En vésperas de que o Ministerio de Consumo promulgue o decreto co que limitará a publicidade das casas de apostas, a Asociación Gallega de Empresas Operadoras (AGEO), que agrupa as principais empresas do xogo de azar en Galicia, celebrou nun hotel de Santiago a sétima edición do que denominan "cumio galego do xogo". A xuntanza, celebrada baixo o título Vuelve el juego, combinou intervencións por videoconferencia con outras presenciais. Entre os discursos ao vivo estivo o do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, encargado de inaugurar o encontro e que inicialmente ía intervir a través de internet.
O vicepresidente Rueda inaugurou o encontro da patronal do xogo e comprometeuse a que a futura lei do xogo "envíe á sociedade a mensaxe de que é un sector importante, responsable, ordenado e que xera riqueza"
Ante o presidente de AGEO, Serafín Portas e diversos representantes do sector, o número dous do Goberno galego pronunciou unha eloxiosa intervención cara ao sector, ao que felicitou por ser "responsable" ante a pandemia, pero tamén por xerar "riqueza". "É fundamental que os sectores produtivos máis importantes de Galicia sigan tendo presenza e voz" en plena pandemia, alentou Rueda ás empresas do xogo de azar, segundo reflicte o comunicado oficial no que AGEO resume o seu "cumio".
"A Xunta de Galicia é consciente de que todo o que ten que ver co xogo presencial se está vendo moi afectado pola pandemia", cita textualmente AGEO, que aplaude que o vicepresidente se comprometese a reflexionar sobre "todo o que ten que ver coa fiscalidade" do sector, cos impostos que paga. Porque "é moi difícil esixir que se tribute por ganancias cando non se están tendo".

Coa futura lei do xogo aínda pendente, o vicepresidente asegurou que esta norma non só pretende actualizar a regulamentación dunha actividade "lícita que se atopa moi regulada e por ende, moi vixiada e controlada". Tamén "enviar á sociedade a mensaxe de que o xogo é un sector importante, responsable, ordenado e que xera riqueza e postos de traballo". Esa "responsabilidade", aplaudiu, "acábase de demostrar no voso cumprimento das medidas ante a pandemia, sen que se dese un só contaxio nos locais de xogo".
A patronal do xogo avogou ante Rueda por rebaixas de impostos para compensar a pandemia e o vicepresidente comprometeuse a seguir regulando o sector sen "ceder a demagoxias nin á busca do titular fácil"
Estas reflexións, asegurou, chegan nun contexto no que a Xunta "traballa para conxugar os intereses de todos os actores implicados" sen "ceder a demagoxias nin á busca do titular fácil nin a visións distorsionadas da realidade". A actitude do responsable gobernamental foi acollida de bo grao pola patronal do xogo de azar, que reclamou descontos do 50% "da taxa fiscal sobre o xogo ata decembro de 2021" e a mesma bonificación noutros tributos. Estas reivindicacións recibiron tamén o apoio do presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla: "Estamos ao voso lado para apoiar as vosas reivindicacións ante a Administración", asegurou.
A regulamentación do sector do xogo de azar en xeral e das locais de apostas durante a pandemia en particular estivo no centro da controversia durante as pasadas semanas en Galicia. A razón foi que instalacións como casinos e espazos para apostar viñan gozando dun horario de peche máis amplo que os bares, o que facilitaba que clientela da hostalaría puidese continuar a consumir en espazos de xogo ata as 4 da madrugada.
O pasado 15 de outubro o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que este xoves clausurou o "cumio" de AGEO, defendeu no Parlamento que estes locais puidesen pechar máis tarde que os bares porque a a clientela "non interactua" neles. No entanto, apenas unha semana despois a Consellería de Sanidade, no novo paquete de restricións pola COVID-19, si restrinxiu máis o seu horario de funcionamento.