O PP veta retirar as subvencións da Xunta aos medios con anuncios de prostitución

Anuncios de prostitución nun xornal impreso de ámbito estatal CC-BY-SA eldiario.es

É un debate antigo que estivo a piques de ser pechado pola vía legal en 2010, cando o desaparecido Ministerio de Igualdade comezou a desenvolver unha iniciativa aprobada no Congreso dos Deputados para prohibir os anuncios de prostitución na prensa. Aquel proxecto, iradamente rexeitado polas empresas editoras dos principais diarios impresos pero con amplo aval político e sustento dun informe do Consello de Estado, chegou a ser enviado ás Cortes no verán de 2011, pero o envorcamento do Goberno de Zapatero nas medidas económicas e o posterior adianto electoral truncou un proxecto que nunca volveu ser recuperado. Este xoves o Parlamento de Galicia puido dar un relevante paso para evitar que os denominados "anuncios de contactos" sigan figurando na prensa editada no país, pero os votos do PP impedírono.

Dada a falta de competencia para que a Xunta formalice esta prohibición, a deputada de AGE Eva Solla formulou unha iniciativa para instar o Goberno galego a "suspender" de inmediato "as axudas económicas" aos "medios galegos ou comercializados en Galicia" que inclúan anuncios de prostitución e, nun segundo termo, a "reclamar" do Goberno de España unha reforma da lei xeral de publicidade para que, por esa vía, formalizar a prohibición. Esta, indicou Solla, sería unha solución "de mínimos" que evitaría a "hipocrisía" que, ao seu xuízo, supón que a Xunta promova "leis que protexen as vítimas de violencia de xénero e da trata" mentres financia medios "que anuncian e favorecen explotación sexual de mulleres e nenas".

Eva Solla (AGE) lamenta que "semelle máis importante que os medios falen da política do Goberno" aínda que "anuncien a explotación sexual de mulleres e nenas"

"Non hai que esquecer", abonda a parlamentaria, que "gran parte" destes anuncios remiten a "clubes e pisos nos que se explota sexualmente" ás mulleres, e isto "non pode seguir tratándose como unha cuestión secundaria" na relación do Goberno cos medios. Para a Xunta, lamenta, "semella máis importante que os medios falen da política do goberno" con sustento nestas subvencións aínda que parte da súa publicidade promova "a vulneración dos dereitos humanos.

"A prensa non pode buscar a solución á súa crise na trata de mulleres"

A proposta de AGE recibiu o apoio do BNG, para cuxa deputada Monste Prado a "existencia destes anuncios" provoca que as mulleres sexan tratadas como "mercadoría", e tamén do PSdeG, que a través dunha emenda de engádega formulada por Carmen Acuña propuña, xunto á eliminación das axudas, "incentivar os medios de comunicación que voluntariamente retiren" este tipo de publicidade coa inserción de campañas da Xunta "contra a prostitución e a trata". "A prensa -resume- non pode buscar a solución á súa crise [de ingresos] na trata de mulleres" e a Xunta debe "actuar" contra os anuncios de prostitución e tamén contra as ofertas como a aparecida nos últimos días na que se solicitaba unha camareira "un poco puta" para traballar nun local dunha vila galega, resaltou.

O PP di "concordar" coa retirada destes anuncios pero propuxo substituír a suspensión das axudas por unha campaña de "formación"

Pola banda do PP a súa voceira, Marta Rodríguez-Vispo, dixo "concordar" co "obxectivo" da iniciativa de AGE, un "tema moi serio" que "move moitos cartos" e no que "todos estamos de acordo que hai que erradicar". Dado que en 2009, cando o plan integral contra a trata animou á fin destes anuncios pola vía da "autorregulación", xornais como La Razón, 20 Minutos ou os desaparecidos Público e Avui decidiron eliminar a publicidade de prostitución, "o que temos que tratar é de que todos os demais se unan a estes diarios", di.

Por este motivo a popular formulou unha emenda coa que propuña substituír a suspensión de axudas aos medios que sigan publicitando a prostitución por "accións de formación cos profesionais dos medios". Asemade, avogaba por "seguir promovendo a eliminación dos anuncios de contactos de prostitución", pero sen medidas concretas, e facelo "tanto na internet como nos medios de comunicación", obviando polo tanto que os medios de comunicación tamén son unha realidade en internet.

AGE deu en aceptar a emenda popular como engádega, pero non como substitución. "Non podemos partir da posición pueril de que todos nos imos portar moi ben" e os medios van retirar os anuncios, argumentou. Así, Solla solicitou a votación da iniciativa por puntos e os votos do PP impediron a retirada de axudas aos medios que sigan difundindo anuncios "de contactos".

Eva Solla (AGE), defendendo a iniciativa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.