“Non é unha lei de prevención, é unha lei para a regulación do xogo”, argumentou a vicepresidencia que ocupaba o agora presidente da Xunta ante as alegacións que lle pediron máis protección dos menores
A nova lei do xogo que a Xunta vén de remitir ao Parlamento non pretende previr os problemas que causa esa actividade nin protexer a sociedade senón só regular un sector económico. Esa foi a resposta que o departamento do Goberno galego impulsor da nova norma, a daquela Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, con Alfonso Rueda á fronte, deu a varias das alegacións que recibiu o borrador do texto en 2019 durante a súa longa tramitación que agora culmina coa chegada á Cámara.
Pero non só asociacións de persoas afectadas pola ludomanía ou de pais e nais pediron unha maior protección fronte ao xogo senón que mesmo a Consellería de Sanidade reclamou prohibir as apostas en recintos deportivos e feirais pola presenza habitual neles de menores. A a Vicepresidencia de Rueda contestou que non era preciso xa que a lei incorpora un “control de acceso” ás máquinas de apostas.
A nova lei do xogo foi prometida por Feijóo para 2018, pero a súa tramitación por parte da Xunta demorou ata agora. Durante a súa elaboración e negociación por parte do Goberno galego mantivéronse encontros con diversos colectivos, recibíronse informes sectoriais e someteuse un borrador do texto a exposición pública en 2019. Agora, no expediente da tramitación remitido ao Parlamento xunto coa lei poden lerse as respostas positivas ou negativas que a Xunta deu a cada unha das alegacións formuladas por empresas ou patronais do sector, asociacións de persoas afectadas ou mesmo particulares.
A Xunta finalmente só incluíu no preámbulo da lei unha referencia á protección da sociedade como "un dos factores" a ter en conta na regulación do sector
Unha das alegacións formuladas, por parte da Confederación de Asociacións de Nais e Pais Galegas, reclamaba que o obxecto da nova lei debía ser “a protección da sociedade, especificamente da mocidade, das prácticas comerciais do xogo”. A reposta da Xunta foi rexeitar esa alegación co seguinte argumento: “Non é unha lei de prevención. É unha lei para a regulación do xogo en xeral polo que no seu obxecto específico non pode ir a protección da sociedade aínda que si pode mencionarse na exposición de motivos como un dos factores a ter en conta na regulación do xogo”.
Nesa mesma liña, a Consellería de Sanidade, daquela con Jesús Vázquez Almuiña á fronte, alegou que consideraba “necesario prohibir a instalación de espazos de apostas en recintos deportivos e feirais pola alta presenza de menores nos ditos establecementos”.
Porén, a vicepresidencia de Rueda decidiu “rexeitar” esa alegación co argumento de que na nova lei “incorpórase o control de acceso neste tipo de máquinas, polo que non se considera necesaria a prohibición”. Un control de acceso sobre o que diversos alegantes, tamén a Consellería de Sanidade, reclamaron que se describise con claridade na propia lei, ao que a vicepresidencia respondeu que será obxecto de desenvolvemento a través de regulamentos que se aproben posteriormente.
Por outra banda, en liña coas preocupacións de Sanidade, asociacións de persoas afectadas polo xogo reclamaron que se concretasen na lei recursos asistenciais contra as adicións, ao que a vicepresidencia impulsora da nova lei respondeu que iso era algo que “corresponde á normativa propia de Sanidade, non á normativa reguladora dos xogos”.
Empresas e patronais do sector reclamaron sancionar as persoas menores ou adictas cando fosen detectadas xogando, pero a Xunta mantivo que sexan as empresas que o permitan as multadas
A vicepresidencia de Alfonso Rueda tamén deu respostas negativas a alegacións formuladas por empresas ou patronais do sector, en xeral encamiñadas a reclamar unha maior flexibilidade e menores prohibicións para os seus negocios. Entre esas alegacións varias reclamaron que, cando un menor ou unha persoa rexistrada coa prohibición de xogar pola súa adición sexan detectadas xogando nun establecemento, non sexa a empresa senón o menor ou a persoa adicta a sancionada.
A Xunta rexeitouno e respondeu que esas persoas non poden ser responsables, os menores porque non teñen capacidade legal e as persoas rexistradas con prohibición de xogar “pola enfermidade que padecen”. Deben ser as empresas que lles permiten xogar as sancionadas, mantivo a Xunta.