A Xunta deu a coñecer este luns o borrador da futura Lei do Xogo, que substituirá á norma vixente, que data do ano 1985. Sobre o proxecto paira a necesidade de poñer couto á expansión das tendas e salóns de apostas e de introducir elementos que limiten o risco de adiccións e de captación de usuarios menores de idade, un sector da poboación no que as apostas están a introducirse con rapidez, xerando importantes problemas.
O texto, como xa fora adiantando nos últimos meses, introduce elementos de seguridade no acceso de menores e varias limitacións para a apertura de novos establecementos. No anteproxecto establécese que todos os locais de xogo deberán ter control de acceso para evitar a entrada de menores e das persoas que figuran voluntariamente no rexistro de prohibidos. Así mesmo, o número de autorizacións para a apertura de salóns e tendas de apostas limítase ás que xa existen na actualidade e ás que están en tramitación.
"Fai máis dano a casa de apostas do barrio de Navia a 20 metros dun parque infantil que a 100 metros dun parque escolar"
Con todo, o borrador feito público foi recibido con críticas por parte de expertos e das asociacións de afectados polo xogo, que coinciden en considerar o proxecto "morno", "incompleto", "ambiguo" e mesmo "pouco valente". Así opina tamén Juan Lamas, director terapéutico da Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA) e director técnico de FEJAR (Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados). "Non recolleron ningunha das alegacións que presentáramos no seu día", critica, lamentando sobre todo a ausencia de todos os elementos relativos coa prevención. "Un imposto especial, recadado pola propia actividade do xogo, debería servir para introducir programas de prevención", di e propón que "a Lei do xogo debería ser auspiciada polo Ministerio de Sanidade e non polo organismo regulatorio do xogo, como é Facenda".
"Non recolleron ningunha das alegacións que presentáramos no seu día"
Lamas concorda con algunha das medidas introducidas no texto, como o incremento das distancias mínimas entre colexios e casas de apostas ("é algo que levamos 20 anos reclamando", sinala), pero reclama que estas distancias mínimas se establezan tamén en relación cos parques infantís ou coas instalacións deportivas. "Fai máis dano a casa de apostas do barrio de Navia a 20 metros dun parque infantil que a 100 metros dun parque escolar", di.
A norma prevé que propietarios dos locais de hostelería pasarán a ser responsables de que ningún menor faga uso das 3.600 máquinas instaladas nos seus establecementos, ao igual que na actualidade fan coas máquinas de venda de tabaco. O incumprimento desta norma será considerado unha infracción moi grave, sancionada con multas de entre 18.001 e 100.000 euros, unha cantidade que se elevarían en caso de reincidencia.
"Nós fixéramos unha proposta, para que fose a propia máquina a que controlase o acceso, facendo obrigatorio o uso do DNI electrónico para apostar nela. Pero non foi tida en conta"
O directos terapéutico de AGAJA ve aquí un dos puntos máis frouxos da norma. "Os controis de acceso nos salóns están moi ben, é algo que tamén levamos anos e anos reclamando. Pero a Xunta parece que esquece que concedeu 3.600 licenzas para máquinas de apostas en bares e aí non vai haber ningún control de acceso, porque o dono do bar non se vai facer responsable", di. "Isto non se vai facer efectivo. O que di a lei é que se o collen, recibirá unha multa. Pero é como se houbese unhas normas de seguridade vial pero ningún radar ou policía para controlar o seu cumprimento", engade. "Non hai que protexer os menores dun xeito paternalista, senón que simplemente hai que cumprir a lei. Por lei os menores de 18 non poden xogar, e punto", subliña.
"Nós fixéramos unha proposta, para que fose a propia máquina a que controlase o acceso, facendo obrigatorio o uso do DNI electrónico para apostar nela. Pero non foi tida en conta", explica, concluíndo que "ao final, esas cousas que eles anuncian como novidosas e como unha lei do século XXI queda nunha lei do século XVIII". "Claramente os operadores de xogo estaban contentos na reunión e seguirán contentos, porque manteñen as súas 3.600 licencias en bares e as súas tendas e salóns de apostas abertos", di.
"O maior problema xa non é a ludopatía, senón que é unha cuestión de hábitos de vida e de ocio, sobre todo na mocidade", conclúe
Para Lamas, que anuncia que AGAJA presentará un documento con alegacións nos vindeiros días (o 17 de xuño é o último día para facelo), "a norma convértese nunha sucesión de medidas correctoras dos efectos máis graves do xogo, simplemente para lavar a cara".
Destaca que "quen está reclamando medidas e controis é a sociedade civil, e as administracións van a remolque: asociacións de veciños, entidades xuvenís, formacións políticas..." e reclama unha acción máis decidida por parte da administración, sobre todo no que atinxe á mocidade: "O maior problema xa non é a ludopatía, senón que é unha cuestión de hábitos de vida e de ocio, sobre todo na mocidade", conclúe.