O Goberno galego protexe os nomes das firmas sancionadas por infraccións moi graves para non prexudicar os seus "intereses económicos", pero a supervisora da transparencia en Galicia négao e defende o interese público da información
"Facer públicas as sancións ás empresas sancionadas por infraccións en materia de xogo, non cabe dúbida que concorda coa finalidade da normativa [de transparencia], de coñecer como toman as decisións os poderes públicos". Así vén de pronunciarse a Valedora do Pobo ante a negativa da Xunta, por petición das firmas implicadas, a facilitar a Praza.gal os nomes das empresas de xogo multadas nos últimos dez anos por infraccións moi graves.
Fronte o argumento das empresas, avalado polo Goberno galego, de que coñecer os seus nomes prexudicaría os seus "intereses económicos", a Valedora, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, di que estas non puideron acreditar ningún dano concreto mentres que a petición de transparencia formulada por este diario é lexítima.
A resolución agora emitida pola Valedora, que dá á Xunta 10 días para facilitar a Praza.gal a información solicitada pero que aínda pode ser recorrida ante a xustiza ordinaria, é o último paso dun longo proceso iniciado a finais do pasado ano. No marco da tramitación por parte da Xunta da nova lei do xogo que vén de actualizar a de 1985, Praza.gal desvelou que varias empresas do sector pediron ao Goberno galego, sen éxito, que se multase a menores e adictos en lugar de ás casas de xogo que os deixen xogar. Tras coñecer ese feito, este diario pediu, ao amparo da Lei de Transparencia, o detalle das sancións impostas pola Xunta nos últimos dez anos por infraccións moi graves, entre as que se atopan deixar xogar a menores de idade, reclamando coñecer o nome das empresas sancionadas e o importe das sancións.
Praza.gal xa logrou revelar que a infracción moi grave máis habitual é permitir xogar a menores, que a Xunta sanciona coa menor multa posible, pero as empresas rexeitan que se divulguen os seus nomes
O departamento competente, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, facilitou o número de sancións por ano e os seus importes, o que permitiu comprobar que deixar xogar a menores foi a infracción moi grave máis habitual e que o Goberno galego a vén sancionado coa menor multa posible, 18.000 euros.
Pero a Xunta non identificou as empresas sancionadas, polo que este diario recorreu ante a Valedora do Pobo. Esta obrigou ao Goberno galego a activar o procedemento establecido pola lei de transparencia para consultar a terceiros implicados en peticións de transparencia cando a divulgación de datos en poder das administracións poida afectalos. E tras esa consulta a Xunta asumiu os argumentos que lle deron as empresas de que divulgar os seus nomes afectaría á súa “competitividade” e “posición no mercado”. Mesmo negou o "interese público" da información.
Este diario volveu recorrer esa nova ocultación da Xunta, e agora a Valedora pronúnciase de xeito definitivo rexeitando que o Goberno galego asumise de xeito acrítico a postura das empresas. A Valedora comeza a súa resolución avalando a lexitimidade da petición de transparencia formulada por Praza.gal lembrando que a lei ampara a calquera cidadán. Tamén rexeita o argumento da Xunta de que a petición era "demasiado xenérica" e lembra que se solicitaba información "bastante concreta": as sancións por infraccións moi graves nos últimos dez anos con indicación do nome das empresas e o importe da sanción, "polo que non se pode considerar xenérica".
"Facer públicas as sancións", di a Valedora, "non cabe dúbida que concorda coa finalidade" da lei de transparencia para "coñecer como toman as decisións os poderes públicos"
A Valedora di na súa resolución que "facer públicas as sancións ás empresas sancionadas por infraccións en materia de xogo, non cabe dúbida que concorda coa finalidade da normativa na materia [de transparencia], de coñecer como toman as decisións os poderes públicos" xa que estas "teñen, ou poden ter, potenciais efectos directos sobre os cidadáns, afectando a dereitos constitucionais vinculados estreitamente coa persoa como a protección como usuarios destes servizos". Así que a facultade sancionadora da Xunta, di a Valedora, "pode e debe ser obxecto de control por parte da cidadanía a través dos mecanismos que ofrece a normativa de Transparencia".
Sobre o argumento de que a divulgación dos nomes pode afectar ao negocio, a Valedora di que "nin a Administración nin as empresas que presentaron alegacións xustificaron con argumentos suficientes que, neste caso, o dano alegado sexa indubitado e concreto, substancial, real, manifesto e directamente relacionado coa divulgación da información". A Valedora incide en que os datos moi limitados solicitados, o nome das empresas que recibiron cada sanción e o importe destas, non implican divulgar documentos con información sensible para as entidades.
Así que a Valedora remata a súa resolución concluíndo que "non pode considerarse que estea nin minimamente acreditada a existencia de límites para o acceso" á información solicitada por Praza.gal, polo que ordena á Xunta que proporcione os datos. Porén, agora a Xunta ou as empresas implicadas poden recorrer a decisión da Valedora ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.