"Non metamos todo no mesmo saco: unha máquina comecartos non ten nada que ver cunha de apostas"

Serafín Portas, presidente de Ageo (Asociación Galega de Empresas Operadoras) © Ageo

Serafín Portas é presidente da Asociación Galega de Empresas Operadoras (Ageo), a patronal que agrupa, fundamentalmente, as empresas das máquinas comecartos e salóns recreativos. A entidade celebrou este mércores no Gaiás (Compostela) o seu gran cumio, clausurado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Fano nun tempo no que a concienciación e mobilización contra os problemas económicos e de adicción que provocan as casas de apostas é cada vez maior, malia que desde o sector se minimiza. 

O sector do xogo está a ser duramente criticado polos problemas que está a causar na cidadanía, especialmente as casas de apostas entre a mocidade... 

É importante informar con total corrección. Non ten nada que ver unha máquina de apostas cunha máquina tipo B. Métennos no mesmo saco. Non é o mesmo unha máquina comecartos, que leva 40 anos nos locais de hostelería de Galicia e do resto de España, que unha máquina de apostas deportivas, que leva catro ou cinco anos. 

"Sufrimos un ataque desproporcionado; non ten nada que ver unha máquina comecartos, que leva 40 anos nos locais de hostelería, que unha de apostas"

Non considera xustas as críticas?

Estamos vivindo un ataque totalmente desproporcionado, polo menos no que ten que ver co sector que eu represento, o dos salóns de xogo e as máquinas tipo B, coñecidas como comecartos ou tragaperras. Non poden ser estes ataques ou presións inxustificadas que poden arrastrar un sector enteiro que está hiperregulado, que actúa de forma correcta e no que practicamente non hai sancións. Non o digo eu, dio a propia Administración. O noso aval é este. 

Pero parece innegable que hai problemas co xogo...

Que pode haber algún problema coas apostas deportivas? Pois que se regule e que se faga o que se teña que facer, pero porque un sector dentro do xogo teña un problema non se pode arrastrar outro sector que leva 40 anos traballando. Separemos o tema porque é importante diferenciar, tamén entre máquinas de apostas e máquinas de tipo B. 

"Non existe un problema co xogo en Galicia; se hai algún problema coas apostas deportivas, que se regula e se faga o que se teña que facer"

Pero di que non existe un problema real co xogo en Galicia, nin tan sequera coas apostas deportivas?

Co xogo non existe problema, iso está claro. No cumio que celebramos en Santiago presentamos o avance dun estudo encargado pola nosa asociación e todo o sector do xogo onde se vai poder acreditar que realmente non existe un problema de xogo e que os índices desa pequena problemática que existe son, ademais, dos máis baixos de Europa. É certo que hai outros datos contrarios.

Pero, daquela,  hai un problema...

Que pode haber mañá un problema de apostas deportivas en Galicia na hostalería? Pois se está detectado e é así, busquemos solucións aos problemas das apostas deportivas na hostalería en Galicia, pero non metamos no mesmo saco un sector que leva décadas operando sen problema. 

Serafín Portas intervén nun acto de Ageo © Ageo

Os datos falan dun incremento do gasto no xogo e da proliferación de locais en Galicia.

Nos anos 90 chegou a haber 20.000 máquinas de tipo B en locais de hostalería e agora hai 8.400, ademais doutras 9.500 que están en salóns. Ese crecemento no sector do xogo do que falan é mentira. Hai un decrecemento na hostalería que corroboran os datos, derivado tamén da transformación de bares e tascas en gastrobares onde unha máquina tipo B non pinta nada. É aí, loxicamente, cando os empresarios intentamos continuar o camiño e por iso xorden os salóns de xogo. Con todo, en Galicia temos unha ratio de un salón de xogo cada 17.000 habitantes, mentres  nalgunhas outras comunidades é de 3.000 ou 4.000. Nestes espazos, ademais, non poden entrar menores de idade. A operación Arcade, levada a cabo pola policía no pasado mes de setembro, acredita que non hai un problema cos menores nos salóns de xogo: houbo case 2.000 inspeccións e atopáronse só 28 menores de idade. Está ben que se fale das cousas malas do sector, pero tamén se debería falar das boas. 

"Os salóns de xogo poden ter un espazo de apostas deportivas cun máximo de cinco máquinas, pero iso non significa que sexan casas de apostas"

As grandes casas de apostas non están representadas na súa patronal, pero nos salóns de xogo adoita haber tamén máquinas para apostar.

A norma establece que un dos complementos que pode haber nos salóns de xogo é un córner de apostas deportivas, cun máximo de cinco máquinas, pero iso non significa que o lugar sexa unha casa de apostas. Se o problema existe, está claro que non está nestes locais. Imaxe    close   delete_forever swap_vert 

En internet, nos bares, nas casas de apostas... O problema  haino en moitas partes.

E nós, por exemplo, non podemos facer ningún tipo de promoción nin publicidade como xogo presencial que somos. Estásenos demonizando. No entanto, eu vexo anuncios da ONCE e da SLAE (Sociedad de Loterías y Apuestas del Estado) todos os días nos medios de comunicación, igual que das casas de apostas deportivas. Se é xogo, debería tratarse igual ao xogo público e ao privado. O xogo presencial xera postos de traballo e riqueza en Galicia, onde quedan 60 millóns. Que pode haber algún problema? Pois como pode habelo coas compras compulsivas ou co alcohol, pero nós cremos que podemos ser parte da solución. Se hai que destinar unha porcentaxe das ganancias a colectivos que teñan algunha problemática, nós dicimos que por suposto que si. 

Como se amaña o da publicidade?

Haberá que preguntarse por que leva dous anos metido nun caixón un decreto para regular a publicidade e que non acaba de saír. En Galicia, o xogo presencial non pode ter publicidade, pero calquera outro si. E a Xunta, neste tema, non pode facer nada. E isto hai que dicilo alto e claro: non o fai porque non pode. Pero logo hai anuncios da ONCE onde che aseguran que por un euro podes resolver a túa vida, gañando millóns.. E iso non induce á ludomanía?

"Estásenos demonizando; nós non podemos facer ningún tipo de publicidade, pero vexo anuncios da ONCE e de Loterías todos os días nos medios"

Vostede e a súa asociación é moi crítica coa futura Lei do Xogo que prepara a Xunta. Din que lles prexudica.

Sempre buscamos acordos coa Administración e cremos que, neste momento, aínda co borrador en estudo, queremos unha normativa que nos permita seguir traballando polo menos outros 15 ou 20 anos con tranquilidade, xerando emprego e riqueza e, loxicamente, intentando xerar o mínimo problema social posible. A Xunta ten que facer un equilibrio con todos os intereses e peticións, pero teño fe e confío en que a través do diálogo se consigan sacar as cousas adiante. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.