Tras rebaixar impostos ás empresas de bingos e limitar nos bingos veciñais os cartos en xogo a un máximo de 300 euros, agora o Goberno galego eleva esa contía a 1.300 pero especifica que os premios non poderán ser en metálico
Tras cinco anos de tramitación o PP aprobou o pasado xuño unha nova lei do xogo de Galicia que substitúe á anterior, de 1985. A nova norma foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 6 de xullo e a súa entrada en vigor fixouse aos tres meses, o 6 de outubro.
Só dúas semanas despois desa entrada en vigor a Xunta vén de presentar este venres no Parlamento unha reforma da lei para facilitar o xogo do bingo por parte de asociacións veciñais ou nas residencias da terceira idade, onde as protestas comezaron a xurdir despois de constatar que a nova lei aprobada en xuño restrinxía esa actividade.
Tras rebaixar os impostos ás empresas de salas de bingo cos argumentos de que a pandemia da COVID afectáralles moito e que son un sector "en franco declive" e "a piques de desaparecer", a nova lei do xogo impulsada polo PP estableceu que, cando o bingo sexa organizado por residencias da terceira idade, centros de día ou asociacións culturais ou deportivas, os seus responsables deberán presentar unha "comunicación” ante a Xunta “aos efectos de poder controlar o cumprimento” dos requisitos cos que se pode celebrar ese xogo.
Eses requisitos na actual redacción da lei son que non pode haber máis de catro sesións de bingo ao mes, que as cantidades xogadas e os premios outorgados non superen os 300 euros por sesión, que o xogo sexa manual ou mecánico pero non con ningún sistema informático, que durante a sesión non haxa presentes menores de idade e que estas se desenvolvan na propia residencia ou domicilio social da asociación que o faga.
Porén, tras as protestas de múltiples entidades veciñais que viñan celebrando bingos para recadar cartos para festas ou para axudas sociais, agora a Xunta, a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano, promove unha reforma legal que flexibiliza eses requisitos.
As entidades organizadoras deberán seguir presentando unha comunicación á Xunta "cada vez que se pretenda organizar un xogo de bingo"
Mantense o límite de catro sesións ao mes, pero elévanse as contías económicas de xeito que cando a reforma entre en vigor, previsiblemente o 1 de xaneiro, xunto cos orzamentos, permitirase "que as cantidades xogadas non superen os 1.300 euros por sesión e os premios outorgados non superen os 1.000 euros por sesión". Iso si, agora especifícase que "os premios non poderán ser en metálico nin en especie perecedoira".
En todo caso, as entidades organizadoras deberán seguir presentando "cada vez que se pretenda organizar un xogo de bingo nos termos expostos, unha comunicación" á Xunta, comunicación que só era obrigatoria antes da lei aprobada en xuño para as poboacións de máis de 5.000 habitantes.