O Goberno galego asume o argumento das empresas de que identificalas afectaría á súa “competitividade” e “posición no mercado”
Na última década a Xunta impuxo 120 multas por infraccións moi graves da lei do xogo, a máis habitual por deixar participar en xogos de azar a menores de idade, en 48 ocasións. Empresas multadas por ese motivo opóñense en maior medida que outras sancionadas por outras cuestións a que o Goberno galego desvele a identidade das implicadas, como vén pedindo Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia. Unha petición que pretende contrastar se esas empresas sancionadas por aceptar a menores son as mesmas que tentan que a nova lei do xogo que se está a tramitar vire por completo e pase a multar aos menores ou aos adictos e non a quen lles deixa xogar.
A finais do pasado ano, no marco da tramitación por parte da Xunta dunha nova lei do xogo que actualizará a de 1985, Praza.gal desvelou que varias empresas do sector pediron ao Goberno galego que se multase a menores e adictos en lugar de ás casas de xogo que os deixen xogar, como vén ditando ata agora a norma e así seguirá se non a muda agora o Parlamento. Tras coñecer ese feito, este diario pediu, ao amparo da Lei de Transparencia, o detalle das sancións impostas pola Xunta nos últimos dez anos por infraccións moi graves, entre as que se atopan deixar xogar a menores de idade, reclamando coñecer o detalle das empresas ou persoas sancionadas e o importe das sancións.
O departamento competente, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta, facilitou o número de sancións por ano e os seus importes, o que permitiu comprobar que deixar xogar a menores foi a infracción moi grave máis habitual e que o Goberno galego a vén sancionado coa menor multa posible, 18.000 euros.
Pero a Xunta non identificou as empresas sancionadas, polo que este diario recorreu ante a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia. Esta obrigou ao Goberno galego a activar o procedemento establecido pola lei de transparencia para consultar a terceiros implicados en peticións de transparencia cando a divulgación de datos en poder das administracións poida afectalos. E agora a Xunta vén de aceptar as alegacións que lle formularon “moitas” empresas e asume que divulgar os seus nomes afectaría á súa “competitividade” e “posición no mercado”. Tamén nega o "interese público" da información.
Porén, a Xunta só mantén ocultos os nomes das empresas que lle presentaron alegacións e facilita os do resto, sen explicar por que neses outros casos si está disposta a que a súa decisión supostamente as prexudique.
As empresas multadas por deixar xogar a menores son as que máis rexeitan que se fagan públicas as súas sancións, fronte a outro tipo de infraccións como carecer de autorización para xogos, entre as que abundan asociacións ou bares
Á espera de que a Valedora do Pobo resolva sobre un novo recurso presentado por este diario para lograr os nomes de todas as empresas multadas na última década, os datos xa obtidos permiten establecer diversas conclusións. Por unha banda, o tipo de infracción no que a Xunta mantén oculto un maior número de nomes de empresas é precisamente o de permitir xogar a menores, o que supón que as empresas que cometeron 44 das 48 infraccións detectadas nese eido negáronse a que se coñecesen as súas identidades e o Goberno galego aceptouno. Por detrás, a moita distancia, negáronse a seren identificadas as empresas que cometeron 22 das 41 infraccións por carecer de autorización para xogos de azar.
Nese segundo eido máis sancionado, o de carecer de autorización para xogos, os datos desvelados de momento pola Xunta permiten comprobar que moitas multas foron impostas a asociacións culturais ou deportivas ou a pequenos negocios de hostalería que non reincidiron nas infraccións. Si foron sancionadas en tres ocasións cada unha por non dispoñer de autorización para xogos de azar dúas entidades discapacitados e minusválidos.