As entidades agrupadas en FADEMGA, que xestionan 2.813 das 5.188 prazas de discapacidade intelectual da Consellería de Política Social, inician mobilizacións para esixir que o Goberno galego cubra os custos dos servizos
FADEMGA Plena Inclusión é unha federación que agrupa 42 entidades de atención a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Estas asociacións, piar fundamental para moitas familias, son tamén as responsables de xestionar máis da metade das prazas públicas dependentes da Xunta neste ámbito: 2.813 dun total de 5.188, segundo os datos máis recentes.
Esta xestión realízase baixo a fórmula do chamado concerto social, polo cal o Goberno galego pode encomendar a xestión de servizos coma este a entidades do terceiro sector con, entre outras condicións, cubrir os custos reais de facelo. Esa cobertura, denuncian, é precisamente o que non está a ser cumprido e o que pon este sistema de atención nunha "situación límite", "ao bordo do colapso".

Quen se expresan nestes termos son o presidente e o xerente de FADEMGA, Eladio Fernández e Manel Fernández. Fixérono na presentación dunha acción pouco habitual nestas entidades: un calendario de mobilizacións que, dende o 29 de outubro, incluirá protestas como rodear a sede central da Xunta con furgonetas das diferentes asociacións ou unha concentración de familias de persoas con discapacidade intelectual ante a sede da Consellería de Política Social.
Alzas salariais e inflación provocaron "sobrecustos" no concerto social que "a Administración non asumiu" malia "ser advertida", denuncian. "Se non quere cumprir, que xestione directamente as prazas", agregan
Fano porque o departamento que dirixe Fabiola García, afirman, "non responde ás múltiples advertencias" da federación sobre o incremento dos seus custos. O novo convenio colectivo do sector trouxo consigo unha alza salarial do 10%, o salario mínimo interprofesional subiu un 18,4% en apenas tres anos e a inflación acumulada supera o 10%.
"A Administración foi advertida, pero non dotou orzamento para asumir ese incremento", censura Manel Fernández, e actualmente fai unha proposta que "nin sequera chega ao 6% en prazas de atención diurna nin ao 7% nas residencias", polo que son as propias entidades as que "soportan en solitario este sobrecusto". Neste contexto, a FADEMGA non lle "vale" que a Xunta "acorde cousas con outras organizacións" mentres "nin responde" á súas peticións de negociación.

Os responsables de FADEMGA sinalan, asemade, outro motivo de protesta. Ao teren "o custo por praza máis baixo de Galicia", agrega Eladio Fernández, Política Social está a derivar aos seus centros "persoas que non encaixan nos servizos concertados", ata "poñer en risco non só o persoal, tamén as persoas usuarias". "Hai persoas que precisan outros apoios e os nosos centros non están habilitados para prestar ese servizo".
A Xunta vén poñendo o foco na necesidade de que o Goberno de España incremente a súa achega ao financiamento da dependencia ata chegar ao 50% que marca a lei
Con este pano de fondo, as entidades reclaman negociación e xa non desbotan agregar ao calendario de protestas outras iniciativas como "un acto simbólico de entrega das chaves dos centros" á Consellería. "Estamos falando dunha situación gravísima, que pode abocar ao peche de moitos centros" polo que, "se non quere cumprir coas súas obrigas económicas", terá "que ser a Xunta a que xestione directamente as prazas".
A Xunta, pola súa banda, vén poñendo o foco nas últimas semanas na necesidade de que o Estado incremente a súa achega ao financiamento da lei de dependencia para chegar ao 50% de custos fixado pola normativa. Sobre este extremo, FADEMGA advirte de que "Galicia é a cuarta autonomía que recibe maior porcentaxe de financiamento" estatal neste ámbito polo que cabe preguntarse "que fai con eses fondos" e "por que recorta a partida autonómica".