A Confederación de Empresarios desmárcase do resto do Consello Económico e Social de Galicia do que forma parte e que vén de emitir un duro ditame sobre a lei do xogo que a Xunta leva máis de dous anos elaborando
A Xunta leva máis de dous anos elaborando unha nova Lei do Xogo de Galicia que actualice a de 1985, un proceso no que á espera de coñecerse o texto definitivo que remita ao Parlamento para a súa aprobación está a recibir todo tipo de críticas aos borradores que vén sometendo á consideración doutros organismos ou partes interesadas.
En maio a Comisión Galega da Competencia emitiu un informe no que critica a falta de xustificación de diversas medidas e prazos establecidos no novo texto legal, e agora o Consello Económico e Social (CES), o principal órgano consultivo da Xunta sobre a sociedade galega, fai público un ditame [aquí o PDF] especialmente duro que considera insuficientes as medidas previstas polo Goberno galego para loitar contra a adicción ao xogo. Dese ditame distáncianse publicamente os membros do CES en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que entre outras cuestións defenden a continuidade das máquinas comecartos e de apostas nos locais de hostalería.
O propio Consello Económico e Social -presidido polo ex-conselleiro de Infraestruturas Agustín Hernández e integrado ademais de pola patronal por sindicatos, universidades ou consumidores- admite que no debate previo á aprobación do seu ditame crítico coa nova lei do xogo “existían dúas posicións diferenciadas entre os membros: por unha banda, os que entendían que o texto só atende á promoción do xogo sen ter en conta os problemas que xera a súa práctica incontrolada, e outra que entende o xogo como unha actividade económica con impacto nas empresas e na economía galega”. O ditame aprobado, salienta o CES, “fai un chamamento a que a administración autonómica aborde con profundidade a saúde e seguridade das persoas consumidoras e usuarias nun momento en que a ludopatía está a medrar”.
As máquinas comecartos, din os empresarios, son "unha parte máis" dos locais de hostalería e a súa existencia "non deu ningún problema ao longo dos anos"
Pola contra, fronte ao ditame crítico aprobado polo CES, os seus membros a proposta da patronal galega emitiron un voto particular no que consideran que as consideracións do resto de integrantes do órgano a respecto da “práctica incontrolada” do xogo “non están xustificadas”. Entre outras cuestións, se o ditame do CES critica “que a norma non prevea a desaparición das máquinas comecartos e de apostas deportivas nos establecementos de hostalaría e restauración”, a patronal contesta salientando “os postos de traballo indirectos xerados pola achega do sector á hostalaría”, con 7.093 locais de hostalería con máquinas comecartos na actualidade.
Defende que é unha “oferta de xogo consolidada que garante un intre de lecer aos clientes, cun premio controlado e reducido e que non deu ningún problema ao longo dos anos”, din os empresarios, que engaden que as máquina comecartos, denominadas máquinas de tipo B, “é unha parte máis do establecemento”. Canto ás maquinas de apostas, os empresarios consideran que basta cos sistemas de control previstos pola Xunta para que sigan na hostalería.
Nada contesta a Confederación de Empresarios á consideración xeral do resto de membros do Consello Económico e Social de que “resulta difícil entender o sentido de disposicións tendentes a limitar o acceso a establecementos específicos de xogo cando o acceso con controis máis laxos pode facerse en centos de locais abertos ao público en Galicia”, en referencia á hostalaría.
O ditame do CES considera “de todo punto insuficientes as medidas establecidas no anteproxecto xa que logo non inciden decididamente en cuestións como a publicidade e a promoción dos xogos, a tipoloxía de establecementos nos que se pode desenvolver esta actividade, as distancias entre establecementos e centros educativos ou de rehabilitación, ou os prazos de vixencia das autorizacións anteriores á entrada en vigor da futura lei con independencia da localización dos espazos onde se desenvolven actividades de xogo”.
O CES critica que a lei “practicamente non regula a figura do xogo en liña, á que accede a poboación máis nova e que é responsable do incremento da adición”
O CES tamén critica que a nova lei “practicamente non regula a figura do xogo en liña, á que accede maioritariamente a poboación máis nova e que é responsable do incremento das cifras de adición”. E mesmo censura que “algúns fragmentos do texto parecen incidir na naturalización da actividade, poñéndoa en valor (“carácter dinámico e activo”), deixando case de lado os graves problemas que ten ocasionado”.
O CES non comparte que se exclúa á prensa escrita da prohibición de publicitar xogos e apostas
O Consello Económico e Social tampouco comparte “a exclusión dos medios de comunicación privados en xeral e da prensa escrita en particular como vehículo de difusión e/ou promoción das actividades do xogo”. Sobre esa cuestión, a patronal tamén se desmarca do ditame e defende que as restricións previstas “son razoables e equilibradas”. Igualmente a patronal non quere que a lei sexa máis concreta en diversas cuestións e prefire que sexa posteriormente a Xunta, e non o Parlamento, quen a través de decretos e regulamentos teñan mans libres para desenvolver o texto legal.