O portavoz parlamentario nega que sexa contraditorio impulsar unha nova lei do xogo que a Xunta presenta como máis restritiva e ao tempo axudar fiscalmente aos bingos
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu este mércores que a Xunta manteña por terceiro ano consecutivo rebaixas de impostos aos bingos co argumento de que é un sector “a piques de desaparecer”. Segundo dixo, os populares consideran adecuado axudar a ese subsector do xogo fronte a outros “polo emprego que xera” malia a que estea “en franco declive”. Nada dixo o portavoz popular da defensa que a súa formación adoita facer do libre mercado.
A próxima semana comezarán a súa tramitación no Parlamento tanto a lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para o próximo ano, na que se establecen novas rebaixas de impostos aos bingos, como a nova lei do xogo de Galicia, na que se fixan novas restricións para o sector. A Puy preguntáronlle este mércores se non é contraditorio impulsar unha lei máis restritiva co xogo en xeral, segundo defende a Xunta, e ao tempo rebaixar impostos aos bingos
A resposta do portavoz parlamentario foi que o do xogo “é un sector moi amplo” no que “hai distintos niveis de práctica”. “Se hai un sector do xogo que está practicamente extinguido ou a piques de desaparecer son os bingos”, engadiu, e incidiu en que “non é nin o sector que xera máis problemas de adición nin é un sector que estea expandíndose e chegando a lugares onde creamos que non debe chegar”.
“Non é un sector relevante senón máis ben un sector en franco declive”, proseguiu Puy a súa explicación para argumentar que a Xunta decidiu axudalo “polo emprego que xera”, “para non finiquitar a actividade e polo tanto desaparecer”. Porén, malia que o argumento expreso empregado pola Xunta na súa lei de acompañamento para defender a medida foi o do efecto que a pandemia da COVID tivo nese subsector, nada dixo este mércores Puy ao respecto.
A nova lei do xogo establece que os bingos sociais, os que non se practican en establecementos de xogo senón organizados por asociacións ou residencias de maiores, deberán comunicarse á Xunta para que esta poida supervisar as súas restricións
Ademais das rebaixas fiscais para os bingos incluídas nas tres últimas lei de acompañamento dos orzamentos, a nova lei do xogo que agora comezará a súa tramitación parlamentaria tamén contempla restricións aos denominados bingos sociais que non se xogan en establecementos rexentados por empresas do xogo. Segundo a lei, cando o bingo sexa organizado por residencias da terceira idade, centros de día ou asociacións culturais ou deportivas, os seus responsables deberán presentar unha "comunicación” ante a Xunta “aos efectos de poder controlar o cumprimento” dos requisitos cos que se pode celebrar ese xogo.
Eses requisitos son que non pode haber máis de catro sesións de bingo ao mes, que as cantidades xogadas e os premios outorgados non superen os 300 euros por sesión, que o xogo sexa manual ou mecánico pero non con ningún sistema informático. Tamén que durante a sesión non haxa presentes menores de idade e que estas se desenvolvan na propia residencia ou domicilio social da asociación que o faga.
A nova norma eleva así a rango de lei, modificándoas en distintos sentidos, condicións que xa existían para a organización de bingos populares, como a obriga de notificalos á Xunta en poboacións de máis de 5.000 habitantes pero non nas de menos, ou o límite de 300 euros á semana sen restricións de sesións por semana.