A Xunta ultima a autorización dun casino en Santiago que legalmente estará na Coruña

Casino Atlántico, do Grupo Comar na Coruña, que actuaría como "matriz" da "sala adicional" de Santiago © Casino Atlántico

Dende finais de 2022 a Xunta tramita no Parlamento a nova lei do xogo, que prometera para 2018 e que remudará o primeiro texto lexislativo que regulou o xogo de azar en Galicia en 1985. Mentres ese trámite non finaliza, segue rexendo a norma aprobada hai case catro décadas, tempo no que non obstante foi modificada ata en dez ocasións polos gobernos de Manuel Fraga e de Alberto Núñez Feijóo,

Unha desas mudanzas foi introducida aproveitando a lei de acompañamento dos Orzamentos de 2015 para permitir abrir novos casinos que, legalmente, pasaron a ser considerados "salas adicionais" dos xa existentes aínda que ambas instalacións estean a quilómetros de distancia. Ao abeiro dese precepto o Goberno galego autorizou en 2018 un novo casino en Vigo que legalmente está na illa da Toxa (O Grove) e agora disponse a facer o propio en Santiago cun casino con sede na Coruña, tal e como adiantou este 21 de febreiro El Correo Gallego e puido confirmar Praza.gal.

A lei do xogo de 1985 só prevía que a Xunta autorizase un casino por provincia, pero coa condición de contar "cun asentamento de poboación superior aos 300.000 habitantes" nun "radio de 25 quilómetros". Deste xeito, só era posible abrir un destes negocios na contorna da Coruña e outro, en Vigo ou os seus arredores.

A lei do xogo aínda en vigor só permitía instalar un casino na contorna da Coruña e outro, en Vigo. Pero a reforma aprobada polo PP en 2014 permite que ambas empresas abran cadansúas "salas adicionais" a quilómetros de distancia se están na mesma provincia

Pero a reforma que entrou en vigor en 2015, aprobada en solitario polo PP e co actual presidente, Alfonso Rueda, como conselleiro con competencias en materia de xogo de azar, abriu a porta aos novos casinos. A reforma indicou que "poderá autorizarse a cada un dos casinos de xogo", o da Toxa e o do Hotel Atlántico da Coruña, "a instalación e funcionamento dunha sala adicional", a cal non ten por que estar ao carón da orixinal sempre e cando funcione "dentro da mesma provincia". "Dita sala -agregaba a reforma- funcionará como apéndice do casino do que forme parte" e nela "poderán practicarse todos os xogos autorizados para casino".

Así foi como Luckia e Cirsa puideron abrir a principios de 2020 un casino no centro comercial vigués A Laxe, a case 30 quilómetros en liña recta. E así é como o Grupo Comar, propietario do Casino Atlántico, prevé poder facer o mesmo en Santiago, concretamente nas instalacións da antiga discoteca do Hotel Araguaney -segundo adiantou El Correo-, isto é, a case 60 quilómetros de distancia en liña recta. 

Alfonso Rueda, participando como vicepresidente nunha presentación dos promotores do casino de Vigo, na sede viguesa da Xunta en 2018 © Xunta

A Vicepresidencia Segunda que dirixe Diego Calvo, consellería con competencias na materia dende que Rueda é presidente, confirma que esta petición de Comar está xa sobe a súa mesa. "Consta presentada a solicitude de autorización e funcionamento para a instalación dunha sala adicional en Santiago do Casino Atlántico", respondeu a preguntas de Praza.gal. A Xunta engade que a solicitude "aínda non foi resolta" porque "non se ten comprobada toda a documentación" polo momento.

Se a "sala adicional" do Casino Atlántico en Santiago é autorizada baixo a lei de 1985, terá que ter menor superficie que o "casino matriz". Se a luz verde chega coa nova lei xa en vigor, o casino compostelán poderá ser máis grande que o coruñés

Dado que a nova lei do xogo aínda está en trámite no Parlamento, é obvio que a petición de Comar para abrir un casino en Santiago que legalmente conste como unha sala do seu negocio da Coruña está solicitada ao abeiro da norma de 1985. Esa normativa vixente establece que "as zonas destinadas a mesas de xogo das salas adicionais non poderán ter, en ningún caso, unha superficie superior ao 80 % da superficie da zona destinada a mesas de xogos do casino matriz", polo que se a autorización do casino compostelán chega a termo antes que o trámite da nova lei, nacería baixo esas normas.

Cuestión distinta é se a luz verde da Vicepresidencia de Calvo a Comar se produce cando a nova lei xa estea en vigor. Como informou Praza.gal, o novo texto sinala que o criterio que cómpre ter en conta non é o da superficie, senón o número de mesas de xogo en funcionamento, que non pode superar o 80% do "casino matriz". Deste xeito, nese caso o novo casino na capital galega podería ter unha superficie total maior que o do Atlántico se os seus promotores así o desexasen.

Diante desta eventual autorización, o Concello de Santiago non oculta a súa incomodidade, se ben o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, advirte das escasas competencias municipais na materia alén de licenzas como a de obras. O goberno local, asume, actuará "de acordo á lei" aínda que non lle "guste" que o novo casino poida instalarse na cidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.