O tribunal anula, por atentar contra a libre competencia, a esixencia de que a instalación de máquinas de apostas en locais que xa teñan aparellos comecartos conte coa sinatura do propietario destes
A Audiencia Nacional vén de anular, a petición da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), a esixencia establecida pola Xunta en 2012 de que a instalación de máquinas de apostas en locais que xa teñan outro aparello de xogo como os comecartos deba contar cun documento asinado pola empresa operadora da máquina xa instalada. Na súa sentenza, que é recorrible ante o Tribunal Supremo, os xuíces censuran que as argumentacións da Xunta en defensa da súa postura no xuízo “parecen inclinarse á protección dos intereses económicos de determinados operadores económicos e non do interese xeral”.
A sentenza agora emitida lembra que as leis estatais 17/2009 de libre acceso ás actividades e servizos e 20/2013 de garantía da unidade de mercado prohiben “a intervención de competidores nos procedementos de outorgamento de novas autorizacións” para comezar a operar unha actividade. Porén, o Decreto 162/2012 que regula as apostas en Galicia estableceu que “a instalación dunha máquina auxiliar de apostas nun local de hostalaría que conte cunha autorización de instalación e localización para máquina de tipo B”, como as comecartos, requirirá, entre outras cuestións, un documento “asinado conxuntamente” pola empresa da máquina de apostas, a persoa titular do local “e pola empresa operadora de máquinas de tipo B”.
O tribunal considera que o xogo é “un sector no que cada sub-produto (máquinas, bingo, apostas) é susceptible de xerar certas interaccións competitivas co resto" e polo tanto estas son competencia entre si
Segundo o tribunal, o requisito esixido pola Xunta deixa en mans dunha empresa competidora a entrada no mercado doutra empresa do mesmo sector, o que contravén as disposicións que garanten a libre competencia. Para iso, a Audiencia Nacional dá a razón á Avogacía do Estado, que actuou en defensa da postura da Comisión da Competencia e esgrimiu un informe da Dirección Xeral da Ordenación do Xogo que ratifica que “ambas actividades (explotación de máquinas de tipo B [como as comercartos] e de máquinas de apostas) son competidoras”. O informe, recolle a sentenza que o avala, di que o xogo é “un sector no que cada sub-produto (máquinas, bingo, apostas) é susceptible de xerar certas interaccións competitivas co resto, polo que resulta evidente que o titular da máquina B instalada no local concreto resulta un competidor relativamente próximo ao do terminal de apostas a instalar no mesmo local”.
O rexeitamento da Xunta a unha máquina de apostas nun local de hostalaría de Betanzos porque a empresa non lle entregou a sinatura da operadora da comecartos que xa operaba alí foi a orixe dun caso que agora anula a normativa galega
O caso agora resolto pola Audiencia Nacional naceu da solicitude dunha empresa operadora de máquinas de apostas que quería instalar unha nun local de hostalaría de Betanzos á que a Xunta denegou en 2017 a autorización por non entregarlle “o documento de conformidade asinado pola empresa operadora de máquina tipo B”. A empresa foi amparada pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que reclamou á Vicepresidencia da Xunta que rectificase, pero segundo a sentenza o 15 de decembro de 2017 o vicepresidente, Alfonso Rueda, contestou o requirimento “rexeitando o solicitado neste”.
A Comisión da Competencia presentou un recurso contencioso-administrativo contra a Xunta e esta, no proceso, defendeu que “non pode afirmarse que os titulares de máquinas auxiliares de apostas e de máquinas de tipo B compartan o mesmo mercado polo simple feito de que as respectivas máquinas estean instaladas nun mesmo establecemento”, algo que a Audiencia Nacional non comparte.
A Xunta defendeu a "boa fe" tanto das empresas de apostas como das de comecartos e argumentou que a eliminación do requisito da sinatura “suporía un prexuízo económico notable" para as segundas
Pero a Xunta tamén argumentou que a eliminación do requisito da sinatura “suporía un prexuízo económico notable para aquelas empresas operadoras de máquinas de tipo B que prestaron a súa conformidade [ás máquinas de apostas] posto que iso conlevou que tivesen que facer investimentos na ampliación da súa loxística empresarial para dar cobertura a este novo negocio”. Igualmente, segundo recolle a sentenza, o Goberno galego defendeu que as empresas de apostas “eran coñecedoras das esixencias da normativa autonómica e da necesidade de contar coa autorización das empresas operadoras de máquinas B cando solicitaron a autorización para a instalación das súas máquinas de apostas en locais de hostalaría polo que debe presuporse a boa fe da empresa cando presentou a súa solicitude e a intención de cumprimentar todos os requisitos da norma, posto que en caso contrario estaría prexudicando claramente ao resto de operadoras que si presentaron as súas solicitudes e cumprimentaron todos os requisitos”.
A Xunta tamén defendeu a “boa fe” das empresa de máquinas tipo B “que no seu día autorizaron a instalación de máquinas de apostas” e que “en ningún momento valoraron a posibilidade dun cambio normativo que puidese prexudicarlles en beneficio doutros operadores”. Por todo iso, o Goberno galego defendía o mantemento da esixencia da sinatura “polo mantemento das esixencias de boa fe nas transaccións comerciais”.
A sentenza, que é recorrible ante o Supremo, anula os apartados do Decreto 162/2012 que estableceron a obriga de que as empresas de máquinas tipo B asinen para autorizar a instalación de máquinas de apostas
Pero fronte a eses argumentos da Xunta a Audiencia Nacional conclúe que non hai motivo para esixir a sinatura da empresa competidora e que “polo demais, a protección da boa fe nas transaccións comerciais tampouco se erixe como razón imperiosa de interese xeral por canto que as argumentacións da Xunta de Galicia neste sentido parecen inclinarse á protección dos intereses económicos de determinados operadores económicos e non do interese xeral”.
A sentenza conclúe anulando non só a denegación de instalación da máquina de apostas en Betanzos que deu orixe ao preito senón tamén os apartados do Decreto 162/2012 que regula as apostas en Galicia nos que se estableceu a obriga de que as empresas de máquinas tipo B asinen para autorizar a instalación de máquinas de apostas.