O cuarto casino de Galicia súmase a un sector minoritario que xa fai perder 6 millóns ao ano

Ruleta no Casino Santiago e evolución das perdas da clientela no sector en Galicia © Imaxe: Casino Santiago - Comar | Montaxe: Praza Pública

A sala agora inaugurada en Santiago beneficiouse das prioridades lexislativas do PP para abrir como instalación auxiliar do casino da Coruña a un cento de metros de centros escolares

O pasado venres 16 de maio foi inaugurado en Santiago o cuarto casino de Galicia, tras os da Toxa, A Coruña e Vigo. Porén, para o Goberno galego, que o autorizou, realmente só hai dous, na Coruña e na Toxa, mentres que os outros dous son "salas adicionais" dos primeiros, os únicos que prevía a Xunta en todo o país no comezo da autonomía. O cuarto agora inaugurado, realmente en funcionamento desde xaneiro, súmase a un sector que o pasado ano fixo perder á súa clientela en Galicia 6,26 millóns de euros, unha cifra aínda menor dentro dos 500 millóns ao ano de perdas que supón todo o xogo no país. 

Porén, é unha cifra en ascenso e un 50% superior aos menos de 4 millóns en perdas anuais que viñan provocando os casinos ata hai uns poucos anos. Un crecemento que se pode explicar polas comodidades ofrecidas polos novos casinos para atraer novos públicos afastados da imaxe clásica de espazos reservados ás elites con moitos cartos. No de Santiago é posible perder á ruleta ou o Black Jack con apostas mínimas de apenas 2,50 euros.

A lei do xogo de Galicia de 1985 só prevía que a Xunta autorizase un casino por provincia coa condición de contar "cun asentamento de poboación superior aos 300.000 habitantes" nun "radio de 25 quilómetros". Con estes requisitos durante moitos anos só existiron o casino da Toxa e o da Coruña. Pero o Goberno de Feijóo, con Rueda como conselleiro con competencias na materia, reformou o texto a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2015 para permitir unha "sala adicional" ou "apéndice" dos casinos xa instalados na que "poderán practicarse todos os xogos autorizados para casino".

Unha primeira reforma legal en 2015 permitiu que os casinos da Toxa e da Coruña abrisen salas "adicionais" en Vigo e Santiago

Así foi como Luckia e Cirsa abriron a principios de 2020 un casino no centro comercial vigués de A Laxe a 28 quilómetros en liña recta da súa matriz na Toxa e así é como o grupo Comar vén de abrir agora outro en Santiago, nun baixo antes ocupado por un supermercado na avenida de Vilagarcía, a case 60 quilómetros do Casino Atlántico da Coruña do que é "apéndice".

Se os dous últimos casinos aproveitaron a reforma legal do PPdeG de 2015, o emprazamento do de Santiago viuse facilitado ademais pola demora dos populares en aprobar unha seguinte reforma legal para o sector. En 2018 Feijóo anunciou unha nova lei do xogo galega por considerar a anterior obsoleta, pero a norma non foi aprobada ata 5 anos máis tarde, en xuño de 2023, e cun prazo de tres meses para a súa entrada en vigor, que se produciu o 6 de outubro daquel ano. Só dous días antes, o 4 de outubro, Casino del Atlántico SA, empresa do grupo Comar propietaria do Casino da Coruña, solicitaba permiso para abrir a segunda sede en Santiago, que a Xunta autorizaba un mes máis tarde. 

Feijóo anunciou unha nova lei do xogo en 2018 pero non entrou en vigor ata 2023, e dous días antes o Casino da Coruña solicitou unha segunda sede en Compostela ao amparo da norma anterior, máis laxa nas distancias a centros educativos

Gazas a eses dous días de antelación a respecto da entrada en vigor da nova lei que a Xunta e o PP tardaron máis de cinco anos en tramitar o local puido situarse a apenas un cento de metros de varios centros educativos. Se a lei entrase en vigor antes ou a petición da empresa se realizase despois, a distancia mínima fixada pola nova norma sería de 300 metros. Unha lei durante cuxa longa tramitación varias empresas de xogo, entre elas Casino del Atlántico, chegaron a pedir, sen éxito, non seren elas as multadas en caso de deixar xogar a un menor de idade senón que se sancionase aos propios menores.

Porén, os casinos, polas súas propias características, presentan a priori unha maior dificultade para que poidan acceder a eles menores de idade. O agora aberto en Santiago, como o resto, pide aos clientes un documento de identidade para acceder, co que se comproba tanto a idade como que a persoa non estea inscrita no rexistro de prohibición de acceso a lugares de xogo.

As contías xogadas pola poboación en xeral nos casinos son unha moi pequena parte do que perde a poboación galega en xogos de azar. Segundo as últimas cifras de Cejuego, a patronal do sector, que oscilan segundo o azaroso que fose un ano en grandes sorteos como o do Nadal, en 2023, último exercicio dispoñible, a cidadanía galega perdeu uns 500 millóns de euros, o que se denomina xogo real ou diferenza entre as contías xogadas e os premios. As Lotarías e Apostas do Estado seguen estando á cabeza, con case a metade das perdas do xogo en Galicia, pero os casinos están en aumento. 

As perdas en casinos en Galicia foron de 6,26 millóns de euros o último ano con datos, un 50% máis que antes da pandemia, unha moi pequena parte dos 500 millóns que perde a cidadanía no global de xogos de azar

Ata 2019, o ano previo á pandemia da COVID-19, os casinos provocaban en Galicia arredor de 3,5 millóns de euros en perda aos xogadores. Superada a pandemia de 2020, a cifra non para de medrar, co nivel practicamente recuperado en 2021, 5,42 millóns de perdas en 2022 e 6,26 millóns de perdas en 2023.

As cifras de Cejuego tamén permiten comprobar como, fronte aos xogos de lotarías ou da ONCE nos que as mulleres son máis habituais, nos casinos o perfil principal é o masculino. Así se pode comprobar tamén no novo Casino Santiago, onde a clientela é recibida con toda clase de comodidades, modernidades tecnolóxicas e ofrecementos de axuda no caso de que non saiba como funciona algún xogo. 

Apostas mínimas de apenas 2,50 euros na ruleta ou no Black Jack, que facilitan o xogo de mozos apenas maiores de idade con só 50 euros no peto, non impiden que nos primeiros días tras a inauguración xa houbese veteranos deste tipo de locais que perderon varios milleiros de euros en só dous ou tres minutos ante a ruleta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.