai que sumarlle a existencia de 3.853 terminais de apostas en locais de hostalería ou tendas
Aos case 160 salóns de apostas en funcionamento ou en trámite en Galicia hai que sumarlle a existencia de 3.171 terminais en locais de hostalaría e outros 682 nas propias tendas e salóns de apostas (datos de xaneiro de 2019). Desas 3.853 máquinas, a maior parte localízanse nas provincias da Coruña (1.390) e Pontevedra (1.321); detrás aparece Ourense (665) e Lugo (477). O regulamento de apostas aprobado pola Xunta no ano 2012 fixaba un número máximo de 2000 máquinas de apostas en bares e cafetarías. Porén, no ano 2017 o Goberno galego elevou ese límite ata as 3.600 máquinas, unha cifra que está preto de acadarse.
Entidades como a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA) alertan de que estes terminais dos bares son neste momento tanto ou máis perigosos que os propios salón, pola súa extensión, accesibilidade e pola falta de controis. O 30% dos mozos entre 14 e 17 anos recoñece que apostou algunha vez e calcúlase que o 2% da poboación pode desenvolver unha adicción ao xogo, e esta porcentaxe seguramente pode ser maior nesas idades.
Os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas no ano 2016 (últimos datos dispoñibles, ofrecidos polo Ministerio de Facenda). En concreto, xogaron uns 134 millóns de euros e obtiveron uns premios duns 106 millóns. Nestes datos non entran os cartos apostados a través de Internet, que nese ano 2016 se elevaran ata os 11.000 millóns de euros en todo o Estado Español