A patronal do xogo celebra o seu "cumio" no Gaiás e nega que exista un "problema real" en Galicia

Salón de xogo nunha localidade galega © Ageo

“En Galicia non existe un problema real co xogo”. Esta contundente afirmación sae de Serafín Portas, presidente da Asociación Galega de Empresas Operadoras (Ageo), a patronal que agrupa, fundamentalmente, as empresas das máquinas comecartos e salóns recreativos. 

“En Galicia non existe un problema real co xogo”, din desde a Asociación Galega de Empresas Operadoras, que agrupa as máquinas comecartos e os salóns de xogo

Neste mércores, no Gaiás en Compostela, Ageo celebra o “cumio galego do xogo”, un encontro no que empresarios, expertos e cargos públicos analizarán a súa “competitividade” e no que a patronal volverá denunciar a que considera unha “ofensiva social, mediática e política que ten o sector no punto de mira”. 

Desde Ageo insisten en diferenciar as casas de apostas deportivas, en alarmante progresión desde hai anos, co sector do "xogo tradicional" a quen representa, así como a “dobre vara de medir” entre o xogo privado e o público (Loterías ou o da ONCE). 

Exterior dun local de apostas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública

A patronal, que non inclúe as grandes empresas de apostas deportivas pero si mantén algún acordo e pode contar cun espazo para elas nos seus salóns, advirte de que un estudo que se presentará este mércores demostrará “que realmente non existe un problema de xogo” en Galicia. A problemática que existe, escasa segundo din, ten un índice “dos máis baixos de Europa”, tal e como aclara Serafín Portas. “Estásenos demonizando”, insiste quen pide que, no caso de haber ese problema que limita ás apostas deportivas, “deben buscarse solucións, pero non meter todo no mesmo saco”. 

"Estásenos demonizando", di Ageo, que pide que se diferencia entre casas de aposta e o "xogo tradicional"

Pola contra, desde asociacións de prevención da ludomanía e tirando de estatísticas lémbrase que o gasto da poboación galega nos xogos e apostas e a expansión destes negocios medrou un 27% nos últimos tres anos logo de que, como denuncian diversas entidades, concedese 3.600 máquinas para apostar nos bares. A nova lei do xogo busca acoutar máis os perigos deste sector, pero mentres afectados piden máis contundencia, desde Ageo, por exemplo, cren que a lexislación que se prepara élles moi prexudicial. 

Non hai moitas semanas, Agalure (Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados) estableceu o perfil da ludomanía en Galicia: mozo, con estudos e traballo fixo e que se inicia nas máquinas comecartos, aínda que aclaraba que son xa as apostas deportivas online a maior ameaza. 

No congreso que Fejar (Fefderación Españaola de Jugadores de Azar Rehabilitados) celebrou na Coruña hai poucos días, Antonio Rial Boubeta, profesor da USC, presentou algunhas das conclusións dun estudo realizado cunha mostra de máis de 9.000 menores galegos nos que se concluía que un de cada catro xogara xa algunha vez na súa vida e case un de cada dez no último mes. “É unha práctica habitual para uns 10.000 menores”, explicaba sobre un informe que aclaraba que o xogo presencial triplica ao online porque “os adolescentes xogan á vista de todos, nos bares, nas cafeterías e nas máquinas” e tamén porque, maioritariamente, ninguén lles pide o DNI. 

Diversos estudos advirten do grave problema que supón o xogo entre os mais novos, especialmente coa proliferación das casas de apostas deportivas

En Galicia hai, na actualidade, 160 salóns de apostas en funcionamento ou en trámite e case 4.000 terminais, entre as destes espazos e as dos bares. Ademais, hai tamén un total dunhas 18.000 máquinas comecartos: unhas 8.400 en locais de hostalería (fronte ás 20.000 que había nos 90) e outras 9.500 nos salóns de xogo. O crecemento no sector, parece claro, vén da man das novas modalidades de apostas deportivas, as que se sinalan como máis prexudiciais para a cidadanía, especialmente a xente nova. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.