Varias casas de xogo pediron á Xunta multar a menores e adictos en lugar das empresas que os deixan xogar

Casino Atlántico, do Grupo Comar na Coruña, nunha imaxe de arquivo © Casino Atlántico

"Non se pode nin entrar a considerar", respondeu o Goberno galego na tramitación da lei do xogo, dado que a poboación menor de idade non poden ser multada "pola evidente ausencia de capacidade" e as persoas con prohibición de xogar "pola enfermidade que padecen"

As empresas de xogo teñen que controlar que non acceden aos seus establecementos nin empregan os seus xogos tanto menores de idade como os inscritos nun rexistro de persoas que teñen prohibido xogar, no que se pode figurar por distintos motivos, mesmo voluntariamente, pero fundamentalmente para protexer a quen ten unha adición ao xogo. A propia Xunta asume que un dos motivos principais para a inscrición nese rexistro é “pola enfermidade que padecen” esas persoas. 

Na nova lei do xogo que vén remitir ao Parlamento, a Xunta reforzou eses controis de acceso, pero varias empresas do sector tentaron coas súas alegacións non só que desaparecese o control senón mesmo que fosen as persoas menores e con prohibición de xogar sobre quen recaesen as sancións no caso de que accedesen aos seus xogos, en lugar de que sexan elas as multadas por permitir o xogo desas persoas malia telo prohibido.

Máquinas de apostas de Sportium © Sportium Galicia

No rexistro de “prohibidos”, na terminoloxía do sector, figuran persoas que voluntariamente solicitan a súa inscrición, persoas con discapacidade que por resolución xudicial teñan condicionada a súa libre participación en xogos e apostas e persoas que por sentencia xudicial firme ou medidas provisionais teñan limitado o acceso ao xogo. As empresas de xogo teñen que comprobar a idade e identidade de quen pretende acceder aos seus servizos e se é menor de 18 anos ou está nese rexistro de “prohibidos” teñen que impedirlle xogar. Pero durante a tramitación da nova lei do xogo varias empresas tentaron que iso non fose así. 

"As empresas deben poñer os medios necesarios nas súas máquinas de apostas para que estas persoas non poidan xogar e se non o fan son os únicos responsables e deben ser sancionadas”, respondeu a Xunta

As empresas, particulares e administracións puideron formular propostas ou alegacións en dous momentos da longa tramitación da lei do xogo, un primeiro entre marzo e maio de 2018, na denominada consulta preliminar, no que se achegaron ideas sen que houbese aínda un texto concreto; e un segundo momento, en xuño de 2019, no que xa se puideron formular alegacións concretas ao anteproxecto de lei articulado elaborado pola Xunta.

Na fase de consulta preliminar unha das entidades que realizou achegas, segundo a documentación agora remitida pola Xunta ao Parlamento, foi Apuestas de Galicia, empresa do grupo Kirol de apostas deportivas. “Propoñen que nos casos en que os menores e prohibidos xoguen nas máquinas de apostas sexan eles os sancionados e non as empresas comercializadoras de apostas que non son responsables”, resume a Xunta a súa achega, que rexeitou co argumento de que “tanto os menores como os prohibidos non poden ser responsables das infraccións cometidas, os menores pola evidente ausencia de capacidade e os prohibidos pola enfermidade que padecen”. O Goberno galego considerou que “as empresas deben poñer os medios necesarios nas súas máquinas de apostas para que estas persoas non poidan xogar e se non o fan son os únicos responsables e deben ser sancionadas”.

Alegacións de casas de xogo á nova lei do xogo de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Nesa mesma fase de consulta preliminar tamén formulou unha achega similar a Asociación de Empresas Galegas de Xogos de Azar (Asega), impulsada polo Grupo Comar, que ten entre outros o Casino Atlántico da Coruña e máquinas de xogo en toda Galicia. “Considerar como responsables das infraccións aos menores e os prohibidos”, foi a súa proposta resumida pola Xunta, rexeitada porque “non procede responsabilizar aos menores cando son os propios operadores os que deben impedir que accedan aos seus produtos”.

Similares propostas, segundo o resumo que fai a Xunta, fixo Luckia, que pediu “non introducir maiores controis de acceso nos locais” xa que consideraba “que os existentes son suficientes”. A resposta do Goberno galego foi rexeitar a proposta porque “non se consideran suficientes os controis actuais dado o incremento do xogo no colectivo de menores e autoprohibidos”. Ao tempo, Luckia tamén pediu revisar o réxime de infraccións e “sancionar directamente aos menores”, ao que a Xunta volveu responder que “son os establecementos os responsables de impedir o acceso”.

Ante unha petición de sancionar a persoas prohibidas que accedan de xeito fraudulento a Xunta respondeu que iso xa non sería unha infracción administrativa senón penal

Posteriormente, cando a Xunta xa tivo un texto de anteproxecto de lei redactado e o expuxo ao público, en xuño de 2019, formulou as súas alegacións Sportium Apuestas Galicia. Nunha pediron “eliminar como infracción o feito de permitir a entrada nos establecementos de xogo ás persoas que o teñan prohibido”, ao que a Xunta respondeu que “non se pode nin entrar a considerar a alegación proposta” xa que “o feito de permitir a entrada nos establecementos de xogo ás persoas que teñen prohibido o acceso incumprindo a obriga de efectuar axeitadamente o dito control de acceso é unha infracción moi grave sen dúbida ningunha”.

Pero ao tempo que pediu eliminar como infracción a falta de control por parte das empresas, Sportium tamén propuxo engadir unha nova infracción: “Persoa inscrita no rexistro de prohibidos, conseguir acceder ou facer uso dos sistemas de xogo dun establecemento”. A resposta da Xunta foi que “non ten sentido esta infracción xa que se o titular do establecemento fai correctamente o control de acceso a persoa inscrita non pode facer uso dos sistemas de xogo en ningún caso xa que non estaría dentro, e no suposto de que estivese dentro a infracción sería o feito de terlle permitido entrar”.

Sala de apostas de Luckia en Vigo © Luckia Sports Café Vigo

Nesa mesma fase de alegacións ao anteproxecto de lei reiteraron tamén varias empresas propostas similares ás que xa formularan na fase de consulta previa. Apuestas de Galicia propuxo “sancionar por participar nos xogos aos propios menores e aos que o teñan prohibido”, recolleu a Xunta, ao que esta respondeu que “non se considera necesario sancionar aos menores e aos prohibidos xa que é responsabilidade do titular do establecemento impedir que participen nos xogos”.

O texto final da lei non atendeu as alegacións das empresas e incorporou a obriga dun dispositivo de control para o uso de máquinas de xogo na hostalaría, cun sistema aínda pendente de regular 

E na mesma liña foi unha alegación formulada novamente por Asega, identificada neste caso de xeito expreso pola Xunta como “Casino del Atlántico”, do Grupo Comar. Entre outras cuestións pediron engadir unha figura sancionable nova: “O acceso fraudulento aos establecementos de xogo ou aos xogos mesmos por parte daquelas persoas que de acordo ao previsto nesta lei o teñan prohibido”. A resposta do Goberno galego foi que “non se considera unha conduta sancionable pola administración, en todo caso sería obxecto dunha infracción penal”. 

Finalmente o proxecto de lei agora aprobado pola Xunta e remitido ao Parlamento para o seu debate e votación non incluíu as peticións das empresas. O texto final di que “quedan obrigados a dispor dun control de acceso os casinos, as salas de bingos, os salóns de xogo e as tendas de apostas”, que “deberán impedir a entrada” a menores de idade e persoas inscritas no Rexistro de prohibidos de acceso ao xogo de Galicia". Tamén indica que o sistema de control de acceso “deberá estar operativo en cada unha das entradas das que dispoña o establecemento” e deberá contar cun sistema informático que permita comprobar os datos das persoas de forma actualizada. 

Imaxe dunha máquina comercatos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ademais, a nova lei do xogo tamén incluirá a obriga de que as máquinas comecartos ou de apostas que non estean nos anteditos establecementos de xogo senón en locais de hostalaría ou recintos deportivos deberán contar cun dispositivo de control que se poida accionar pola propiedade do local para impedir que sexan usadas por menores, aparello cuxas características aínda deben ser reguladas pero que se podería asemellar aos mandos a distancia que xa existen nas máquinas dispensadoras de tabaco. 

Asega, do Grupo Comar, pediu a posibilidade de instalar "elementos de xogo nos que se practiquen os diferentes xogos de xeito gratuíto para aprendizaxe dos clientes”, o que a Xunta rexeitou

Por outra banda, entre as alegacións presentadas polas empresas e patronais do xogo figuran varias nas que subsectores de tipos de xogo concretos propuxeron restrinxir as actividades do resto de subsectores, e á inversa. Ou propostas para que establecementos habilitados para certos xogos puidesen tamén ter outros ata agora restrinxidos. Foron intentos de aumentar a capacidade de negocio propia e limitar a do resto de subsectores do xogo que chegaron a pedir a prohibición dos “bingos sociais”, os que poden organizar baixo certos límites e condicións as asociacións ou colectivos sociais de todo tipo, que agora deberán comunicarse previamente á Xunta.

Ademais, Asega, do Grupo Comar, pediu que “a xestión interna dos establecementos de xogo debe ser responsabilidade exclusiva do operador” e reclamo a “posibilidade de instalar elementos de xogo nos que se practiquen os diferentes xogos de xeito gratuíto para aprendizaxe dos clientes”. “Non se considera necesario”, foi a resposta negativa da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.