Casas de apostas pechadas polo Concello da Coruña reabren ao presentar unha autorización autonómica

Interior dunha casa de apostas de Codere © www.azarplus.com

O pasado mes de outubro o Goberno local da Coruña ordenou o peche de máis dunha decena de casas de apostas na cidade, por careceren de permiso municipal. Porén, a maior parte reabriu case de inmediato, valéndose dunha autorización da Xunta coa que a maioría xa contaba previamente, pero que non presentara con anterioridade. Esa autorización autonómica permítelles manter a súa actividade. Dos locais pechados polo Concello, só dous permanecen clausurados.

A maior parte reabriu case de inmediato, valéndose dunha autorización da Xunta coa que a maioría xa contaba previamente, pero que non presentara con anterioridade

O peche destes locais fora resultado dunha moción aprobada por unanimidade no pleno municipal co obxectivo de loitar contra a ludopatía. A inspección municipal levada a cabo no comezo do outono detectou que un número moi importante de casas de apostas levaban a cabo a súa actividade a pesar de carecer da necesaria licenza do Concello, contando unicamente coa comunicación previa municipal, e tampouco presentaran a autorización emitida pola Xunta.

O Goberno local fixera énfase, sobre todo, nos establecementos situados en edificios de propiedade municipal, como a Estación de Autobuses. Neste caso, tamén a casa de apostas situada nesta terminal reabriu as súas portas, xa que a empresa concesionaria presentou alegacións despois de recibir o requirimento municipal, aínda non resolto.

Cada vez é máis frecuente ver nas rúas galegas casas de apostas como esta © Google

Esquerda Unida preguntoulle este martes á Xunta de Galicia "por qué avalan o funcionamento destas casas de apostas" na Coruña "pese a carecer da correspondente licencia municipal". A formación tamén esixe unha resposta sobre "as medidas que a Xunta pensa poñer en marcha contra a ludopatía e as súas terribles consecuencias".

Na Coruña funcionan ao redor dunha trintena de tendas e salóns de apostas. Este tipo de establecementos sitúanse principalmente nas cidades e grandes vilas. Dos 159 existentes en Galicia, A Coruña e Vigo suman máis de 50 e as outras cinco grandes cidades rolda os 40. Manifestacións en barrios como Navia, en Vigo, e tamén na Coruña expresaron o rexeitamento da veciñanza á actividade destes locais, que pode ser moi prexudicial, sobre todo para a mocidade.

O pasado mes de maio a Xunta decretou o freo á apertura de novos establecementos deste tipo, quedando o seu número limitado, polo de agora, ás actualmente existentes ou en tramitación. A duración definitiva desta limitación dependerá da entrada en vigor da nova Lei do Xogo e do que a norma dispoña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.