A Valedora do Pobo reprocha ao Goberno galego que non xustificase “sequera minimamente” ese posible dano cando ocultou os nomes das empresas ante unha petición de transparencia de Praza.gal e obrígao a reabrir o expediente
A Xunta non quere facer públicos os nomes das empresas ás que multou na última década tras cometer infraccións moi graves contra a lei do xogo para non prexudicar os seus “intereses económicos e comerciais”. Así llo vén de contestar o Goberno galego á Valedora do Pobo, que lle pediu explicacións ao respecto despois de que previamente, en resposta a unha petición de transparencia de Praza.gal, a Xunta dese outro argumento distinto para non identificar as empresas, o de que afectaría ao dereito de protección de “datos persoais” malia non seren persoas físicas senón xurídicas.
Agora a Valedora obriga ao Goberno galego a reabrir o expediente e xustificar xuridicamente de xeito adecuado “se debe primar o interese público na difusión da información [...] ou debe primar a protección dos intereses privados”.
A finais do pasado ano, no marco da tramitación por parte da Xunta dunha nova lei do xogo que actualizará a de 1985, Praza.gal desvelou que varias empresas do sector pediron ao Goberno galego que se multase a menores e adictos en lugar de ás casas de xogo que os deixen xogar, como vén ditando ata agora a norma e así seguirá se non a muda agora o Parlamento. Tras coñecer ese feito, este diario pediu, ao amparo da Lei de Transparencia, o detalle das sancións impostas pola Xunta nos últimos dez anos por infraccións moi graves, entre as que se atopan deixar xogar a menores de idade, reclamando coñecer o detalle das empresas ou persoas sancionadas e o importe das sancións.
A resposta oficial da Xunta confirmou que permitir xogar a menores foi a infracción moi grave máis habitual, e que a Xunta a vén sancionando coa multa máis pequena posible, 18.000 euros cando podería chegar ata 100.000 ou mesmo 600.000 euros en caso de reincidencia ou segundo o beneficio ou dano rexistrado.
Porén, o departamento competente, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta, só facilitou o número de sancións por ano e os seus importes, pero non identificou as empresas ou persoas sancionadas. Así o fixo argumentando que, no marco doutra petición de transparencia previa que recibira, as empresas alegaran que facilitar dita información atentaría “contra o dereito á intimidade das persoas xurídicas”. A Xunta asumía esa alegación como propia sen argumentar se estaba xustificada e dando por boas sentenzas que protexían ese “dereito á intimidade das empresas” nos anos 2000 ou 2012, antes de que en 2013 se aprobase a lei de transparencia estatal que primou o dereito á información.
A Valedora di que a Xunta non pode ocultar os nomes das empresas argumentando o seu dereito á protección de datos persoais porque estes só afectan a persoas físicas, non xurídicas
Praza.gal recorreu dita resposta da Xunta e agora a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, vén de darlle a razón. Pero na súa resposta ante a petición de explicacións da Valedora o Goberno galego introduce un novo argumento non empregado antes, o de que facilitar a información pode afectar os “intereses económicos e comerciais” das empresas.
Na súa resposta inicial a Praza.gal a Xunta esgrimiu o artigo 15 da lei de transparencia que apela a protexer os datos persoais, disposición que en todo momento se refire a persoas físicas. Pero ante o recurso deste diario e a petición de explicacións da Comisión da Transparencia o Goberno galego introduciu un novo argumento “que non figuraba na resolución impugnada”, segundo salienta a Valedora, o de que outro artigo da lei de transparencia, o 14, permite ás administracións inadmitir peticións cando estas afecten a “intereses económicos e comerciais”.
Canto os posibles danos nos "intereses económicos" das empresas, ese argumento non pode ser empregado de xeito automático senón que a Xunta ten que xustificalo, algo que non fixo "sequera minimamente" senón que limitouse a "citar o artigo, sen máis referencias"
Sobre o primeiro argumento a Valedora deixa claro que “un dato de carácter persoal é calquera información relativa a unha persoa física viva identificada ou identificable”, polo que admite que no caso da petición de identificar persoas sancionadas a Xunta debe consultar previamente con estas. “Pero non se pode, en base ao límite establecido no artigo 15, denegar o acceso á identificación dunha persoa xurídica sancionada, agás que unha norma con rango de lei estableza o contrario, norma que neste caso non consta que exista”, di a Valedora.
Canto ao segundo argumento introducido posteriormente pola Xunta, o do prexuízo aos “intereses económicos e comerciais” das empresas, a resposta da Valedora é que eses límites que contempla a lei “non se aplican directamente” senón que, como di dito artigo 14, é unha posibilidade, pero para iso a administración debe xustificalo.
“A invocación de motivos de interese público para limitar o acceso á información deberá estar ligada coa protección concreta dun interese racional e lexítimo”, di a resolución da Valedora, que engade que “no presente suposto, non hai referencia algunha á posible existencia deste límite” na decisión tomada pola Xunta de ocultar os nomes. Na resposta do Goberno galego tanto inicialmente a Praza.gal como posteriormente á petición de explicacións da Valedora, di esta, “non se xustifica, sequera minimamente o posible dano que se podería causar co acceso á información, senón que limítase a citar o artigo, sen máis referencias”.
Ante esta situación, a Valedora conclúe que “se ben se acepta que se poida denegar o acceso á información sobre sancións a persoas físicas das que non se obteña o consentimento, non se pode aceptar a denegación da información referente a sancións sobre persoas xurídicas”, polo o recurso de Praza.gal é aceptado. Así, a Comisión da Transparencia obriga agora ao Goberno galego a que someta a petición de transparencia a posibles alegacións de terceiras partes afectadas, de xeito que as persoas físicas poidan argumentar o que consideren en protección dos seus datos persoais, pero non así as xurídicas.
E sobre os posibles prexuízos “económicos e comerciais” das segundas, as alegacións que poidan presentar esas empresas deberán ser valoradas pola Xunta para decidir “se debe primar o interese público na difusión da información, concedendo neste caso acceso total ou parcial á mesma, ou debe primar a protección dos intereses privados que estes terceiros poidan alegar, denegando neste caso parcial ou totalmente o acceso á información solicitada, previa xustificación debidamente motivada na resolución que se dite”.