As multas en calquera xogo pasaron de 76 en 2024 a 117 en 2025 mentres que nos casinos os xogadores aumentaron de 135.000 a 178.000 e as súas perdas de 6,5 a 10,9 millóns de euros
Son unha parte menor no global do sector do xogo, pero os casinos están a rexistrar en Galicia un aumento considerable tanto no número de visitantes como nos cartos que estes perden neles. Así o reflicte a última memoria anual do xogo en España que vén de facer pública o Ministerio de Consumo, referente a 2025, ano no que Galicia rexistrou a apertura do seu cuarto casino, oficialmente unha "sala adicional" en Santiago do xa existente na Coruña. Foi tamén un ano no que as sancións por todo tipo de infraccións en todo o sector do xogo experimentaron igualmente un aumento significativo a respecto do ano anterior.
A memoria do ministerio só reflicte as perdas por tipos de xogos de azar desagregadas por comunidades autónomas referidas a apostas, bingos e casinos, mentres que outro informe anual similar da patronal do xogo (Cejuego) tamén detalla as perdas por comunidades noutros xogos como as Lotarías e Apostas do Estado, a ONCE ou as máquinas en bares e salóns de xogos. O último informe da patronal, correspondente a 2024 e feito público o pasado decembro, reflectiu que no global de xogos a cidadanía galega perdeu 535 millóns de euros, un 6,4% máis que o ano anterior.
Agora o informe do ministerio permite actualizar parcialmente os datos de 2025 en Galicia cos de apostas, bingos e casinos. E mentres en apostas e bingos as cifras de perdas da cidadanía -a diferenza entre gastado e gañado- foron similares ás do ano anterior, duns 31 e 15 millóns de euros en cada tipo de xogo, respectivamente, en casinos as cifras disparáronse.
Segundo os datos do ministerio, os catro casinos que hai en Galicia (oficialmente os da Toxa e A Coruña, con "salas adicionais" en Vigo e Santiago, esta última aberta a comezos do pasado ano) rexistraron preto de 178.000 visitantes en 2025, un 31% máis que os 135.000 do ano anterior, e nunha tendencia en aumento. Tamén en aumento van as perdas deses xogadores, xa que en 2025 a diferenza entre o que xogaron e o que gañaron foi de 10,9 millóns de euros fronte aos 6,5 millóns do ano anterior, un 67% máis. En todo caso, son unhas cifras mínimas no global de máis de 500 millóns de euros que adoita perder a cidadanía galega cada ano no total de xogos de azar, entre 120 e 250 euros de perdas por persoa maior de idade, que son as que poden xogar.
No último ano houbo menos sancións moi graves por infraccións en todo tipo de xogos de azar pero moitas máis sancións leves
A memoria agora divulgada polo ministerio tamén desagrega por comunidades autónomas as sancións por infraccións en xogos de azar. O ano pasado, con datos correspondentes a 2024, foi o primeiro en que se ofreceron eses datos, polo que agora pode comprobarse un aumento tamén considerable no total de sancións impostas en Galicia, que pasaron de 76 a 117. No detalle, houbo unha diminución das sancións moi graves, que baixaron de 8 a 4, pero unha duplicación tanto das graves como das leves.
Unha investigación de Praza.gal revelou que a infracción moi grave máis habitual é permitir xogar a menores, e que empresas que o fixeron pediron mudar a lei para que os multados fosen os xogadores
Antes de que o ministerio comezase o pasado ano a divulgar as sancións por comunidades autónomas, Praza.gal desenvolvera unha investigación que permitira desvelar as 120 sancións moi graves impostas pola Xunta entre 2013 e 2022. Aquela investigación iniciouna este diario tras coñecer, no marco da nova Lei do Xogo de Galicia, que empresas de xogos de azar pediran á Xunta que a norma deixase de multalas a elas se permiten xogar a menores de idade e pasase a multar aos menores.
A Xunta rexeitouno -"non se pode nin entrar a considerar"- e a nova lei, aprobada finalmente en 2023, mantén en similares termos a prohibición de xogo a menores. Ante esa petición das empresas, este diario, tras un longo proceso de solicitudes de transparencia ao que se opuxeron tanto a Xunta como varias firmas, logrou publicar o detalle das empresas sancionadas desde 2014 por deixar xogar a menores. Algunhas delas foron multadas en varias ocasións na última década polo mesmo motivo, pero o Goberno galego sempre ditou a multa mínima, 18.001 euros, sen aplicar ao importe a agravante de reincidencia.
Agora haberá que agardar a finais de ano para que o informe anual da patronal, con máis datos desagregados por comunidades e tipos de xogo, permita ofrecer un panorama máis completo da evolución do sector en Galicia no último ano.