Só unha quincena de locais de nova apertura terán que afastarse 300 metros de centros educativos mentres que os 160 salóns ou tendas de apostas xa existentes non terán que respectar distancias
Ademais de manter as máquinas de apostas nos bares como lle pediu a patronal e de renunciar a que haxa lotarías galegas, a nova lei do xogo que a Xunta vén de remitir ao Parlamento regula as distancias que deberán manter a respecto de centros educativos os novos locais de xogo que autorice. Pero só serán os que se autoricen a partir da entrada en vigor da nova lei, unha quincena como máximo, mentres que os xa existentes, uns 160, poderán seguir onde estean aínda que sexa a carón dun colexio. A nova norma tamén esixe que as residencias de maiores ou asociacións de todo tipo que organicen xogos de bingo teñan que comunicalo á Xunta.
A nova lei establece que “queda prohibida a apertura de calquera establecemento de xogo, cuxa autorización corresponda outorgar á Administación autonómica, a unha distancia inferior a 300 metros dos centros oficiais que impartan ensino regrado a menores de idade” así como de centros de rehabilitación de persoas con problemas de xogo. Porén, xusto a continuación a norma engade que “non será de aplicación o requisito das distancias previsto na presente lei” cando a apertura do centro de ensino sexa posterior á autorización do establecemento de xogo nin tampouco para todos os locais de xogo que xa estean autorizados con anterioridade á nova norma.
Segundo a propia Xunta, actualmente existen en Galicia 114 salóns de xogo, 33 tendas de apostas, 2 casinos cunha sala adicional e 10 bingos. E a nova norma limita o máximo posible en todo o país a 118 salóns de xogo, 41 tendas de apostas, 2 casinos e 2 salas adicionais, e 12 bingos. Así que fronte aos 160 locais de xogo de todo tipo xa existentes que poderán seguir nos seus emprazamentos actuais aínda que sexa a carón dun colexio, só os 15 novos establecementos que se poidan abrir a partir de agora terán que respectar a nova distancia legal. Así será ata dentro de 15 anos, se a lei non volve a mudar antes, xa que ese é o prazo que se fixa agora para todas as licenzas de xogo, tanto para as novas que se outorguen como para as xa existentes que ata agora eran indefinidas.
A lei tamén di que os concellos "poderán establecer de forma proporcionada e xustificada outros límites, requisitos ou características adicionais" para a apertura de establecementos de xogo (casinos, tendas, salóns ou bingos) e que poderán "establecer prohibicións, limitacións ou restricións destinadas a evitar a excesiva concentración de establecementos de xogo ou garantir a súa coexistencia con outras actividades humanas ou sociais". Unha redacción xenérica que a Xunta introduce na lei do xogo malia lembrar ela mesma no preámbulo da norma que era unha posibilidade xa recollida na lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia de 2017.
A lei deixa á marxe as "competicións de puro pasatempo" pero fixa para o bingo nas asociacións ou residencias de maiores unha "comunicación" ante a Xunta e uns máximos de catro sesións ao mes e 300 euros en xogo por sesión
Por outra banda, a nova norma non só establece e regula determinados xogos, renunciando ás lotarías e xogos de boletos, senón que tamén di baixo que condicións algún xogo regulado por ela pode quedar á marxe. Así, di, quedan excluídos do ámbito de aplicación da lei “as competicións de puro pasatempo ou recreo constitutivas dos usos sociais de carácter tradicional, familiar ou amigable, sempre que non sexan obxecto de explotación lucrativa”. E nun punto intermedio deixa o xogo do bingo en determinadas circunstancias.
Segundo a lei, cando o bingo sexa organizado por residencias da terceira idade, centros de día ou asociacións culturais ou deportivas, os seus responsables deberán presentar unha "comunicación” ante a Xunta “aos efectos de poder controlar o cumprimento” dos requisitos cos que se pode celebrar ese xogo. E eses requisitos son que non pode haber máis de catro sesións de bingo ao mes, que as cantidades xogadas e os premios outorgados non superen os 300 euros por sesión, que o xogo sexa manual ou mecánico pero non con ningún sistema informático, que durante a sesión non haxa presentes menores de idade e que estas se desenvolvan na propia residencia ou domicilio social da asociación que o faga.
A nova norma eleva así a rango de lei, modificándoas en distintos sentidos, condicións que xa existían para a organización de bingos populares, como a obriga de notificalos á Xunta en poboacións de máis de 5.000 habitantes pero non nas de menos, ou o límite de 300 euros á semana sen restricións de sesións por semana.
Tamén quedan á marxe da lei “as rifas e tómbolas de carácter benéfico ou de utilidade pública"
A nova norma tamén deixa á marxe do seu ámbito de aplicación “as rifas e tómbolas de carácter benéfico ou de utilidade pública, organizadas, con carácter esporádico, por institucións públicas ou privadas nas que o importe dos beneficios obtidos se destinen exclusivamente a organizacións ou fins de carácter benéfico ou de utilidade pública”.