Pasaron xa máis de dous anos dende que a Xunta lanzou o seu anteproxecto de lei do xogo. É a norma coa que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo quere substituír a impulsada en 1985 polo Executivo de Gerardo Fernández Albor (AP) na etapa que concluiría coa axitada moción de censura de 1987 e a condena xudicial de todo un vicepresidente da Xunta.
Luckia e Comar veñen de lanzar unha nova patronal do xogo en Galicia coa que, din, pretenden que o sector conte cunha "única voz que nos defenda" ante procesos como a nova lei do xogo, que a Xunta lanzou hai máis de dous anos pero mantén estancada
Á espera de que sexa público o texto definitivo da nova lei do xogo, os seus bosquexos recibiron diversas achegas de diversos organismos e partes interesadas, entre elas o propio sector e outras organizacións. Así, por exemplo, o pasado verán a patronal galega defendeu manter as máquinas de apostas nos bares mentres o resto de intregrantes do Consello Económico e Social de Galicia pediu á Xunta que as prohiba.
Sexa como for, a nova lei segue polo momento estancada e, mentres, xigantes do sector en Galicia fortalécense. É o caso de dúas das empresas de referencia no eido das apostas e das máquinas comercartos, Luckia e Comar. Fano tanto no ámbito estritamente empresarial e de xestión como organizativamente.
Neste segundo plano, o organizativo, de proxección social e de capacidade de relación ou lobby cos gobernos é posible enmarcar a nova patronal do sector en Galicia impulsada, precismente, por Luckia e Comar. A finais de novembro, os seus presidentes (José González e José Collazo, respectivamente) anunciaban a creación da Asociación Empresarial de Juegos de Azar de Galicia (ASEJUGA) coa pretensión de "aglutinar nunha soa asociación de carácter transversal a todos os sectores do xogo presencial en Galicia".
Luckia fixo transcender esta semana que prevé a construción dunha nova sede de 25.000 metros cadrados na Coruña dende a que expandir o seu negocio dixital
Malia á existencia previa da Asociación Gallega de Empresas Operadoras (AGEO), Luckia e Comar aseguran que a súa nova plataforma non pretende "substituír ás outras asociacións", ás que "respectamos profundamente e cuxo labor é encomiable". "Pero é necesario contar cunha única voz que nos represente e nos defenda a todos para o desenvolvemento das nosas empresas", din, máis aínda porque "se está tramitando unha nova lei do xogo que contén unha nova regulamentación do sector", advirten.
Con este pano de fondo, esta mesma semana chegaba outro movemento relevante dunha destas empresas, Luckia. Como adiantou Economía Digital Galicia, o xigantes das apostas fixo transcender que se dispón a construír unha nova sede na Coruña, 25.000 metros cadrados nas proximidades do polígono da Agrela que, alén de servir de base para as súas oficinas centrais, tamén inclúe un centro para impulsar o seu negocio dixital. Isto é, para expandir aínda máis o negocio das apostas e o xogo en internet.
Segundo a información publicada polo devandito xornal económico, a antiga Egasa desenvolverá no novo complexo as súas áreas de "big data, intelixencia artificial, desenvolvemento de software, matemáticas, estatística" ou marketing dixital, entre outras. As súas previsións pasan por inauguralo en 2024.
Todo isto sucede non só mentres segue pendente a nova lei do xogo de Galicia, senón tamén mentres medran as voces a respecto dos riscos de incremento da ludomanía ao abeiro das novas modalidades de xogos de azar e apostas. Neste contexto, os gobernos de España e Galicia avanzaron algunhas restricións no sector, pero ao mesmo tempo a Xunta tamén abriu a man para, por exemplo, permitir a apertura dun novo casino en Vigo -situado a efectos legais na Toxa- ou rebaixar impostos ao xogo en casinos, bingos e máquinas para "paliar os efectos" da COVID.