A Xunta expuxo este luns na Comisión do Xogo de Galicia o "borrador" da lei que, cando estea aprobada, substituirá a regulamentación que rexe este sector no país dende 1985. Os membros deste órgano, ata agora conformado por representantes do propio Goberno galego e das empresas de casinos, bingos e máquinas recreativas, recibiron a versión preliminar dun texto ao que aínda non accedeu "formalmente" a oposición parlamentaria e que incluirá, entre outros aspectos, novos límites para a publicidade do xogo e das apostas, aínda que máis ou menos rigorosos en función do soporte.
A Xunta avanza que cando entre en vigor a nova lei do xogo "só se permitirá a publicidade" destes negocios "en prensa escrita" e baixo "supostos concretos"
O texto no que traballa o Executivo galego non foi divulgado de xeito público ata este luns, a propia Xunta ofreceu diferentes avances do seu contido en días previos. Na véspera do encontro da devandita comisión a Vicepresidencia, órgano que impulsa a lei, avanzou que "a regulación da publicidade será" unha "das grandes apostas destas nova lei". Segundo o avanzado, quedará vetada en todos os medios cunha excepción: os xornais impresos.
Será un regulamento posterior á lei o que sinale de xeito "específico" como e onde se poden anunciar os negocios de xogo de azar e apostas en Galicia, pero a lei xa "determina" os seus aspectos xerais. Concretamente, di a Xunta que "dentro das súas competencias" só "se permitirá a publicidade en prensa escrita", o que semella unha referencia aos xornais impresos, e "limitada a supostos concretos e taxados na norma". Tamén poderá haber publicidade nos "locais específicos de xogo". Quedaría, daquela, vetada nos demais soportes.
Atendendo ao texto publicado no Portal de Transparencia da Xunta este 3 de xuño, os xornais impresos poderán continuar publicando "publicidade de xogos de carácter meramente informativo". Ata que exista o devandito regulamento específico, entenderanse por "meramente informativos" os anuncios co emprazamento, horario e actividades que ofrecen os diferentes locais. En radio e televisión a prohibición afectará aos "espazos especialmente dirixidos ao público infantil". Alén disto, remítese a normativa xeral sobre publicidade.
Fóra dos medios, o bosquexo da lei tamén se remite ao futuro regulamento no que atinxe a algúns dos soportes publicitarios máis controvertidos para as apostas. Así, indica que "a publicidade, promoción e patrocinio e calquera forma de comunicación comercial das actividades de xogo estará suxeita a autorización previa" segundo os "termos e condicións" que fixe ese desenvolvemento regulamentario..
Novas distancias entre locais e limitación de máquinas
Sempre segundo os avances divulgados pola Xunta, a nova lei "ampliará, na práctica", as distancias físicas esixidas para abrir locais dedicados ás apostas e ao xogo de azar en xeral. Así, por exemplo, os 150 metros que, como mínimo, deben separar estes establecementos dos "centros escolares con menores de idade" pasarán a calcularse de maneira "radial" e non "tendo en conta as vías que usaría unha persoa para ir andando dun punto a outro", polo que "na práctica, a distancia será maior".
Nesta liña, os 300 metros que ata agora son esixidos entre establecementos de xogo do mesmo tipo -por exemplo, entre unha tenda de apostas e a seguinte- pasarán a ser obrigatorios para "calquera tipo de establecemento de xogo". Deste xeito, "un salón de xogo terá que estar, como mínimo, a 300 metros de distancia doutro salón de xogo", con independencia da modalidade específica que ofreza.
A previsión da Vicepresidencia é que coa nova lei só poida haber en Galicia 118 salóns de xogo e 41 locais de apostas, os que agora están xa abertos ou en trámite
Vicepresidencia adianta tamén que "outra das principais novidades será a limitación tamén do parque de máquinas recreativas e de máquinas de apostas". A diferenza a respecto da actual normativa é que "actualmente, cando unha máquina se daba de baixa definitiva, podían autorizarse novas ata chegar ao límite establecido", pero coa nova lei, as máquinas que sexan dadas de baixa "irán reducindo o límite máximo na proporción correspondente e non se poderán dar novas autorizacións".
Cando a nova lei chegue ao Parlamento a cidadanía poderá coñecer integramente un texto durante cuxo trámite a Xunta impuxo unha moratoria de nove meses á apertura de novas tendas de apostas. A intención deste veto temporal, indica a Xunta, é "evitar especulacións antes da entrada en vigor do novo texto normativo" que, asegura, limitará o número de salóns de xogo e de locais de apostas "aos que xa existen e aos que están en tramitación", é dicir, 118 salóns de xogo e 41 locais de apostas.