As infraccións moi graves están penadas de 18.000 a 100.000 euros, mesmas cifras que o Goberno galego manterá na nova lei do xogo, pero cando menos na última década non impuxo ningunha de máis de 18.000
Permitir xogar a menores de idade é a infracción moi grave que máis habitualmente detecta a Xunta no sector do xogo, unha media de cinco veces ao ano durante a última década, segundo os datos oficiais que vén de obter Praza.gal a través dunha petición de transparencia. As infraccións moi graves poden ser sancionadas con multas de entre 18.000 e 100.000 euros, que poden chegar ata os 600.000 euros en caso de reincidencia ou segundo o beneficio ou dano rexistrado, pero cando menos na última década a Xunta non impuxo ningunha multa superior ao límite mínimo da sanción, 18.001 euros.
Esas cifras manteranse na nova lei do xogo que o Goberno galego vén de remitir ao Parlamento e en cuxa tramitación varias empresas do sector chegaron a reclamar, sen éxito, que fosen os menores e non as empresas os sancionados se conseguen xogar malia telo prohibido.
Tras desvelar Praza.gal que varias empresas pediron á Xunta que se multase a menores e adictos en lugar de ás casas de xogo que os deixen xogar, este diario solicitou ao amparo da Lei de Transparencia o detalle das sancións impostas nos últimos dez anos ao abeiro do artigo da vixente lei do xogo que regula as infraccións moi graves. A petición reclamaba coñecer o número de sancións impostas segundo cada tipo de infracción moi grave, o detalle das empresas ou persoas sancionadas e o importe da sanción.
A resposta agora facilitada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta é parcial e oculta os nomes das empresas. Faino así, argumenta, porque empresas afectadas alegaron no marco doutra petición de transparencia previa que facilitar dita información atentaría “contra o dereito á intimidade das persoas xurídicas”. Na resposta á petición deste diario a Xunta limítase a reproducir o argumento das empresas sen argumentar por que o dá por válido ou en que medida.
Na última década a Xunta impuxo cinco sancións ao ano por permitir xogar a menores, e catro sancións anuais por organizar xogos e apostas sen as autorizacións debidas
Así, os datos facilitados agora pola Xunta son o número de sancións impostas cada ano de cada tipo de infracción moi grave contempladas no artigo 28 da lei vixente ata agora. E a infracción moi grave máis frecuente é a regulada no artigo 28.e), “a autorización ou permisión ós menores de idade da práctica de xogos de sorte, de envite ou de azar”, con 48 sancións na última década, unhas cinco ao ano, 9 delas no pasado 2022.
O segundo tipo de infracción moi grave máis habitual é a regulada no artigo 28.a), “a organización, xestión ou explotación de xogos e apostas sen posuír tódalas autorizacións legalmente previstas”, con 41 sancións impostas na última década, unhas catro ao ano.
Por detrás, a máis distancia, están outras infraccións moi graves como “a carencia dos documentos necesarios para a explotación dos elementos de xogo” (28.g) con 17 casos na última década, “calquera acción ou omisión que, significando unha alteración ou modificación substancial do disposto nos regulamentos respectivos, sexa determinante de defraudación ou engano” (28.m) con oito casos en dez anos, “a reincidencia pola comisión de máis dunha infracción grave no prazo dun ano” (28.n) con tres casos, “o feito de superar os límites máximos de premios ou de apostas permitidas para cada xogo” (28.i) con dúas sancións e “utilizar elementos de xogos ou máquinas non homologadas ou autorizadas ou substituír fraudulentamente o material de xogo ou das máquinas” (28.c) cunha sanción.
Segundo o listado facilitado pola Xunta non houbo infraccións como conceder préstamos a xogadores nos lugares nos que se practica o xogo, organizar xogos en recintos distintos dos autorizados ou ausencia de medidas de seguridade neses espazos.
As sancións, tanto na lei anterior como na nova, poden chegar a 600.000 euros en función do beneficio obtido coa infracción, pero na última década a Xunta impuxo só multas polo importe máis baixo posible
O que si detalla a Xunta na información facilitada é que o importe máximo imposto por calquera das 120 infraccións graves anteditas foi de 18.001 euros, isto é, a multa máis baixa permitida dentro do rango de 18.000 a 100.000 euros previsto pola lei para as sancións por infraccións moi graves, coa posibilidade de que cheguen ata os 600.000 euros “no caso de reincidencia ou segundo as contías xogadas, beneficios obtidos ou incidencia social”.
A nova lei do xogo que a Xunta vén de remitir ao Parlamento mantén ese mesmo rango de multas e tamén a posibilidade de aumentalas ata os 600.000 segundo criterios similares de gradación por intencionalidade ou reincidencia para evitar que o beneficio que poida obter o sancionado pola súa conduta sexa superior á sanción recibida.